A Xunta presume de "lealdade" co Goberno central e acúsao de "fracasar" na loita contra o coronavirus

Sesión da Deputación Permanente celebrada no hemiciclo por mor do coronavirus © Xunta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en manifestar a "lealdade" da Xunta co Goberno central e a necesidade de evitar os reproches entre administracións durante a crise do coronavirus, pero ao tempo lanzou duros ataques contra o Executivo de Pedro Sánchez durante a súa intervención na sesión da Deputación Permanente celebrada este venres extraordinariamente no hemiciclo do Parlamento de Galicia. 

Rueda asegurou "lealdade" ao Goberno central, ao que acusou de "erros evidentes" ou de non terse "anticipado" á crise polo coronavirus

Nunha segunda sesión histórica da Deputación Permanente na Cámara --co obxectivo de gardar as distancias requiridas--, xa que esta está formalmente disolta, Rueda respondeu ás críticas da oposición alternando chamadas á responsabilidade con denuncias polos "erros evidentes á vista de toda a cidadanía" que atribuíu ao Goberno do Estado, ao que acusou de non terse "anticipado" á crise da Covid-19 cando organizacións como a OMS xa advertiran dos riscos. Tamén cargou contra a falta de subministro de material de protección por parte do Executivo de Sánchez e gabou a iniciativa da Xunta de achegar máscaras, luvas ou xel aos concellos. "Se esperabamos polo subministro de material por parte do Estado, ía ser complicado contar cun abastecemento mínimo", asegurou. 

Alfonso Rueda intervén na sesión da Deputación Permanente celebrada no hemiciclo do Parlamento © Parlamento de Galicia

Así, Rueda chegou a ilustrar con detalladas cifras o material achegado polo Estado para aclarar que as luvas recibidas darían "para pouco máis dun día" de traballo, os litros de xel hidroalcólico "para 2,6", as máscaras para pouco máis dunha xornada e as batas "para dous días". "Ninguén nega que se fan esforzos para conseguir material, pero o éxito é mellorable", insistiu. 

O vicepresidente da Xunta acusa o Executivo central de "fracasar" , "facer ridículos con moito prexuízo" e levar a cabo unha "censura evidente e con todo descaro"

De feito, e en resposta a Gonzalo Caballero, voceiro do PSdeG, Alfonso Rueda acusou o Goberno central de "fracasar" e de facer "ridículos con moito prexuízo para quen estaba esperando por probas". Ao tempo, destacou que a Xunta si soubo "anticiparse", iniciativa que se tería demostrado co encargo de 500.000 máscaras ou con medidas de distanciamento social previas ao confinamento declarado polo Estado. 

Ademais, e ante as críticas de falta de "transparencia" por parte da Xunta, Rueda advertiu de que era mellor "non facer comparacións" co Goberno central, ao que acusou de "censura evidente, en vivo e en directo e con todo descaro", en referencia ás queixas de xornalistas pola imposibilidade de repreguntar nas roldas de prensa.  

O tamén conselleiro de Presidencia presumiu ademais da sanidade pública galega ante as denuncias de "recortes" por parte de toda a oposición. "A sanidade publica galega é unha das mellores do mundo e piar fundamental na loita contra o coronavirus", dixo, tras asegurar que "as cifras demostran que non se fixeron recortes en épocas de crise, senón investimentos para consolidala". 

Rueda nega recortes na sanidade pública galega, que cualifica como "unha das mellores do mundo"

Respondía así Rueda a Gonzalo Caballero, que pediu "un plan urxente de atención sanitaria, máis persoal e máis infraestruturas", ou a Ana Pontón, portavoz do BNG, que cre que a mellor forma de agradecer o esforzo dos sanitarios é "reforzar a sanidade pública con dereitos e condicións dignas nas contratacións". 

Antón Sánchez, de Común da Esquerda, pola súa banda, lembrou que os recortes en sanidade "provocan maiores dificultades para afrontar crises" como a actual e pediu "apostar polo público e o colectivo" tras recordar a perda de camas e profesionais na última década e afondando nas críticas que tamén realizou Davide Rodríguez, de En Marea. 

Sesión da Deputación Permanente no hemiciclo do Parlamento por mor do coronavirus © Parlamento de Galicia

Toda a oposición coincidiu tamén en reclamar medidas e máis intervención nas residencias de maiores e en demandar datos sobre os recursos da sanidade privada que están a ser utilizados pola Xunta ante a construción de hospitais de campaña. No entanto, Rueda non achegou cifra ningunha máis alá de asegurar que todos os medios sanitarios están a disposición do Goberno galego. 

A oposición reclama axudas económicas directas, o reforzo da sanidade pública ou un fondo extraordinario para paliar os efectos da crise

Antón Sánchez, ademais, lembroulle a Rueda que "Galicia é unha das poucas comunidades que non habilitou axudas directas para autónomos" e advertiu das que si puxeron en marcha territorios como Catalunya, Comunitat Valenciana ou Madrid. "Galicia vai á cola das autonomías que toman medidas económicas de apoio á xente afectada, que pensa a Xunta dun ingreso mínimo vital para quen quede sen ingresos?", preguntou. 

Desde o BNG, pola súa banda, Ana Pontón propuxo unha serie de medidas como "consensuar coa comunidade escolar unha saída para acabar o curso", o reforzo da sanidade pública, garantir o material de protección necesario e a realización de test masivos, así como un fondo extraordinario para abodar as consecuencias económicas da crise, "con todos os fondos da Xunta que se poidan reestruturar, captando fondos europeos e reclamando os 60.000 millóns do rescate bancario". 

Na Deputación Permanente deste venres tamén interviu Fabiola García, conselleira de Politica Social, que advertiu a todas as residencias de maiores de Galicia que actuará "con toda rotundidade" fronte a calquera "irregularidade" que detecte a Xunta. "Non dubidaremos en tomar todas as medidas que sexan necesarias", dixo. 

Por outra banda, o Parlamento galego aprobou tranferir á Xunta de maneira "inemdiata" unha partida de 2 millóns procedentes do remanente de tesoureiría da Cámara para "contribuír ás necesidades orzmanetarios derivadas da pandemia", tal e como informou a propia institución sobre unha medida proposta polo seu presidente, Miguel Santalices, e aprobada por unanimidade pola Mesa da Deputación Permanente. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.