Feijóo frea as conversas sobre o coronavirus pactadas coa esquerda entre ecos electorais

Feijóo, participando na videoconferencia co resto de líderes dende San Caetano, o pasado 17 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A precampaña das eleccións galegas de 2020 quedou simbolicamente lanzada o 20 de decembro de 2019, cando o PP divulgou un vídeo de Alberto Núñez Feijóo a pasear co actor Luis Zahera polo museo da Cidade da Cultura para, entre chanzas e felicitacións de Nadal, expoñer varias das ideas forza coas que o partido quería impulsar a candidatura do actual presidente a unha cuarta maioría absoluta. Pouco despois, en febreiro, Feijóo adiantou os comicios para o 5 de abril, cita electoral que quedou definitivamente adiada o pasado 19 de marzo por mor da crise do coronavirus.

Para ese adiamento non existía base legal ningunha e o seu encaixe definitivo no marco do estado de alarma foi pactado nas conversas entre o propio Feijóo cos líderes do resto das principais forzas políticas que concorrían aos comicios. A cordialidade e as formas do diálogo foron obxecto de eloxios abertos e mutuos, un fair play que, se cadra, quedou simbolicamente clausurado esta semana, ao xeito da inauguración oficiosa da precampaña aquel afastado 20 de decembro.

A cordialidade e as formas do diálogo foron obxecto de eloxios mutuos tras as xuntanzas nas que quedaron adiadas as eleccións, das que tamén saíu o compromiso de, nun escenario institucional inédito, citar semanalmente ás principais forzas políticas

Daquelas primeiras videoconferencias saíu tamén un compromiso, segundo constatan fontes de varias das formacións participantes. Nun escenario institucional inédito, co Parlamento disolto pero co Goberno en plenas funcións, o actual titular do Executivo citaría -por internet- unha vez á semana o resto de formacións para informar da marcha da pandemia, poñer propostas en común e, no seu momento, abordar o reinicio do período electoral. [O servizo xurídico do Parlamento avala que a oposición controle o Goberno ata que Feijóo volva convocar as eleccións]

Ata agora celebráronse catro deses encontros. Os dous primeiros, o 16 e 17 de marzo, marcados polo shock da irrupción da pandemia, co número de positivos activos medrando na contorna do 30% diario en Galicia e pola convicción compartida de ter que adiar unha carreira electoral que todos os partidos -sen excepcións- mantiñan plenamente activa uns poucos días antes. A seguinte xuntanza desenvolveuse o 22 de marzo e Feijóo non volveu convocar outra ata o 5 de abril, a última ata o momento.

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino, en roldas de prensa a través de internet esta semana CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

Esta semana Feijóo ratificou que pisa o freo das conversas: só convocará á actual oposición cando considere que das conferencias con Pedro Sánchez sae algún "acordo"

Esta mesma semana o propio presidente e candidato á reelección ratificaba que pisara o freo nese diálogo, no que a Xunta sentara a PSdeG, BNG e Galicia en Común, inserira tamén a Ciudadanos e, nunha segunda fase, a En Marea por ter representación parlamentaria malia non concorrer aos novos comicios. Xa non haberá citas semanais coa actual oposición, que só serán convocadas dende a Xunta cando Feijóo considere que, nas conferencias con Pedro Sánchez e as demais presidencias autonómicas, se adoptou algún "acordo". En días previos, Feijóo mesmo cuestionara o rumbo desas inéditas conversas interautonómicas. Tornaron pouco útiles por culpa de Sánchez, veu dicir.

