Feijóo clama contra a extensión do estado de alarma, cuxa fin é imprescindible para convocar as eleccións

Alberto Núñez Feijóo, participando na videoconferencia con Pedro Sánchez e o resto de presidencias autonómicas, este 3 de maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O enfrontamento do Goberno galego co de España a conta das medidas tomadas na crise do coronavirus subiu este domingo varios chanzos dun golpe. Tras a oitava conferencia das presidencias autonómicas co presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo compareceu en rolda de prensa -a través de internet- durante case unha hora para cargar con dureza contra "a forma e o fondo" do plan de desconfinamento formulado polo gabinete do PSOE e Unidas Podemos, como xa fixera en días pasados, reiterando tamén a petición de que o territorio de referencia no proceso sexa a área sanitaria, no canto da provincia. 

Feijóo volveu cargar con dureza contra "a forma e o fondo" do plan de desconfinamento, pero poñendo o foco na súa reclamación de que finalice o estado de alarma, que di cuestionar por restrinxir os "dereitos fundamentais" mentres reclama unha "fórmula" para a convocatoria das eleccións, condicionada por decreto ao seu levantamento

Desta volta fíxoo moi especialmente contra a previsión de que o levantamento gradual das restricións vaia realizándose ao abeiro de sucesivas prórrogas do estado de alarma decretado o pasado 15 de marzo para frear o contaxio do coronavirus. O estado de alarma foi prorrogado ata agora tres veces co visto e prace do Congreso dos Deputados, que esta vindeira semana terá que votar sobre a cuarta extensión. E, no caso galego, ademais de todo o vinculado coa crise sanitaria limita a nova convocatoria das eleccións adiadas pola pandemia, toda vez que o decreto de desconvocatoria condiciona a nova data ao levantamento do estado de alarma -dependente do Estado- e da emerxencia sanitaria -dependente da Xunta-.

Con diferentes fórmulas, o presidente da Xunta clamou contra un estado de alarma que di ver "desproporcionado" na actualidade con independencia de que no inicio da crise sanitaria "ninguén puxese en dúbida" a "necesidade" de aprobalo. "Pero tras oito semanas de vixencia e tres prórrogas", defende, "parece delicado manter un instrumento que restrinxe os dereitos fundamentais". 

Pedro Sánchez, coas ministras de Transición Ecolóxica, Facenda e Política Territorial e mais o ministro de Sanidade, na conferencia coas autonomías deste 3 de abril © José María Cuadrado / Goberno de España

Por iso, asegura, opúxose ante Sánchez a máis prolongacións, reclamándolle que se non accede, cando menos valore "modular" a súa aplicación en función dos "territorios" nos que sexa "necesario" ou dos dereitos que están a ser "limitados". Non obstante, ao seu xuízo, o mellor sería suspender o estado de alarma en canto finalice a actual prórroga, a finais da vindeira semana,  e substituílo por unha reforma da lexislación estatal en materia de saúde pública, exemplificou, que faculte o Goberno de España para restrinxir movementos da cidadanía para frear a pandemia agora ou ante posibles rebrotes.

Aínda que Feijóo di basear a súa crítica á prolongación do estado de alarma na defensa dos "dereitos fundamentais" e mesmo da Constitución -na que esta figura excepcional se abeira- e non na convocatoria electoral, o certo é que o tamén candidato do PP vén de abandonar a resposta de que os comicios "non están na axenda", como viña reiterando nas últimas semanas. Ben ao contrario, agora si se aproxima sen pedilo abertamente á tese defendida polo lehendakari, Íñigo Urkullu, que reclama abertamente poder votar en xullo para evitar posibles rebrotes no outono. A diferenza é que a desconvocatoria electoral vasca non condicionou a nova convocatoria ao levantamento do estado de alarma -que Urkullu tamén pide- e a galega, si.

O ministro de Sanidade, como Pedro Sánchez, subliña que considera "excepcional" o mantemento do estado de alarma durante as medidas de desconfinamento para poder abordar posibles rebrotes da covid-19

Feijóo di non ter "ningún interese" en asomarse ao "abismo" de seguir gobernando máis alá de finais de outubro, cando finaliza a lexislatura, por "estar nun rebrote" da covid-19 no outono e non poder celebrar antes os comicios. Esa é a razón, asegura, pola que reclama "fórmulas máis certas" para convocar unhas eleccións que así e todo se celebrarían "seguro" con "dificultades" e medidas excepcionais como "colexios electorais máis amplos". Só está a defender, asegura, os "dereitos fundamentais" e, dentro deles, o "dereito civil de poder votar".

Fronte ás reclamacións da fin do estado de alarma formuladas por Feijóo e -con argumentos diferentes- por outros presidentes, o Goberno de España reiteraba este domingo a súa defensa desta figura xurídica para o desconfinamento, como xa fixera o propio Sánchez o pasado sábado. Facíao a través do ministro de Sanidade, Salvador Illa, que dende o convencemento de que o estado de alarma "está funcionando" para "tomar o control da epidemia", considérao "imprescindible" para "dotar o conxunto dos españois dun conxunto de regras comúns para todo o territorio" para que, "se houbese algún rebrote", sexa posible "poñer todos os medios" nesta "etapa tan complexa" do desconfinamento. Para activar esta prórroga, o Goberno do PSOE e Unidas Podemos terá que volver xuntar votos dabondo no Congreso, onde Feijóo asegura ignorar cal será a decisión do PP.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.