Unha vez publicado no DOG este luns o acordo interpretativo que o permite, o presidente ten ata este martes para chamar ás urnas o 12 de xullo, o primeiro domingo dispoñible dentro dos prazos da lei electoral
O Diario Oficial de Galicia publica este luns o acordo tomado polo Consello da Xunta o pasado venres que habilita ao seu presidente a convocar eleccións aínda que siga vixente a alerta sanitaria galega. Despois de que o Goberno central, a petición do PNV, corrixise o estado de alarma estatal para facilitar os comicios vascos e galegos, a Xunta fai o mesmo coa normativa de ámbito autonómico. Feijóo, que quere celebrar os comicios canto antes, ten ata este martes para facelo se quere que sexan o domingo 12 de xullo, o primeiro dispoñible dentro dos prazos da lei electoral.
A Xunta acordou “o necesario entendemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria no marco xurídico derivado do estado de alarma”, que tras a petición do PNV xa permite eleccións
Cando o 19 de marzo o Goberno galego decidiu deixar sen efecto a anterior convocatoria electoral fíxoo cun decreto que condicionaba a celebración de eleccións ao levantamento do estado de alarma estatal e da alerta sanitaria galega que a propia Xunta establecera o 13 de marzo. Porén, na negociación da última prórroga do estado de alarma o PNV logrou introducir nela a precisión de que o mantemento do estado de alarma estatal non impediría celebrar eleccións. E agora a Xunta fai o mesmo para a alerta sanitaria de ámbito galego.
Segundo sinala o DOG, o acordo adoptado o pasado venres establece “o necesario entendemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria no marco xurídico derivado do estado de alarma”. Ese “entendemento” ou interpretación que fai o Goberno galego é que, unha vez permitidas as eleccións no estado de alarma a nivel estatal, “a situación de emerxencia sanitaria declarada polo Consello da Xunta de Galicia é compatible co desenvolvemento e a realización das actuacións electorais precisas para a celebración de eleccións ao Parlamento de Galicia”.
O acordo establece que a Xunta deberá garantir a protección da saúde nos comicios e "promoverá" que as demais administracións adopten igualmente medidas
O DOG tamén establece que “no caso de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia, os órganos autonómicos competentes adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da saúde durante o desenvolvemento do proceso electoral. Así mesmo, a Administración autonómica promoverá que as demais administracións e entidades con competencias no desenvolvemento do proceso electoral adopten medidas coa mesma finalidade e prestará a colaboración que, para estes efectos, resulte necesaria”.
A pasada semana o presidente avanzou o seu desexo de que as eleccións se celebren canto antes, amparándose en informes sanitarios que encargou que prevén varios posibles rebrotes desde dentro dun par de semanas e durante os próximos meses, e nun informe da asesoría xurídica do Goberno galego que interpreta que a alerta sanitaria galega só pode entenderse cos condicionantes e facilidades do estado de alarma estatal.
Agora, coa data deste martes como límite para convocar os comicios para o 12 de xullo, e tras escoitar a pasada semana, como se establecera no decreto de desconvocatoria, ao resto de partidos, que discrepan, o presidente debe convocar un Consello da Xunta para escoitar a opinión dos seus conselleiros antes de tomar el mesmo a decisión que considere.