A convocatoria oficial das eleccións anticipadas ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 5 de abril pon en marcha todos os prazos asociados ao proceso electoral. Entre eles, os relativos á solicitude e envío do voto por correo. Tal e como confirma Correos, dende este 11 de febreiro xa é posible solicitar o sufraxio postal, un prazo que está aberto ata o 26 de marzo.
Para poder participar por correo nas eleccións, lembra a empresa pública, a solicitude "debe ser solicitada persoalmente por cada elector" agás "en caso de enfermidade ou discapacidade acreditadas mediante certificación médica oficial". Só nese caso e previa autorización notarial ou consular, o trámite pode ser realizado por outra persoa e atendendo, de calquera xeito, aos prazos indicados sobre estas liñas.
Máis de 46.000 votos por correo en 2016
O volume do voto por correo é habitualmente interpretado como un indicador dunha alta ou baixa participación electoral. Nesta ocasión, o feito de que as eleccións se celebren o Domingo de Ramos, inicio da Semana Santa, poden ser un factor adicional na decisión de participar nos comicios sen agardar ao propio 5A.
No ano 2016 a cifra de votantes por correo foi a máis alta dende as derradeiras eleccións do fraguismo
Nas eleccións de 2016 os votos postais foron case 13.000 máis que catro anos antes, con máis de 46.000. Foi a cifra máis alta dende as eleccións de 2005, as da fin do fraguismo, cando se superaran os 44.000. Estas cifras refírense só a persoas residentes dentro do Estado español e independentes do voto postal dende o estranxeiro, o das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) ou no da poboación temporalmente residente no exterior (ERTA).
A convocatoria oficial das eleccións do 5A implica tamén a fixación de todos os demais prazos legais, tanto para o electorado como para a presentación de candidaturas. Igualmente, o decreto de disolución do Parlamento fixa as datas da campaña electoral, dúas semanas a partir do 20 de marzo, e da constitución da nova Cámara, o 5 de maio ás 11 da mañá.