Nos primeiros días do pasado maio o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi cuestionado a respecto de se o seu Goberno contemplaba divulgar unha serie estatística completa sobre a evolución do coronavirus en Galicia, ao xeito do que fai a práctica totalidade das comunidades autónomas. A pregunta chegaba despois de que o Servizo Galego de Saúde sumase dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha, alterando os datos que ofrecera ata o momento nos seus comunicados, aos que Feijóo se remitiu: "Nós temos esa serie e entendemos que a damos todos os días", retrucou.
A Xunta non divulga unha serie completa e aberta dos datos do coronavirus nin fai públicas cifras que si reporta ao Estado, como os novos diagnósticos de cada día ou cantas persoas que indica como "curadas" non chegaron a ter síntomas
Mes e medio despois, o Goberno galego segue sen contemplar a publicación da súa serie histórica sobre a evolución da pandemia no país. Non obstante, Feijóo coida que o problema coa difusión de datos se sitúa no Estado por mor do que cualifica como "contabilidade creativa".
A Xunta continúa a transmitir ao Ministerio de Sanidade cada día máis datos dos que divulga en Galicia, caso por exemplo do número de novos diagnósticos de cada xornada. Tampouco divulga o resultado das correccións e revisións nesta serie histórica nin especifica, por exemplo, cantas das persoas que divulga como "curadas" realmente nunca tiveron síntomas -son arredor de 2.000-, o número acumulado de pacientes que deron positivo -uns 11.000, segundo puido calcular Praza.gal- ou o detalle de casos por concellos ou comarcas.
Neste contexto, a única referencia global da evolución da pandemia para Galicia é a estatística do Ministerio de Sanidade, que o departamento estatal actualizou a pasada semana tras unha segunda revisión global que tivo como principal novidade a recolocación dos casos por día estimado de inicio de síntomas. Esa serie segue en revisión e continúa a ter unha carencia clave: aínda non inclúe a serie depurada e completa do global de persoas falecidas por mor da covid-19. Os informes diarios do Ministerio indican que as acreditadas ata agora son 27.136 (26 na última semana), pero agregan que "se está realizando unha validación dos casos falecidos que permitirá corrixir a serie histórica, que se actualizará semanalmente".
O actual presidente e candidato á reelección polo PP considera que o Goberno central "persiste e insiste nunha contabilidade creativa nas cifras de infectados e falecidos" e especula coa posibilidade de que o faga para que "cantos menos datos se dean, menos impacto teñan as cifras de mortalidade"
Feijóo apoiouse nesta carencia da serie estatal, que aínda persiste, para cargar contra o Goberno central e a súa serie de datos. Así o fixo, por exemplo, nunha entrevista concedida ao xornal El Progreso, publicada a pasada fin de semana, e este luns nun encontro dixital organizado pola axencia de noticias Europa Press.
Segundo o aspirante polo PP á reelección na Presidencia da Xunta, o Executivo de PSOE e Unidas Podemos "persiste e insiste nunha contabilidade creativa nas cifras de infectados e falecidos". Segundo Feijóo, este é un "erro que continúa no tempo" e cuxa causa "descoñece". "Agás pensar -especula- que cantos menos datos se dean, menos impacto terán as cifras de mortalidade", o cal cre que sería unha "decisión cruel". A súa petición, mantén, é que "teñamos a contabilidade real, que faga xustiza ás persoas que perderon a vida e aos seus familiares".
Esas acusacións de "ocultación" e "falta de rigor" nos datos prodúcense nun contexto no que, no que atinxe a Galicia, a suma de falecementos difire en dez persoas entre as reportadas polo Sergas nos seus partes e as incluídas na serie estatal -609 fronte a 619, ata este 15 de xuño-. Segundo avanzou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, o doutor Fernando Simón, estas diverxencias poden deberse a casos duplicados e tamén a falecementos ligados á covid-19 no momento de producírense pero cun diagnóstico non ratificado pola proba correspondente nese momento.