Galicia vive unha situación institucional inédita nas súas case catro décadas de autonomía política. O Parlamento está disolto polo decreto de convocatoria das eleccións que se fixaran para o pasado 5 de abril, as mesmas que foron adiadas por mor da crise do coronavirus. Esa cancelación dos comicios foi decretada "deixando sen efecto" o decreto de convocatoria no que atinxía á chamada ás urnas pero non á disolución do Parlamento, dando lugar á inédita situación dun Goberno en plenas funcións por tempo indefinido pero cunha Cámara disolta e con funcións limitadas.
Galicia está nunha situación institucional inédita, co Parlamento disolto pola convocatoria das eleccións non celebradas pero cun Goberno que goza de plenas funcións
Co lexislativo disolto, o único órgano que segue operativo é a Deputación Permanente, composta por unha vintena de escanos que reproducen o xogo de maiorías do pleno e cunhas funcións moi limitadas. En síntese, os grupos da oposición poden reclamar convocatorias deste órgano para que comparezan nel membros do Goberno galego, pero esa solicitude só sae adiante se a maioría -o PP, neste caso- o considera oportuno. Daquela, o único mecanismo de control da Xunta nesta situación sen precedente está nas mans do partido que sustenta ao propio Goberno.
Neste contexto, a finais de marzo todos os grupos elevaron unha consulta aos servizos xurídicos do Parlamento na que solicitaban "delimitar as funcións da Deputación Permanente", preguntando se é ou non posible controlar ao Goberno con procedementos como as preguntas ou as solicitudes de documentación, entre outras iniciativas e a resposta é que si.
O servizo xurídico da Cámara ve claro que os grupos parlamentarios poidan formular preguntas e solicitudes de documentación á Xunta a través da Deputación Permanente nesta situación excepcional
Ese informe, ao que tivo acceso Praza.gal, foi emitido este 17 de abril e nel os servizos xurídicos fan mención a un amplo abano de normativa vixente en Galicia e noutros puntos do Estado e de Europa para concluíren que si hai marxe para, cando menos, algunhas das iniciativas de control do Goberno. Veno especialmente claro para a presentación de preguntas e a solicitude de documentación á Xunta.
"O seu exercicio escrito non suscita dificultades de admisión", cren, "por tanto integran vías de control e transparencia do Executivo nun momento no que está obrigado", segundo o decreto polo que se adiaron as eleccións, "á fixación o máis inmediata posible da cita electoral". Tampouco ven "dificultades" para que as preguntas poidan ser orais, o que na práctica abre a porta á celebración de sesións de control ao Goberno.
O servizo xurídico do Parlamento tamén ven "encaixe claro" ás solicitudes de comparecencia dos membros da Xunta, figura parlamentaria que require do visto e prace da maioría e que, daquela, está suxeita á aprobación ou non do PP. Tamén consideran viable, aínda que cun "encaixe" máis "difícil" nas "funcións tradicionais da Deputación Permanente, que os grupos presenten proposicións non de lei e mocións -iniciativas que, de aprobárense, instan a Xunta a tomar unha decisión concreta sobre un asunto-. O mesmo consideran das interpelacións ao Goberno.
O informe xurídico condiciona ao "consenso das forzas políticas" a presentación de iniciativas como as proposicións non de lei" das que subliña que facilitan o "debido e efectivo control e impulso da actividade do Goberno ata que se constitúa a nova Cámara galega"
Coidan que para poder encaixar este tipo de iniciativas na Deputación Permanente sería preciso o "consenso das forzas políticas da Cámara". Agregan, non obstante, que permitilas será tanto como facilitar que a Deputación Permanente "exerza o debido e efectivo control e impulso da actividade do Goberno ata que se constitúa a nova Cámara galega, garantindo o equilibrio constitucional e estatutario de poderes". Si pechan a porta -algo que a oposición non propuxo- a que a Deputación Permanente puidese aprobar leis ou debater mocións de censura ou mesmo unha investidura.
Unha vez coñecido este informe, a primeira reacción chegaba dende o BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o servizo xurídico "dá a razón" aos grupos da oposición en xeral e ao Bloque en particular. Por iso, cre, o máis axeitado sería que os grupos parlamentarios se reúnan canto antes para "poñer en marcha a actividade parlamentaria". Pola banda do PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, ve aberta a vía para "activar a Deputación Permanente como mecanismo para fortalecer a resposta democrática en Galicia ante a crise provocada polo covid-19". Dende o Grupo Mixto, En Marea aplaude que sexa posible a realización de preguntas, pero lamenta que o PP poida ter dereito de "vetar" iniciativas ao condicionar a súa presentación a que haxa "consenso".