O día 4 de maio comeza a fase cero do plan de desconfinamento trazado polo Goberno de España para relaxar paulatinamente as restricións impostas para frear os contaxios do coronavirus. Esa data é, polo momento, a única certa, toda vez que a do 11 de maio é unha referencia para o inicio da seguinte fase -a número 1-, pero sempre condicionada ao cumprimento dos criterios sanitarios que o Ministerio de Sanidade se dispón a detallar. Comeza aos poucos, daquela, o que o Executivo central -e por veces, tamén a Xunta- están a denominar como "nova normalidade" e que ten, como un dos seus sinais máis visibles, o uso de máscaras hixiénicas como reforzo das reiteradas apelacións á "distancia social".
O uso obrigatorio de máscaras en "todo o transporte público" é parte das medidas da "fase cero" do desconfinamento, que comeza o 4 de maio
Nesta liña o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, anunciaba este sábado que nese primeiro día da "fase cero", o 4 de maio, será obrigatorio o uso de máscaras "en todo o transporte público". Ese precepto quedará fixado este domingo nunha orde do Ministerio de Sanidade e para promover o seu cumprimento, avanzou Sánchez, regresarán as reparticións de máscaras por parte do Estado, que xas as repartira a pé de rúa no reinicio da actividade económica non esencial e que se unen ás distribucións que xa están a facer outras institucións, sobre todo os concellos.
O Ministerio, avanzou Sánchez, disponse a distribuír decontado 6 millóns de máscaras aos que sumará outros 7, "co mesmo propósito", para os concellos a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a entidade municipal que preside o vigués Abel Caballero. Un millón e medio máis, sinala, irán destinadas a entidades sociais como Cáritas, Cruz Vermella ou CERMI, o comité que agrupa diversas entidades de persoas con discapacidade de todo o Estado. "A protección de cadaquén depende da dos demais", subliñou Sánchez sobre a importancia da máscara e das demais medidas como o lavado de mans ou a distancia interpersoal.
Sánchez anuncia un fondo de 16.000 millóns para as autonomías dos que 10.000 serán para sanidade; avanza que será diñeiro "non reembolsable" pero non especifica se dentro ou á marxe do sistema de financiamento autonómico
En vésperas dunha nova conferencia coas presidencias das comunidades autónomas, Pedro Sánchez avanzou tamén na súa intervención ante a prensa a intención de lanzar "un fondo especial para a reconstrución social e económica dotado con 16.000 millóns de euros" para financiar os gobernos autónomos do que, non obstante, non aclarou se sairá do actual sistema de financiamento autonómico -caducado dende 2014, aínda en tempos de Rajoy- ou serán estritamente fondos adicionais.
Si especificou Sánchez que non se trata de préstamos, senón que será diñeiro "non reembolsable" do que a maior parte terá que destinarse a financiar o sistema sanitario. Así, 10.000 millóns terán como destino a sanidade pública, mentres que outros 5.000 están concibidos para paliar a "caída económica" e os restantes 1.000, para servizos sociais, dixo sen ofrecer máis detalles.
Defensa do estado de alarma e da provincia como referencia xeral
O presidente do Goberno central mantén que "non hai plan B" para o estado de alarma por ser "o único instrumento para garantir a restrición de mobilidade", afirma
Sánchez defende a aplicación destas e as demais medidas do seu plan de desconfinamento ao abeiro de sucesivas prórrogas do estado de alarma e por iso, ratifica, o vindeiro martes o Consello de Ministros aprobará someter ao Congreso a solicitude doutra extensión de quince días. Faino, defende, entre outros aspectos porque "é o único instrumento que temos para garantir a restrición de mobilidade" co obxectivo de evitar contaxios.
Menres gobernos autonómicos como a Xunta reclaman a fin do estado de alarma, Sánchez advirte de que non manexa un "plan B" sen esta figura excepcional. Cómpre, asegura, que o Estado reteña a figura de mando único con independencia de que o Executivo do PSOE e Unidas Podemos estea aberto á "cogobernanza" da "transición á nova normalidade" xunto ás autonomías e por iso, resalta, ten previsto contactos "bilaterais" con todas elas.
Sánchez reitera que está aberto ás peticións autonómicas sobre o desconfinamento por áreas sanitarias, pero defende a provincia como referencia xeral
Entre eses asuntos a tratar coas autonomías, admite, está a cuestión de xestionar o desconfinamento por unidades territoriais que non sexan a provincia. No caso galego, a Xunta defende que a referencia sexan as sete áreas sanitarias nas que se organiza o Sergas, pero tamén regras que permitan a mobilidade entre zonas con "situación epidemiolóxica" semellante aínda que estean en provincias diferentes.
Neste sentido, Pedro Sánchez reitera -como xa fixera a pasada semana- que o Goberno central está diposto a estudar estas peticións, pero repetindo tamén que ve a provincia como referencia principal, especialmente para o cambio entre unha fase e a seguinte. Entre os seus argumentos para preferir a provincia, di, o Executivo español considera que a cidadanía ten un amplo coñecemento dos límites territoriais das provincias, pero non así das áreas sanitarias.
A nova prórroga do estado de alarma debaterase nun contexto de maiorías máis axustadas no Congreso e receos entre os grupos aliados de PSOE e UP na investidura
Sánchez esgrime esta defensa do estado de alarma nun contexto de maiorías parlamentarias cada vez máis axustadas, toda vez que o PP está a amagar con non apoiar a nova extensión mentres grupos aliados de PSOE e Unidas Podemos na investidura, caso do PNV, recean de reiterar o seu voto afirmativo por, entre outros aspectos, os efectos recentralizadores do propio estado de alarma. O mandatario socialista asegura que defenderá a necesidade da prórroga tanto nunha conferencia coas presidencias autonómicas, este domingo, como en conversas cos lideres dos partidos despois de que, o martes, o Consello de Ministros aprobe a petición de extensión.
De cara a esa conferencia do domingo o Goberno galego xa avanzou que expresará non só a petición de que o desconfinamento se realice tendo como referencia as áreas sanitarias e menores restricións de mobilidade entre zonas, senón tamén reclamando "aclaracións" sobre os paseos autorizados dende hoxe, 2 de maio. Segundo a Xunta, cómpre "aclarar" se "as restricións para saír se deciden por concellos ou por núcleos de poboación", sinala a Vicepresidencia galega nun comunicado en referencia ás franxas horarias que, como norma xeral, rexen para os municipios de máis de 5.000 habitantes.