Toda a oposición esixe a Feijóo explicacións sobre o coronavirus nas residencias e non limitarse "á propaganda na TVG"

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez Reino, en roldas de prensa a través de internet este 13 de abril CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

"Non pode comparecer só para confrontar co Goberno central e poñerlle deberes". "Demostra deslealdade cando o que hai que facer é colaborar". "Está máis preocupado en facer propaganda". Entre as tres principais forzas da esquerda galega esténdese o malestar coa xestión política do Goberno do PP na crise do coronavirus. Co Parlamento disolto e o Goberno en plenas funcións por mor da anulación das eleccións, PSdeG, BNG e Galicia en Común ven preciso un extra de diálogo que, lamentan, o actual presidente está a substituír por "desplantes" e "propaganda" sen sequera, láianse, ofrecer explicacións satisfactorias por un dos principais "focos" da pandemia no país, as residencias de persoas maiores e dependentes. As mesmas polas que toda a oposición (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto -En Marea-) rexistrou unha petición de comparecencia do presidente xa o pasado día 6.

Tras non recibiren a chamada da Xunta para un novo encontro con Feijóo medra o malestar entre as formacións da esquerda galega, que instan o Goberno a redobrar "a cooperación" ao estar o Parlamento disolto

As formacións da actual oposición agardaban, na liña do pactado tras a suspensión electoral, ter un novo encontro por videoconferencia con Alberto Núñez Feijóo o pasado domingo, para así coñeceren de primeira man o tratado co Goberno de España e trasladárenlle preguntas concretas sobre a evolución do virus nos centros de maiores. Pero esa chamada non chegou e o malestar incrementouse. Por iso, subliñaron este luns Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino, é aínda máis urxente que Feijóo acceda a dar contas "pormenorizadas" na Deputación do Parlamento sobre as residencias e as medidas para frear os contaxios nelas.

Feijóo, na videoconferencia con Pedro Sánchez e as restantes presidencias autonómicas, este 12 de abril en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Para o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, resultou especialmente molesta a rolda de prensa de Feijóo do pasado domingo, retransmitida ao vivo pola TVG. No canto de redobrar "a cooperación e a responsabilidade", lamenta o socialista, optou por "un discurso de confrontación que non está á altura das circunstancias" sen "dar contas do que é a súa responsabilidade", achegando "a información que el reclama" a Pedro Sánchez. Por iso "é importante que compareza con información exacta" sobre "cada unha" das residencias no menor tempo posible.

PSdeG, BNG e Galicia en Común reiteran a necesidade de coñeceren información "pormenorizada" do que acontece nas residencias de maiores e dependentes por seren o principal "foco" da pandemia actualmente no país

Esa información tamén a reclama a líder do BNG, Ana Pontón. "Feijóo foxe do Parlamento e incumpre a súa palabra" a respecto do diálogo coa oposición, pero tamén "resulta cínico", cre, que "pida a Pedro Sánchez que as xuntanzas non se convertan nun trámite" mentres "ten secuestrado o Parlamento", o mesmo no que "debe comparecer de xeito inmediato para dar explicacións en relación á xestión nas residencias". "A xestión dunha crise -abonda Pontón- non pode limitarse a usar a TVG como canle de propaganda", toda vez que dende o inicio da pandemia, o presidente da Xunta xa interveu "quince veces na TVG e só unha no Parlamento".

Nesa disparidade entre as intervencións televisivas -en referencia á retransmisión ao vivo de roldas de prensa pola canle pública- repara tamén Antón Gómez-Reino, voceiro e candidato de Galicia en Común. "Feijóo saíu 14 horas en rolda de prensa" pola TVG "e 42 minutos no Parlamento", lamenta nun contexto no que urxe "transparencia" sobre as residencias, toda vez que segue sendo imposible saber, á luz dos datos divulgados polo Goberno galego, datos como a residencia da que proceden as persoas usuarias dos centros de maiores que falecen pola covid-19 en hospitais do Sergas. "Non pode ser que critique outras Administracións por falta de transparencia e despois, el non dea eses datos", remarca Gómez-Reino, que tamén ve a Feijóo "máis preocupado por facer propaganda" que por pactar medidas co resto de forzas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.