Tres novos diagnósticos de coronavirus en Galicia no período máis longo da pandemia sen mortes

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A ausencia dunha serie pública da Consellería de Sanidade e a diferenza horaria na que se pechan os partes do Sergas -con datos do día previo- e do Ministerio de Sanidade -con datos ás dúas da tarde de cada día- seguen a dificultar a observación da evolución da pandemia da covid-19 en Galicia no que atinxe aos seus datos máis concretos. Non así no referido á tendencia xeral, que segue transitando por niveis mínimos dende o comezo.

A ausencia dunha serie pública do Sergas e a diferenza horaria dos partes da Xunta a respecto dos do Ministerio seguen atrancando a observación da evolución da pandemia en Galicia

O Ministerio de Sanidade indica este 19 de xuño que na xornada previa se rexistraron en Galicia tres novos diagnósticos de coronavirus, o que eleva a 11 os novos casos da última semana. Deles, catro terían inicio de síntomas nestes últimos sete días. Estes novos casos elevan a incidencia da enfermidade das últimas dúas semanas a 0,93 casos por cada 100.000 habitantes, que segue sendo a máis baixa do Estado.

O departamento estatal finalizou ademais este venres a revisión dunha da serie de datos máis sensibles, a de falecementos. No caso galego, a dúbida estaba en unicamente dez casos, que o Sergas si contabilizaba pero que o Ministerio estaba a revisar. Agora ambas cifras coinciden: son 619 mortes ligadas á covid-19 ata este 19 de xuño e na última semana non se produciu ningunha. Son xa oito días seguidos sen falecementos, o período máis longo dende que se rexistrou o primeiro ligado ao coronavirus.

A Xunta, pola súa banda, segue informando en termos de "positivos activos" e sen ofrecer cifras acumuladas da pandemia en Galicia agás para as que denomina como "curacións", que medran en doce casos e chegan ás 10.518 mentres os "positivos activos" son dous menos, quedando en 341. Non obstante, os datos por áreas sanitarias indican que na de Pontevedra hai dous positivos máis, pasando de 7 a 9.

O total de "positivos activos" baixa en dous casos, pero hai dous máis en Pontevedra, polo que cabe deducir que catro positivos deixaron de selo

Deste xeito, cabe deducir que realmente catro casos que eran "positivos activos" deixaron de selo, pero estes novos deixan o saldo final en dous positivos activos menos que un día antes. Deste xeito, entre esas doce "curacións" que suma o Sergas estarían os catro positivos que deixaron de selo e, probablemente, oito persoas que deron positivo en test de anticorpos pero pasaron directamente á columna de "curados" aínda que non chegasen a ter síntomas da doenza. A ausencia de serie pública e aberta da Consellería de Sanidade impide, non obstante, sabelo con exactitude. [Dúas mil persoas que figuran como "curadas" de coronavirus no Sergas nunca foron "positivos activos"]

No que atinxe ás hospitalizacións, o Ministerio de Sanidade indica unha nova con relación ao día previo, pero o Sergas só informa de que o total de persoas hospitalizadas con test positivo da covid-19 son 6, ningunha delas na UCI. Así, cabería deducir que unha das "curacións" -pasar a dar negativo- foi dunha persoa que estaba hospitalizada e un dos novos positivos computa no seu lugar. Mentres, o número de persoas illadas a domicilio pasa de 337 a 335.

Por áreas sanitarias, as variacións son escasas. A máis significativa é a de Pontevedra, cos devanditos dous positivos máis, mentres que Santiago ten dous menos e Lugo e Ourense, un menos. Dos 341 positivos activos dos que informa o Sergas para este 19 de xuño, 250 súmanos as áreas de Vigo (141) e da Coruña (109).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.