O adiamento das eleccións galegas previstas para o 5 de abril e a súa nova convocatoria para o vindeiro 12 de xullo fixo necesario reiniciar todos os trámites dos comicios, tamén a conformación do censo. Esa actualización censual quedou pechada a pasada semana por parte do INE e as súas cifras reflicten unha redución aínda máis intensa no número total de persoas con dereito a voto no interior de Galicia, así como outro mínimo histórico no electorado máis mozo.
O vindeiro 12X están chamadas a elixir a composición do vindeiro Parlamento de Galicia un total de 2.697.315 persoas. Delas, 2.234.152 residen en Galicia e as restantes 463.163 están inscritas no censo de "residentes ausentes", que inclúe tanto á poboación emigrante no estranxeiro como aos seus descendentes que obtiveron a nacionalidade española adscrita a unha das provincias galegas.
O censo de residentes en Galicia está composto neste 2020 por case 24.000 persoas menos que nas eleccións galegas de 2016. O electorado máis mozo reduciuse algo máis dun 45% no que vai de século ata ser o grupo electoral menos numeroso
No que atinxe ao censo electoral de residentes en Galicia, agora está composto por case 3.000 persoas menos que o que rexía para as eleccións do 5 de abril que non se chegaron a celebrar a causa da pandemia do coronavirus. Aínda que se incorporan ao electorado un total de 78.503 persoas que fixeron 18 anos dende as anteriores eleccións galegas, as que se celebraron en 2016, isto non impide que o censo de persoas residentes en Galicia teña neste 2020 un total de 23.979 persoas menos que hai catro anos e tampouco que o peso da mocidade sexa cada vez máis residual.
Nas que serán as sextas eleccións ao Parlamento galego no que vai de século, o electorado considerado estatisticamente mozo -menor de 35 anos- volve ser o grupo de poboación con menos peso sobre o total. Son pouco máis de 378.000 persoas nesta franxa de idade, 47.250 menos que nos comicios galegos de 2016. As últimas eleccións nas que a mocidade foi o grupo con máis peso no electorado residente en Galicia foi nos comicios galegos de 2005, os que supuxeron a perda da Xunta por parte do PP de Manuel Fraga. En comparación coas primeiras eleccións galegas do século, as de 2001, o electorado mozo reduciuse algo máis dun 45%.
O electorado maior de 65 anos aumentou un 20% dende as primeiras eleccións galegas do século e afiánzase como o máis numeroso
Mentres o devalo do electorado mozo continúa e sucede o mesmo -aínda que con menos intensidade- co que ten entre 35 e 49 anos, o grupo das persoas maiores de 65 anos afiánzase como o de máis peso entre a poboación con dereito ao voto en Galicia. Son xa máis de 695.000 persoas, 30.482 máis que nas eleccións galegas de 2016, o que supón un incremento de case o 20% con relación ás primeiras eleccións galegas do século. [Aberto ata o 2 de xullo o prazo para votar por correo nas eleccións galegas]
Os sucesivos estudos postelectorais entre o electorado galego indican que, aínda que o electorado non é nin de lonxe o único elemento que condiciona o sentido do voto, o peso das diferentes opcións electorais é moi dispar en función da idade. Así, os inquéritos posteriores ás eleccións galegas veñen deixando claro que a preponderancia do PP segue a ter unha base esencial na poboación maior de 50 anos e, moi especialmente, na maior de 65. Por exemplo, no estudo postelectoral do CIS correspondente ás eleccións galegas de hai catro anos os populares acadaban máis dun 64% de apoio entre maiores de 65 anos.
Na banda contraria, a da mocidade, naqueles comicios deuse un feito rechamante con relación a anteriores convocatorias. En contraste co sucedido en 2009 e 201-, o PP non foi primeira forza entre a poboación de 18 a 24 anos e tampouco entre quen tiñan daquela de 25 a 34 anos. En ambos casos a primeira posición correspondera a En Marea, segundo estes estudos. Na poboación de 35 a 44 anos os conservadores xa recuperaban a súa preponderancia, que se disparaba nas franxas de idade máis elevadas.
O electorado aumenta no eixo atlántico e decae no interior
Mentres en Ames teñen dereito a voto neste 2020 case un 75% máis de persoas que en 2001, municipios ourensáns como San Xoán de Río ou A Teixeira experimentan reducións de case o 50%
Esta perda de electorado, como o devalo poboacional galego en xeral, non é homoxéneo no territorio. Mentres municipios do interior -moi especialmente do sur-leste ourensán- viron ata case a metade do seu electorado dende as primeiras eleccións galegas do século, a liña trazada pola AP-9 e a súa contorna de influencia viu como o número de votantes aumentaba ostensiblemente. Así, mentres no Concello de Ames teñen dereito a voto neste 2020 case un 75% máis de persoas que en 2001, municipios ourensáns como San Xoán de Río ou A Teixeira experimentan reducións de case o 50%.
Mentres o electorado residente en Galicia decae, a situación é inversa en case toda Galicia no referido ao censo dos "residentes ausentes", que aumentou nestas dúas décadas tanto pola emigración como polo acceso á nacionalidade de descendentes de primeira e segunda xeración de persoas emigradas no pasado. O CERA aumentou en toda Galicia pero o seu incremento tampouco é homoxéneo; fronte a incrementos na contorna do 20% dende comezos do século en comarcas como as da Costa da Morte, municipios do interior rexistraron aumentos superiores ao 100%. Non obstante, dende a reforma electoral do ano 2011, aínda vixente, a importancia do coñecido como voto emigrante nos resultados electorais galegos é moito menor.