"Mellor antes das eleccións, aínda que iso aquí non inflúe moito". En vésperas das eleccións municipais do pasado 2019, unha funcionaria dunha entidade local galega respondeu deste xeito ao ser preguntada pola data dun evento que se preparaba para acoller a súa institución, onde case ninguén concibía a posibilidade dunha cor política no goberno diferente á que mantén dende hai case tres décadas. Por pouco e con tensión, pero tras aqueles comicios case todo quedou como estaba e o poder, efectivamente, ficou nas mesmas mans.
O PP galego soña para o 12X cunha maioría como as dos anos nos que Fraga superaba o 50% que o afaste do escenario electoral de 2019, ano do que o partido saíu magoado en Galicia tras perder por primeira vez a primeira posición nas urnas
Un semellante ao daquela traballadora reinou durante lustros, mesmo durante décadas, no seo da esquerda galega. Moi especialmente dende que, en 1989, Manuel Fraga estreaba as siglas do PP de Galicia -en confluencia cos Centristas de Galicia da familia Baltar- logrando unha maioría absoluta por estreita marxe, retratada despois como esmagadora aínda que as que realmente foron tal aínda estaba por chegar: en 1993 superou por primeira vez o 52% e en 1997 acariñou o 53%. No 2001 tamén quedou por riba do 52% malia os primeiros sinais de desgaste daquela máquina de gañar eleccións que chegou a ocupar 43 dos 75 escanos do Parlamento (1993-97).
Cunha desas vitorias fraguistas é co que soña o PP de Galicia para as eleccións do vindeiro 12 de xullo, que este 19 de maio quedan convocadas no Diario Oficial de Galicia. O partido quedou doído polos resultados dos comicios celebrados durante o 2019, cando por primeira vez perderon a condición de primeira forza mentres a gañaba o PSdeG nas xerais do 28A e non deron remontado o voo con consistencia nas municipais e europeas nin nas xerais repetidas -malia volver ser primeiros-.
Daquel ano saíran magoados e entraran igual no 2020 polo efecto que a constitución do Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos, apoiado polo BNG na investidura, puidese ter nas expectativas de lograren a cuarta absoluta con Alberto Núñez Feijóo á fronte. Así, partían en cabeza aínda que cun escenario razoablemente aberto -atendendo ás enquisas coñecidas- cara aos comicios convocados para o 5 de abril. Pero nisto chegou o coronavirus e mandou parar.
Nestas semanas de pandemia, as forzas da actual oposición viron minguados os seus espazos fronte a un Feijóo omnipresente
Agora semella que pasou un mundo dende os últimos actos preelectorais celebrados nos primeiros días de marzo. Máis de dez semanas nas que os gráficos das enquisas de campaña foron substituídas polas curvas da pandemia e nos que os partidos da actual oposición galega viron minguados os seus espazos ata a mínima expresión fronte a un Feijóo omnipresente mediante roldas de prensa retransmitidas ao vivo pola CRTVG dende o atril de San Caetano. Desa privilexiada atalaia saen datos da pandemia e anuncios diversos, pero tamén -se cadra, sobre todo- críticas de toda intensidade contra o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, cuxas competencias ampliadas mediante o estado de alarma dan aos conservadores galegos o encaixe perfecto para lles atribuír erros propios e alleos.
No PP ven amortizados os danos electorais do 2019 e a Feijóo, reforzado ata o punto de soñaren coas devanditas maiorías esmagadoras. Coidan que lograron espallar con éxito a idea de que a covid-19 golpeou menos forte a Galicia grazas á súa xestión mentres atribúen ao gabinete de Pedro Sánchez os prexuízos que a cidadanía xa percibe en múltiples frontes. E, de rebote, nas filas da esquerda escóitanse cantos de fatalidade ao xeito daqueles anos nos que as eleccións galegas tiñan un aquel de trámite para que Fraga seguise onde estaba.
Malia aos cantos de fatalidade, dende as forzas da esquerda tamén saen apelacións o cambio e a facer que a Feijóo lle saia mal a carambola de votar en pleno 'shock'
Así e todo, tras a ratificación da data do 12X dende os liderados das principais forzas da esquerda saíron apelacións ao cambio, alén das críticas á elección da data, por "temeraria" en plena pandemia. "Feijóo está escribindo as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta", asegura o socialista Gonzalo Caballero. "Se antes era necesario, despois da covid-19 é imprescindible o cambio galego", afirma a nacionalista Ana Pontón. "Estamos preparados para dar un xiro de cento oitenta graos á década perdida de Feijóo", asegura Antón Gómez-Reino dende Galicia en Común.
Esconxurar o fatalismo semella unha das primeiras tarefas nas filas dunhas formacións que tamén terán ante si o obstáculo dunha campaña limitada en actos e movementos polas medidas de restrición para evitar contaxios da covid-19 mentres Feijóo continúa omnipresente. Facer ver, en circunstancias adversas, que a Feijóo lle pode saír do revés o intento de carambola de votar en pleno shock, pero xusto antes de que a vaga expansiva da crise económica poida levar por diante a hexemonía do PP galego.
Sobre o 12X tamén paira unha incógnita: a quen prexudicará máis a posible abstención por medo ao contaxio?
A modo de mostra, antes de rematar a comparecencia na que anunciou a data electoral, o aspirante á reelección animou o electorado, coas cámaras da Galega emitindo ao vivo, a "elixir" o 12X á "persoa pode ter máis experiencia para xestionar" a "dolorosísima" crise derivada do coronavirus. En vésperas da chegada dos primeiros inquéritos do novo e inédito escenario electoral, paira tamén unha incógnita sobre todas as forzas políticas: a quen prexudicará máis a previsible abstención das persoas que non acudan ás urnas por medo ao contaxio?