A pasada lexislatura galega rematou co PP reivindicando en solitario unha reforma da lei electoral para reducir o número de escanos do Parlamento de 75 a 61. Así o fixeron ata dúas semanas antes de que Alberto Núñez Feijóo decidise adiantar as eleccións e así o continuaron facendo tras gañar os comicios cun programa que incluía a tesoirada ao lexislativo. Os populares axitaron a iniciativa durante máis de dous anos aínda que no pasado se comprometeran a non acometer reformas electorais sen consenso, se ben a comezos de 2015 deron en renunciar ao recorte á Cámara. Deste xeito, nas eleccións deste 2016 o electorado galego elixirá de novo 75 deputados e deputadas, pero cunha variación: a perda de poboación na provincia de Lugo provocará que perda un escano e que este pase á Coruña, circunscrición que pasará a achegar un terzo da Cámara.
Como apuntaron nos últimos días Anxo Lugilde en El Progreso e R. Prieto en La Opinión e Faro de Vigo, as cifras de poboación que rexerán o reparto de escanos nos comicios deste ano -adiantados ou non- son as do Padrón que foi pechado a finais de 2015, segundo o cal viven en Galicia 2.732.347 persoas. Este rexistro recolle unhas 63.000 menos que a finais de 2011, referencia para os comicios de hai catro anos. A respecto daquel ano a provincia da Coruña perdeu un 1,7% de poboación, Lugo case un 3,5%, Ourense retrocedeu practicamente un 4,5% e Pontevedra, un 1,7%.
Cada circunscrición ten un mínimo de 10 escanos e o resto repártese, en función da poboación, segundo a fórmula estipulada na lei de eleccións
Son estes números os que a Xunta terá sobre a mesa para elaborar o decreto de disolución do Parlamento e convocatoria dos comicios que, segundo a lei de eleccións, ten que detallar o reparto de escanos resultante de aplicar a fórmula fixada no artigo 9 da lei de eleccións. O que a lei indica é que cada provincia está representada por un "mínimo inicial" de 10 escanos, decidido no seu día co obxectivo de garantir unha presenza equitativa de todos os territorios. Para distribuír os 35 escanos restantes cómpre dividir entre eles a cifra total de poboación de Galicia; desta operación resulta un número, a "cota de reparto", entre o que haberá que dividir a poboación de cada unha das provincias.
Nove centésimas na segunda división para o reparto de escanos fai que un posto de Lugo pase á Coruña
O produto desa segunda división son os escanos que corresponden a cada provincia. Se o resultado non é exacto e sobran escanos, asígnanse os que queden "a cada unha das provincias" en función do décimal que obtivesen nesa división: a circunscrición co décimal máis alto é a que opta en primeiro lugar aos escanos que queden. Tanto nas eleccións de 2012 como nestas de 2016 tras facer a segunda división A Coruña suma 14 escanos aos 10 iniciais, Pontevedra obtén 12 e Lugo e Ourense, 4. Restaba, polo tanto, un só escano para completar os 75.
No entanto, hai catro anos o resultado decimal coruñés era 14,36 e o lucense, 4,40, polo que o escano que sobraba era asignado a Lugo, que finalizaba con 15. Mentres, este ano na Coruña a división dá 14,44 e en Lugo, 4,35. Esas nove centésimas de diferenza fan que o derradeiro escano do reparto sexa coruñés, chegando esta circunscrición aos 25, un terzo do total.
Ao ter o maior número de escanos e ser a única circunscrición impar A Coruña preséntase como clave para o resultado dos comicios
Así as cousas, case unha década despois da primeira e, ata agora, última mudanza de escanos -en 1997 Pontevedra gañou un escano que perdía Ourense polo mesmo motivo-, A Coruña preséntase como clave nuns comicios que, atendendo aos inquéritos que manexan internamente as formacións políticas, poderían dar lugar a un resultado moi axustado no que a formación de maiorías variase en función de moi poucos escanos. Que sexa a única provincia con número impar de escanos e a que, a priori, maiores posibilidades de representación ofrece para as formacións máis pequenas, convértena na principal candidata a desequilibrar a balanza das maiorías na noite electoral.
Este axuste provocado polas variacións poboacionais non palía en exceso, así e todo, a sobrerrepresentación das circunscricións interiores a respecto das atlánticas e a distorsión na representación que o reparto provincial provoca na configuración do Parlamento. Así, por exemplo, en 2012 cada escano da Coruña representaría, de media, uns 24.700 votos. Mentres, cada posto elixido pola provincia de Lugo custou pouco máis de 13.000 sufraxios. Ademais, estas disfuncións provocan que no interior a barreira do 5% dos votos imposta en tempos de Fraga como mínimo para obter representación parlamentaria sexa, de facto, notablemente maior.
Influencia nos resultados
Nos comicios de 2012 o PP logrou na Coruña 13 dos 24 escanos que se repartían, mentres que o PSdeG obtivo 5, AGE 4 e o BNG, 2. En Lugo o PP tamén foi maioritario con 9 dos 15 postos, mentres que o PSdeG tivo 4, AGE 1 e o Bloque, outro. Pero, que sucedería se daquela xa se producisen os cambios que neste 2016 vai provocar a redución de poboación?
Se daquela se elixisen os 25 escanos que a circunscrición coruñesa terá este ano ese posto adicional sería para AGE, que igualaría aos socialistas con 5 representantes. En Lugo, no entanto, o prexudicado pola perda dun escano sería o PSdeG, que ficaría con 3, mentres que o PP mantería os 9 que logrou e os dous restantes serían, como en 2012, un para AGE e o outro, para o BNG.