PSdeG, Galicia en Común e BNG ven imprudente votar en xullo e afirman crer posible un cambio na Xunta

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Gonzalo Caballero, Antón Gómez-Reino e Ana Pontón reiteraron a pasada semana ante o presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, a súa oposición a que as eleccións se celebrasen en xullo. PSdeG, Galicia en Común e BNG considérano imprudente, unha "temeridade" que impedirá unha participación normal da cidadanía nos comicios. Tamén ven no actual presidente a vontade de tirar vantaxe electoral da súa omnipresencia na crítica ao Goberno de España en todo o vinculado á pandemia do coronavirus.

Despois de que Feijóo ratificase a convocatoria para o vindeiro 12 de xullo, as tres formacións reiteraron o seu rexeitamento. Pero tamén procuraron facer ver que seguen crendo posible un cambio político en Galicia nun escenario que xa nada ten que ver co dos cancelados comicios do 5 de abril, no que a campaña que comezará o 26 de xuño estará limitada de facto polas restricións derivadas da covid-19 e no que será moi difícil desenvolver unha discusión política pública en condicións ordinarias.

Gonzalo Caballero: "Feijóo está escribindo as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta"

O secretario xeral e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, censura que Feijóo optase por "impoñer un calendario electoral que os galegos non compartimos" no canto de consensualo. Pero tamén di estar convencido de que o líder do PP galego está "escribindo as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta" mentres toma decisións coma esta. "Os socialistas estamos preparados para darlle a Galicia un proxecto de compromiso coa sanidade pública e coa reconstrución" tras a pandemia "para que ninguén quede na cuneta" a causa da covid-19, afirmou nunha primeira reacción.

Gonzalo Caballero, Antón Gómez-Reino e Ana Pontón lideran as candidaturas de PSdeG, Galicia en Común e BNG para o 12X CC-BY-NC-SA PSdeG | GeC | BNG

Ana Pontón: "Se antes era necesario, despois da covid-19 é imprescindible o cambio galego"

En termos de "reconstrución" fala tamén a portavoz nacional e candidata do BNG. Dende o desexo de que "non teñamos que lamentar esta decisión" en termos sanitarios e dunha repunta de contaxios do coronavirus, Ana Pontón, quen evidencia que "en todo caso, a decisión esta tomada e ante este feito que non podemos cambiar", o Bloque "vai traballar para trasladar á sociedade as súas alternativas". O roteiro da formación soberanista será "a reconstrución económica e social de Galiza, sacar adiante o país ante a crise brutal que nos afecta" pola pandemia e procurar facer ver que "se antes era necesario, despois da covid-19 é imprescindible un cambio galego".

Antón Gómez-Reino: "Feijóo mentía cando dicía que as eleccións non estaban na súa axenda; estremece a súa absoluta falta de responsabilidade"

Por parte de Galicia en Común o seu candidato e voceiro, Antón Gómez-Reino, reitera que a coalición considera "unha enorme imprudencia e irresponsabilidade" que Feijóo "empurre o país a unha convocatoria electoral no medio desta situación sanitaria". Cre Gómez-Reino que o actual presdiente "falta ao respecto ás familias dos que perderon os seus seres queridos, a quen teñen aínda persoas ingresadas pola covid-19 e as súas derivadas" ou "ás familias que precisan medidas de apoio da Xunta para paliar as consecuencias da crise e non unhas eleccións". "Feijóo mentía cando dicía que as eleccións non estaban na súa axenda, estremece a súa absoluta falta de responsabilidade", conclúe o tamén líder de Podemos Galicia, para quen chamar ás urnas "nun estado de alarma e de crise sanitaria" vai "contra os mínimos democráticos".

Dende En Marea, que sinala que "nestes días" convocará "un plenario telemático" no que a súa militancia decidirá se concorre ou non aos comicios, o seu novo voceiro, Pancho Casal, concorda coa convocatoria en xullo -malia preferir o día 10- pero discrepa de que a campaña sexa "máis curta", como suxire Feijóo, xa que sería "un atentado democrático". En Ciudadanos, a súa candidata, Beatriz Pino, cre "fundamental que as eleccións se desenvolvan coas máximas garantías necesarias" partindo da base de que "xullo non era a data ideal", pero "tampouco hai un escenario perfecto ao que acollernos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.