Dende o atril de San Caetano xa non saen só críticas sobre a xestión da pandemia; Feijóo xa carga tamén, por exemplo, contra Iglesias a respecto da Monarquía ou asegura que o Goberno central "intervén redes sociais"

A crítica cara ao Goberno central de PSOE e Unidas Podemos, unha liña constante nas intervencións públicas de Feijóo durante a crise da covid-19, vai á alza nestes días en que a curva da pandemia modera o seu crecemento en Galicia, comezando mesmo remitir nalgúns puntos. O presidente e aspirante á reelección polo PP veu cuestionando dende o inicio aspectos de xestión da pandemia, dende a coordinación coas autonomías ao envío de material, con episodios máis intensos como o dos test rápidos remitidos polo Ministerio de Sanidade que, finalmente, a Xunta dará en usar nun estudo epidemiolóxico de seu. A "lealdade", veu reiterando, tamén implica sinalar o que non se fai ben.

Pero nos últimos días foi alén. Dende o atril de San Caetano xa saen tamén críticas abertas á marxe da xestión sanitaria para, por exemplo, acusar o vicepresidente Pablo Iglesias de facer "declaracións moi graves" sobre a Monarquía e apelar, como xa fixera en anteriores ocasións, a "militantes do PSOE" que non compartan a coalición con UP. Tamén para asegurar que o Goberno central no seu conxunto está a "intervir redes sociais" cun "poder exorbitante" que "afecta a calquera usuario dun móbil"

Feijóo, visitando esta semana un laboratorio que trata probas do coronavirus CC-BY-SA Xunta

Á luz dos acontecementos e das declaracións escoitadas, no seo da oposición medra a incomodidade e a convicción de que a maquinaria electoral conservadora non pechou por pandemia. "Confronta cun sorriso máis amable, pero está na estratexia de Pablo Casado e Álvarez de Toledo", considera o secretario xeral e candidato socialista, Gonzalo Caballero, para quen o ton do PSdeG en concreto e do resto da oposición en xeral está "sendo moi responsable, porque a situación é moi crítica". Mentres, lamenta Feijóo tenta "orientar a axenda política" en clave partidaria xusto no momento en que "máis coidadoso" debera ser por representar un Executivo que non ten Parlamento que o controle con plenas funcións, cuestión que a oposición tentará paliar nos vindeiros días apoiándose no informe do servizo xurídico da Cámara feito público o pasado venres.

No seo da esquerda aumenta o que nos últimos días é máis ca un ruxerruxe. Se cadra, consideran, cómpre comezar a non dar por sentado que as eleccións vaian ser no outono

Tamén BNG e Galicia en Común coidan que as apelacións ao diálogo dos primeiros días da pandemia ficaron aparcadas de vez. "Dá a sensación de que adiamos as eleccións, pero Feijóo segue en campaña", lamenta a nacionalista Ana Pontón, a cuxo xuízo abonda ver a TVG, "que utiliza como canle de propaganda cun descaro que debería avergoñalo sempre, pero máis" nuns tempos que "non son de cinismo político, senón de sumar dende a lealdade polo ben dos galegos e galegas". 

Igualmente Antón Gómez-Reino, candidato de GeC, ve o actual presidente "máis interesado en facer propaganda que en escoitar propostas" malia ser inicialmente el "quen pediu diálogo permanente e construtivo" para afrontar a pandemia. Para o PP, non obstante, a "irresponsable" está sendo a oposición coas súas críticas que mesmo "menoscaban o sistema sanitario", en verbas de Miguel Tellado.

A medida que a curva epidémica baixa, no seo da esquerda galega aumenta o que nos últimos días é máis ca un ruxerruxe. Se cadra, consideran, cómpre comezar a non dar por sentado que as eleccións vaian ser no outono, senón antes, e ler nesa clave as declaracións de Feijóo e a estratexia dos populares galegos nas redes e nos medios. Preguntado ao respecto, o líder dos populares galegos aseguraba este venres que "nin se lle pasa pola cabeza" a cuestión das eleccións. "En plena pandemia, non están na axenda", asegura Feijóo. Para votar a principios de xullo -por exemplo- tería que rubricar a convocatoria na segunda semana completa de maio. [O decreto que desconvoca as eleccións mantén a decisión da data na Presidencia da Xunta]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.