Nas filas da actual oposición galega existe o convencemento de que o PP prefire reducir a campaña electoral á mínima expresión por motivos alleos á pandemia. Formacións como PSdeG, BNG ou Galicia en Común consideran que o aspirante dos populares á reelección, Alberto Núñez Feijóo, aposta ás claras por utilizar a Xunta para dar "mitins" e facer "propaganda" mentres, ao tempo, se afasta das siglas do seu propio partido.
Tellado mantén que Feijóo non convoca actos de partido porque está "centrado no realmente importante"; as forzas da actual oposición coidan que non o fai porque utiliza a Xunta en clave electoral
As devanditas candidaturas da esquerda, pero tamén outras como Ciudadanos, veñen desenvolvendo nos últimos días diversas actividades de precampaña cara ao 12X, presentando as súas candidaturas e as súas primeiras propostas para a vindeira lexislatura. Mentres, Feijóo protagoniza diversos actos dende o Goberno, algúns ligados á xestión directa da covid-19 e outros, non tanto. Uns e outros, segundo o PP, están estritamente ligados coa "loita contra a pandemia" porque Feijóo, aseguran, "renunciou á precampaña".
Así o afirmaba este xoves o número dous de Feijóo no PP, o secretario xeral, Miguel Tellado. Preguntado ao respecto, Tellado afirma que a formación conservadora mantén a súa aposta por non utilizar formalmente a metade da campaña electoral que comeza o 26 de xuño porque "tanto o presidente como o Goberno e o partido" seguen "centrados no realmente importante", que é "a xestión desta crise" e "da recuperación económica".
Malia á crecente axenda de actos en diversos puntos de Galicia, Tellado mantén que "a decisión do presidente foi renunciar á precampaña". Mostra disto, sinala, é que "calquera observador da vida política galega comprobará que somos o único partido que non está a desenvolver actos". Non o fan, afirma, porque "a prioridade é a loita contra a pandemia" mentres o resto de formacións xa "comezaron" cos seus actos. Aínda que di velo "lexítimo", agrega: "é cuestión de prioridades".
Nas últimas semanas, Feijóo realizou diversas visitas: a unha queixería, á fábrica de Citroën ou a dúas empresas, entre outros eventos
Tellado resta intención electoral a unha axenda institucional de Feijóo que, dende a convocatoria das eleccións, xa o levou a diversos puntos de Galicia. Así, por exemplo, o 21 de maio visitou unha queixería en Sarria e seis días despois, a fábrica de Citroën en Vigo. O 1 de xuño, o aspirante á reelección acudiu a un hotel en Santiago e a outro en Ourense porque acolleran persoal sanitario durante o pico da pandemia. Na xornada seguinte acudiu á sede dunha empresa de enxeñaría en visita oficial.
Esta semana, por exemplo, alén das xuntanzas co comité clínico de seguimento da covid-19 e do resto da actividade cotiá, Feijóo tamén se desprazou a Nigrán para visitar unha empresa de impresión 3D no parque empresarial porto do Molle. Ademais, reuniu a representantes de industrias marítimas na Cidade da Cultura, encontro tras o cal pronunciou unha crítica intervención contra o Goberno central. Este xoves, no mesmo escenario, citou a representantes de entidades sociais, encontro tras o cal avanzou medidas na materia que, di, aprobará este venres o Consello da Xunta.