A oposión vai detallando as súas propostas de debates de cara a unha campaña electoral atípica e marcada pola pandemia e polas críticas dos partidos ao que consideran un "uso partidista" dos medios públicos por parte da Xunta a favor do PP.
Gonzalo Caballero (PSdeG) propón un mínimo de cinco debates ao PP: dous de ida e volta entre Feijóo e el e tres entre os líderes dos principais partidos
A mes e medio dos comicios do 12 de xullo, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo ao PP a celebración dun mínimo de "cinco debates" electorais, "dous de ida e volta co principal partido da oposición", o propio Partido Socialista, e tres máis "entre os líderes políticos dos principais partidos con representación parlamentaria e os que determine a Xunta Electoral".
Para o candidato socialista á presidencia da Xunta, ademais, Feijóo "debería asumir tamén" debates territoriais nas sete principais cidades de Galicia, completando unha proposta, xa que logo, dun mínimo de cinco debates pero dun máximo de doce.
"En todos os debates que estea Feijóo, eu vou estar; nos medios públicos e nos medios privados", asegurou Caballero, que asegurou que tan só a Cadena SER fixera xa unha proposta para un debate entre as principais forzas políticas.
O BNG responde á proposta de dez días de campaña do PP cunha "contraproposta" que inclúe un debate a dobre volta na TVG entre os líderes dos principais partidos
Así, e mentres Feijóo lembra que é "tradicional" que a CRTVG propoña un debate e que el irá a ese de ser proposto, a oposición pídelle máis e en diferente formato. Desde o BNG, e ante a proposta do presidente do PP de recortar a dez días unha campaña que legalmente ten que durar quince, lanzouse unha "contraproposta" coa que aceptar esa redución de facto.
"Dez días de campaña ligados a un debate a dobre volta na TVG en horario de máxima audiencia, maior implicación dos medios públicos na cobertura informativa das eleccións garantindo a neutralidade, e envío conxunto das papeletas de todos os partidos por correo porque iso suporía un aforro importante nun momento no que cada euro conta”, explicou a voceira do Bloque, Ana Pontón.
A formación nacionalista aposta por ese debate a dobre volta na televisión pública e entre os candidatos e candidatas á presidencia das principais forzas políticas do país. A proposta é considerada "razoable" por Galicia en Común, que non fixo unha proposición concreta pero que xa aclarou que "cantos máis debates, mellor" pero cinguidos ás organizacións políticas "con representación" en Galicia.
"Cantos máis debates mellor e que sirvan para garantir que a cidadanía galega acoden ás urnas co voto formado", asegurou Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común, nesta semana. A formación aclara, no entanto, que a súa aposta é por un "plan global" sobre a campaña que "vaia máis aló" e regule os detalles dunha situación "anómala" e con moitas circunstancias que clarexar.