O 19 de xuño de 2005 o PP perdeu un escano pola Coruña, outro por Lugo e dous por Pontevedra. O segundo en disputa na circunscrición pontevedresa quedou pendente do popularmente coñecido como voto emigrante; o PSdeG lograra o último escano desa provincia por unha marxe relativamente escasa que, se era compensada polo sufraxio exterior aos populares, regresaría ao cómputo total dos de Fraga, permitíndolles reter a maioría absoluta pola mínima.
Nos seguintes comicios galegos, os do 1 de marzo de 2009, o reparto de escanos foi practicamente idéntico ao de catro antes. Só houbo unha excepción: o PP recuperou o seu duodécimo escano pola provincia da Coruña, que en 2005 fora o quinto do BNG nesa circunscrición. A coalición do PSdeG e o Bloque pasou a sumar 37 actas (25 máis 12) e o PP de Alberto Núñez Feijóo conseguiu a trixésimo oitava da maioría absoluta que dá acceso ao Goberno.
Os axustados resultados que deron lugar aos dous últimos cambios de cor política no Goberno galego amosan ás claras por que as formacións políticas afrontan o vindeiro 5A dende a consciencia de que non sen trata dunha única elección, senón de catro
Os axustados resultados que deron lugar aos dous últimos cambios de cor política no Goberno galego amosan ás claras por que as formacións políticas afrontan o vindeiro 5A dende a consciencia de que non sen trata dunha única elección, senón de catro. Catro comicios, un por provincia, con trazos específicos e influencias concretas da lei e do sistema electoral: dende o feito de que a circunscrición da Coruña elixe un terzo do total do Parlamento -25 de 75 escanos- ata que en Lugo e Ourense, con cadanseus 14 escanos, a barreira do 5% para acceder á Cámara acaba sendo, a efectos prácticos, superior ao 6%.
Neste sentido, nas formacións da esquerda que aseguran observar como posible unha mudanza política en Galicia o vindeiro 5A repítese unha expectativa para dala logrado: que o PP chegue a perder un escano por provincia, unha baixada de catro actas como a padecida por Fraga en 2005, de 41 a 37. Neste punto, os derradeiros escanos repartidos en cada circunscrición mediante o sistema d'Hondt resultarían capitais.
O escanos finais de 2016
Nos cuarteis xerais das forzas políticas repásanse nas últimas semanas o sentido de voto do electorado galego nos comicios celebrados durante 2019 -xerais, europeas, municipais e as xerais repetidas-, pero tamén o escrutinio definitivo de hai catro anos. Naquel 25 de setembro de 2016, a diferenza en escanos entre esquerda e dereita foi escasa nas provincias atlánticas, pero disparouse no interior.
Hai catro anos, a diferenza de escanos entre esquerda e dereita nas provincias atlánticas foi escasa, pero disparouse no interior
Naqueles comicios o PP logrou 13 dos 25 escanos que reparte A Coruña e o escano final levárao o PSdeG por unha marxe relativamente curta, de pouco máis de 1.500 votos, que permitiu aos socialistas reteren a súa quinta acta e que o PP non lograse a décimo cuarta. En Pontevedra, En Marea, PSdeG e BNG sumaran 11 escanos, tantos como o PP, que levara o deputado final en xogo cun colchón de máis de 6.000 votos sobre o PSdeG, o que quedou máis próximo.
En Lugo, onde o PP tivera 8 dos 14 escanos dispoñibles, a acta final levárana os socialistas, e a seguinte forza en disputalo, En Marea, estivera a máis de 6.800 votos de conseguila. En Ourense, no entanto, o reparto do escano final estivo moi apertado e ao PSdeG faltáronlle 157 votos para quitarllo ao PP; malia á expectación xerada, o voto exterior naquela ocasión tampouco mudou nada e os populares quedaron con 9 de 14.
Previsibles chamadas ao 'voto útil' e un ollo no estranxeiro
Con este pano de fondo e cos resultados de 2016 na man, nas que previsiblemente serán principais forzas políticas da carreira electoral do 5A abondarán as chamadas ao voto útil sen desbotar que, malia á implantación do voto rogado -solicitude de participación previa, implantada en 2011-, un eventual escenario axustado poida converter o sufraxio do estranxeiro en determinante. En Galicia ese impacto do exterior non foi decisivo dende a reforma de 2011 pero na veciña Asturias, por exemplo, no ano 2012 a maioría de goberno si estivo nas mans destes votos. O prazo para solicitalo remata o 7 de marzo.
Pola banda dereita, esta chamada é continua dende hai meses e, no caso concreto das eleccións galegas, concrétase nas reiteradas advertencias do PP ao potencial electoral de Vox ou tamén de Ciudadanos, partido co que Feijóo desbotou a confluencia que a dirección estatal de Pablo Casado si impuxo en Euskadi, mesmo pasando por riba de quen era o seu líder e candidato vasco, Alfonso Alonso.
Nas anteriores eleccións galegas, Vox non se presentou e o apoio a Ciudadanos foi escaso; nas xerais de 2019 ambas formacións chegaron a sumar máis de 270.000 votos en Galicia
En 2016, Ciudadanos non rozou nin de lonxe os votos necesarios para acceder ao reparto de escanos -na circunscrición na que obtivo maior porcentaxe de apoios, Pontevedra, non chegou ao 4%- e Vox nin se presentou. No entanto, nos comicios xerais celebrados durante 2019 ambas formacións sumaron máis de 270.000 votos o 28A e máis de 178.000 o 10N. Nesas segundas eleccións, ao partido de extrema dereita faltáronlle algo máis de 7.000 votos para conseguir o derradeiro escano da Coruña, que foi para o BNG.
O xogo matemático de extrapolar os resultados das xerais ás galegas -un exercicio politicamente improbable, tanto polas variacións no sentido do voto como pola habitualm ente dispar participación entre comicios de diferente ámbito- amosa ata que punto o PP tivo competencia real en ambos comicios no espectro da dereita. Cun resultado como o do 28A, a esquerda sería maioritaria nun Parlamento galego no que habería na oposición 25 escanos do PP, 8 de Ciudadanos e 2 de Vox. Se o electorado votase ao Parlamento galego como o pasado 10N, a esquerda tamén lograría maioría absoluta e os populares, con 28 escanos, compartirían oposición con ata 5 representantes de Vox.
Mentres, pola esquerda, as que se presentan como tres principais opcións -PSdeG, BNG e Galicia en Común- tamén competirán por concentraren o voto, moi especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. Nestas circunscricións interiores, as menos proporcionais e nas que o PP adoita ter máis peso, a última forza da esquerda en acceder ao reparto de escanos hai catro anos foi o BNG, que logrou cadansúa deputada por circunscrición. Para lograren unha soa acta lucense e outra ourensá, na formación soberanista precisaran máis de 13.500 votos en Lugo e algo máis de 10.500 en Ourense.