Os camiños da política galega volver pasar por enésima vez por unha sede partidaria en Bilbao e outra gobernamental en Vitoria-Gasteiz. As negociacións tecidas dende Sabin Etxea, sede do PNV, en coordinación co palacio de Ajuria Enea, que acolle a lehendakaritza, desembocaron o pasado mércores no desbloqueo do acordo polo que os socios do Goberno de España contaron co transcendental voto a prol dos 6 escanos jeltzales á cuarta prórroga do estado de alarma para afrontar a crise do coronavirus. O acordo volve achegar o PNV ás posicións do Executivo de Pedro Sánchez, en cuxa investidura xa fora clave, e a súa vaga expansiva trae consigo unha repercusión directa máis das decisións dos nacionalistas vascos no escenario electoral galego.
Os camiños da política galega volven pasar por enésima vez polas sedes do PNV e da presidencia do Goberno vasco, agora dotando a Xunta de argumentos xurídicos para poder chamar ás urnas antes da fin do estado de alarma polo coronavirus
Antes do "si" do grupo que lidera Aitor Esteban, PSOE e Unidas Podemos votaron en sentido afirmativo á proposta de resolución que o PNV formulara con tres emendas ao texto do decreto que regula a nova prórroga do estado de alarma. Unha delas vai orientada a ampliar a marxe de manobra das autonomías nas medidas de desconfinamento. Outra, orientada a que a veciñanza do condado de Trebiñu -enclave administrativamente percentente á provincia de Burgos no centro da de Araba- poida circular por territorio alavés mentres duren as restricións.
Outras dúas están especificamente orientadas a que o lehendakari, Íñigo Urkullu, poida facer realidade o seu desexo de convocar as eleccións vascas para o mes de xullo. Pero a súa redacción abre a porta tamén a que Alberto Núñez Feijóo poida imitalo, porque lle dá ferramentas para chamar ás urnas sen ter que esperar ao levantamento do estado de alarma. Ou, o que é o mesmo, argumentos xurídicos para obviar o que estipula o decreto polo que, o pasado marzo, ficaron desconvocados os comicios galegos que se ían celebrar o 5 de abril, data á que se sumou Feijóo despois de que Urkullu a elixise para renovar o Parlamento vasco, tal e como sucedera en 2016 e 2012.
A 'desconvocatoria' das eleccións condicionaba o novo proceso en Galicia ao levantamento do estado de alarma
Aquel decreto mantivo a competencia da convocatoria na Presidencia da Xunta, como é habitual, pero con dúas cautelas axustadas á crise sanitaria. A primeira é unha mera formalidade: Feijóo deberá "ouvir" o criterio do resto de partidos políticos sobre a data. A segunda era ata agora un obstáculo insalvable: o proceso electoral celebraríase "no prazo máis breve posible" unha vez "levantada a declaración do estado de alarma", dependente do Goberno central e do Congreso, e mais "da situación de emerxencia sanitaria" pola covid-19, dependente da Xunta.
Feijóo tiña as mans atadas para chamar ás urnas mentres houbese estado de alarma, figura contra a que clamou o pasado domingo nunha comparecencia pública na que, por primeira vez, abandonou o argumento de que as eleccións "non están na axenda do Goberno galego" por mor do coronavirus para substituílo pola petición dunha "fórmula certa" para poder convocalas. É neste punto onde a emenda do PNV resulta clave.
Ferramenta para obviar o aprobado en Galicia
O texto introducido polo PNV na nova prórroga indica que "a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún" ás "actualizacións electorais precisas para o desenvolvemento de eleccións" a parlamentos autonómicos
O texto introducido polos nacionalistas vascos indica que "a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento de eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas". Esa mención refírese máis á intendencia do proceso electoral que á convocatoria mesma, xa que o decreto de desconvocatoria vasco, ao contrario que o galego, non condiciona a nova convocatoria á fin do estado de alarma. Ademais, agrega que o Goberno central, mentres dure o estado de alarma, "disporá o oportuno para que o servizo público de Coreos, os fedatarios públicos e demais servizos da súa responsabilidade" axuden no proceso de "realización" desas mesmas eleccións.
Fontes xurídicas consultadas por Praza.gal apuntan a que esa mención expresa a que o estado de alarma "non suporá obstáculo" á convocatoria das eleccións, xa aprobada no Congreso pode ser a tecla que Feijóo prema para poder chamar ás urnas, por exemplo, en xullo. Isto implicaría, en función da data elixida ou no caso de que o Goberno central opte por unha quinta prórroga, ter que asinar o decreto de convocatoria antes do levantamento do estado de alarma, aínda que esta figura non estivese vixente no día das votacións. Cuestión diferente, apuntan as mesmas fontes, é que a situacións sanitaria empeore e faga inviable celebrar os comicios con garantías.
As posibles datas en xullo
Coa emenda do PNV xa aprobada, unha das incógnitas a despexar é o domingo de xullo que o lehendakari preferirá para volver convocar as eleccións vascas. Se a nova convocatoria galega segue os prazos ordinarios, como o propio Feijóo indicou o pasado marzo que sucedería, o actual presidente da Xunta deberá cumprir o prazo de asinar o decreto un mínimo de 54 días antes da data seleccionada.
No caso de que se manteñan os prazos ordinarios, Feijóo tería que convocar as eleccións en maio para votar un dos tres primeiros domingos de xullo; se optase polo cuarto, o que tornaría o Día Nacional de Galicia en xornada de reflexión, a convocatoria podería chegar ata o 2 de xuño
Así, se as eleccións vascas e galegas pasan a celebrarse o 5 de xullo, Feijóo tería que convocalas, a máis tardar, o día 12 deste mes de maio. Se o elixido é o día 12, a convocatoría tería como límite o 19 de maio e o limiar sería o 26 de maio para votar o 19 de xullo. Se o tamén líder do PP opta polo inédito escenario de votar o derradeiro domingo de xullo, o que convertería o Día Nacional de Galicia en xornada de reflexión, a convocatoría tería que estar datada, como moi tarde, no 2 de xuño.
Nun contexto no que tampouco cabe descartar que algúns dos prazos electorais sexan acurtados -entre eles, os da propia campaña, inevitablemente condicionada polas medidas sanitarias e de distancia social-, a posición oficial do PP galego segue a ser que non ve unha "prioridade" a celebración das eleccións, en verbas do seu secretario xeral, Miguel Tellado. Segundo o número dous de Feijóo no partido, segue sen ser o "momento" de abordar esta cuestión que, ao seu xuízo, si "obsesiona" ás forzas da oposición.
Mentres, nas direccións das formacións da esquerda aseguran non ter dúbidas de que Feijóo quere agora acelerar o calendario por considerar que pode saír beneficiado de votar en xullo. Esa, consideran en PSdeG, BNG e Galicia en Común, é a razón pola que o líder do PPdeG reclamou a pasada fin de semana o remate do estado de alarma.