Galicia en Común propón a PSdeG e BNG pactaren as regras da campaña electoral "ante a irresponsabilidade do PP"

Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común CC-BY-SA GeC

Nas últimas semanas, o PP cargou por varias vías contra PSdeG, BNG e Galicia en Común por desenvolveren actos de precampaña cara ás eleccións do 12X. Fan "política" e "campaña", reprocharon, mentres o PP afronta a crise do coronavirus. Tamén aseguraron que pedirán ao conxunto de forzas políticas que non utilicen a primeira semana da campaña, que comeza ás cero horas do 26 de xuño.

No seo das formacións da esquerda a percepción xeral é que o PP prefire unha campaña de perfil baixo

Pola banda da esquerda, a percepción xeral é que os de Alberto Núñez Feijóo prefiren pasar "de puntillas" pola campaña, en verbas do socialista Gonzalo Caballero, para darlle aos debates preelectorais un perfil aínda máis baixo do obrigado polas medidas para evitar contaxios do coronavirus. Dende o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo acordar concentrar os actos da campaña oficial en dez días, sempre e cando o PP accedese a propiciar unha maior cobertura en "igualdade" de condicións a través dos medios públicos, así como un debate entre líderes "a dobre volta".

Con este pano de fondo e ante o que considera "a irresponsabilidade unilateral do PP", a comezar pola propia convocatoria "en plena pandemia", o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, escribiu a Caballero e Pontón para propoñerlles seren eles tres quen acorden "unha proposta de campaña unitaria". As tres formacións poden "consensuar", di, o xeito de "afianzar as garantías sanitarias e democráticas" cara ao 12X.

Puy, Caballero, Feijóo, Pontón e Gómez-Reino, nas instalacións da Vicepresidencia antes da xuntanza sobre a convocatoria electoral do 12X CC-BY-SA Xunta

Gómez-Reino: "Seguro que podemos acordar a duración da campaña e outras medidas entre as tres forzas que suman a alternativa" ao PP

"Seguro que podemos chegar a un acordo sobre a duración da campaña e outras medidas suxeridas polas autoridades sanitarias" entre "as tres forzas que suman a alternativa" ao PP nos comicios. A proposta, sinala, pasa por que os equipos de campaña das tres formacións manteñan "unha xuntanza de traballo" para pactaren as "garantías sanitarias estritas" na campaña e tamén as "irrenunciables garantías democráticas" para que o electorado vexa cumprido o "dereito a informarse das distintas opcións e das propostas políticas dos nosos programas". 

No seo de GeC cren que un primeiro acordo entre as tres forzas contribuiría a facer visible unha alternativa de Goberno pola esquerda.

A disxuntiva, para Gómez-Reino, será "elixir entre a propaganda de Feijóo ou un Goberno de progreso para a Galicia futura". E nesta liña, cren no seo de Galicia en Común, un primeiro acordo entre as tres forzas contribuiría a facer visible unha alternativa de Goberno pola esquerda.

No caso de producirse esa xuntanza e o eventual pacto, Gómez-Reino concorda coa proposta tamén lanzada por Pontón para realizar "un envío único de todos os boletíns de voto de todas as opcións políticas" e tamén ve conveniente "habilitar espazos suplementarios, ampliados e gratuítos" nos medios públicos galegos e nas desconexións para Galicia de RTVE. Todo isto, agrega, xunto coa "celebración de varios debates con dobre volta na TVG e outros debates sectoriais". Deste xeito, coida, poderíanse "compensar as limitacións de non poder facer campaña a pé de rúa" por mor da covid-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.