Do 5A ao 12X. A secuencia foi este luns practicamente idéntica á doutro luns, o 10 de febreiro, cando o lehendakari reuniu o Goberno vasco en convocatoria extraordinaria coa fin de convocar eleccións anticipadas para o 5 de abril e escasas horas despois, Alberto Núñez Feijóo fixo o propio co Consello da Xunta para tomar a mesma decisión. Este 18 de maio, pouco antes das 10 da mañá, o líder vasco convocou Consello de Goberno para ratificar a súa aposta por retomar o 12 de xullo as eleccións adiadas a causa do coronavirus e anuncialo en rolda de prensa ás tres da tarde. Pasadas as 11, a Xunta confirmou que Feijóo se dispuña a facer o mesmo e así o confirmou nunha rolda de prensa convocada para tres cuartos de hora antes que a de Urkullu e que iniciou afirmando que "Galicia se atopa nunha situación sólida" polas cifras de incidencia da pandemia.
O PNV viña defendendo a conveniencia de votar en xullo dende abril, cando o PP galego oficialmente mantiña que as eleccións non estaban "na axenda"
O PNV viña defendendo dende finais de abril a conveniencia de retomar o proceso electoral vasco para o mes de xullo, xustificando que sería máis probable ter a pandemia controlada en pleno verán que no outono, cando finaliza a lexislatura e cando as autoridades sanitarias de Euskadi vén máis probable un rebrote da covid-19. En Galicia os ecos electorais nunca cesaron de todo pero rexurdiron con intensidade tamén hai un mes, cando Feijóo aínda repetía que as eleccións "non estaban axenda" e o PPdeG aseguraba ver a esquerda "obsesionada" ao respecto.
Pouco despois, Feijóo comezou a clamar contra a extensión do estado de alarma. O decreto que aprobou en marzo para desconvocar as eleccións condicionaba os novos comicios ao levantamento desa figura excepcional. Tamén á fin da emerxencia sanitaria, que depende da Xunta en virtude da lei de emerxencias.
Pero todo mudou nos primeiros días de maio. Aínda que non o precisaban estritamente -o Goberno vasco non condiciou a nova convocatoria á fin do estado de alarma-, o PNV optou por asegurar e introduciu no seu pacto co Goberno de España para apoiar a cuarta prórroga do estado de alarma unha cláusula que indicaba, literalmente, que non habería impedimento ningún para celebrar eleccións autonómicas mentres seguise vixente. Dado que a norma rexe para todo o Estado, o impedimento desapareceu tamén para Galicia e Feijóo dispúxose de contado a convocar para o mesmo domingo de xullo en que Euskadi volvese votar. "Canto antes", reiterou. [Xa está en vigor o acordo da Xunta que habilita a Feijóo a convocar eleccións malia a alerta sanitaria]
Durante a pasada semana, Feijóo completou o trámite de "ouvir os partidos políticos" -contemplado excepcionalmente na desconvocatoria de marzo- esgrimindo un informe xurídico e catro sanitarios que, na súa opinión, deixan claro que convocar en xullo é a opción "menos mala". Neses informes incluíronse datos da pandemia en Galicia que o Sergas non revela en aberto. Un deles, asinado polo xefe de Enfermidades Infecciosas do hospital da Coruña, Enrique Míguez, prevé un "pequeno" rebrote da covid-19 en xuño e outro "máis duro" contra finais de xullo.
Na contorna do PP galego mantense que as súas expectativas para renovar a maioría absoluta son moi optimistas porque Feijóo está a verse reforzado na crise do coronavirus; na actual oposición coidan que as présas se deben a querer votar antes de que a propia crise pase factura aos populares
O PP considera que prognósticos coma ese evidencian a pertinencia de votar "canto antes" en xullo. PSdeG, Galicia en Común e BNG ven nesas estimacións un argumento máis para definir como "temeridade" celebrar xa as eleccións. E tamén consideran máis que ratificado que os "intereses electorais" primaron nos movementos dos populares durante toda a crise da covid-19. Sexa como for, o certo é que o electorado galego vai estar oficialmente chamado a renovar o Parlamento o vindeiro nunhas circunstancias inéditas o 12 de xullo, poucos días despois de que os exames de selectividade sexan tamén outra proba clave para o desconfinamento. [Un doutor que asesora á Xunta prevé "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo]
Nunca Galicia votou no mes de xullo e, sobre todo, nunca unha apelación á participación electoral coincidiu con continuos chamamentos dende os propios poderes públicos para manter a distancia social e fuxir das aglomeracións como vía máis segura para evitar os contaxios dun virus potencialmente mortal. O único que será segundo o habitual é a coincidencia con Euskadi: en 2009, o lehendakari Ibarretxe uniuse á data do 1 de marzo que elixira Emilio Pérez Touriño. En 2012, 2016 e 2020 a data púxoa o xefe do Goberno vasco e Feijóo secundouna.
A campaña electoral comezará o 26 de xuño e o decreto de convocatoria incluirá unha mención a un eventual rebrote que impida celebralas
Na contorna do PP galego manteñen que as súas expectativas son moi optimistas para revalidar con amplitude a maioría absoluta porque Feijóo, cren, está a saír reforzado da xestión dunha crise sanitaria que frearía o impulso que a esquerda galega puidese conservar grazas aos seus bos resultados dos comicios celebrados durante 2019. Na actual oposición consideran que as présas do PP por ir ás urnas se deben á súa convicción de que, votando máis tarde, esa xestión da crise e a depresión económica que vén si lle pasaría factura, e prepáranse para tentar facer ver que un cambio político en Galicia cómpre agora aínda máis que antes da pandemia.
En virtude da lexislación electoral, a campaña do 12X comezará o 26 de xuño. O propio Feijóo evidencia que non é posible acurtala e evidencia que serán ditadas normas de seguridade especiais para votar en plena pandemia. A exposición de motivos da convocatoria, na liña do sinalado pola Asesoría Xurídica da Xunta, refírese a unha eventual suspensión en caso de repunta da pandemia e a que "aínda quedaría unha posibilidade" de convocatoria antes do remate da lexislatura, que finaliza no remate de setembro.