A nova convocatoria oficial das eleccións anticipadas ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 12 de xullo, publicada este 19 de maio no Diario Oficial de Galicia, pon en marcha todos os prazos asociados ao proceso electoral. Entre eles, os relativos á solicitude e envío do voto por correo. Tal e como confirma a propia Xunta, dende este propio 19 de maio xa é posible solicitar o sufraxio postal, un prazo que está aberto ata o 2 de xullo e que desta volta semella que terá aínda máis importancia que habitualmente, dada a previsión de medidas excepcionais para evitar contaxios do coronavirus.
Todo apunta a que no 12X o voto por correo terá máis importancia da habitual, dada a previsión de medidas excepcionais nos colexios electorais para evitar contaxios do coronavirus.
Para poder participar por correo nas eleccións, a petición "debe ser solicitada persoalmente por cada elector" nunha oficina de Correos agás "en caso de enfermidade ou discapacidade acreditadas mediante certificación médica oficial". Só nese caso e previa autorización notarial ou consular, o trámite pode ser realizado por outra persoa e atendendo, de calquera xeito, aos prazos indicados sobre estas liñas. O formulario está tamén dispoñible para a súa descarga en internet. [Consulta aquí todas as instrucións xa publicadas para o voto por correo nas eleccións galegas]
"Se pensa exercer o dereito ao voto por correo, non espere a última hora. Formule a solicitude canto antes", recomenda a Xunta. Desta volta, cando menos polo momento, no trámite inflúe tamén a limitación de horarios nas oficinas de Correos por mor da covid-19.
Máis de 46.000 votos por correo en 2016
O volume do voto por correo é habitualmente interpretado como un indicador dunha alta ou baixa participación electoral. Nesta ocasión, a vontade de evitar acudir ao colexio electoral por mor do coronavirus e a celebración dos comicios nun domingo en pleno verán semellan factores adicionais que influrián na decisión de participar nos comicios sen agardar ao propio 12X.
No ano 2016 a cifra de votantes por correo foi a máis alta dende as derradeiras eleccións do fraguismo
Nas eleccións de 2016 os votos postais foron case 13.000 máis que catro anos antes, con máis de 46.000. Foi a cifra máis alta dende as eleccións de 2005, as da fin do fraguismo, cando se superaran os 44.000. Estas cifras refírense só a persoas residentes dentro do Estado español e independentes do voto postal dende o estranxeiro, o das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) ou no da poboación temporalmente residente no exterior (ERTA).
A convocatoria oficial das eleccións do 12X implica tamén a fixación de todos os demais prazos legais, tanto para o electorado como para a presentación de candidaturas. Igualmente, o decreto de disolución do Parlamento fixa as datas da campaña electoral, dúas semanas a partir do 26 de xuño, e da constitución da nova Cámara, o 7 de agosto ás 11 da mañá.