Nas eleccións municipais de maio de 2019 en Lugo, as principais forzas da dereita obtiveron algo máis de 20.500 votos e as candidaturas máis representativas da esquerda superaron os 25.000. No entanto, ata ben avanzado o reconto, o PP acariñou a alcaldía. Contaba con 11 escanos que, cos 2 de Ciudadanos, sumaban maioría absoluta.
Finalmente esta circunstancia no se deu; o PSdeG retivo as súas 8 actas e o BNG rematou a noite con 5, dando lugar á maioría que actualmente goberna a cidade. A razón pola que a esquerda lucense estivo a piques de perder o goberno local malia á devandita diferenza de votos estivo en que case toda esa diferenza quedou sen representación.
Nas municipais de 2019 en Lugo, a esquerda tivo uns 5.000 votos máis que a dereita pero case toda esa diferenza ficou sen representación; as mesmas formacións que padeceron ese efecto daquela poden telo ante si o 5A
A coñecida como esquerda rupturista estaba representada neses comicios por tres siglas, Podemos, Lugonovo e ACE-EU. Ningunha delas sobrepasou o limiar do 5% que a lei esixe para entrar no reparto de edís e os seus máis de 4.500 votos, que nunha eventual alianza os converterían en cuarta forza da cidade, por diante de C's, ficaron fóra da corporación.
Ese efecto Lugo é o que pode ter ante si este mesmo espazo político se, como apuntan as declaracións públicas dos seus líderes e dá a entender a marcha das negociacións á procura de alianzas, concorre ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril dividido en ata tres opcións políticas diferentes. Unha delas, dúas ou mesmo as tres poden bater co limiar do 5% imposto en solitario pola maioría absoluta do PP de Fraga no seu primeiro mandato. Tratábase, xustificaran os conservadores, de poñer fin á "atomización ideolóxica" no Parlamento e por iso elevaban o limiar do 3% ao 5%.
Durante as cinco lexislaturas seguintes á reforma de Fraga, no Parlamento só entraron tres forzas; especialmente en Lugo e Ourense, o limiar é, a efectos prácticos, superior ao 5%
Durante as cinco lexislaturas seguintes -1993, 1997, 2001, 2005 e 2009- o Parlamento galego pasou a estar composto unicamente por tres forzas, PP, PSdeG e BNG. En 2012 e 2016 logrou entrar unha cuarta na beira esquerda (primeiro AGE e despois, En Marea) cadrando con fortes devalos electorais tanto dos socialistas como do Bloque.
Especialmente nas circunscricións interiores, Lugo e Ourense, o limiar a efectos prácticos sobe alén do 5%; mostras disto é, por exemplo, que en 2016 o BNG tivo un único escano por cada unha destas circunscricións malia superar o 7% na lucense -máis de 13.000 votos- e e ficar no 6% na ourensá -algo máis de 10.000-.
Negociacións de Podemos, Anova e as mareas e plans de En Marea
Estes cálculos, admiten fontes das negociacións, están tamén sobre a mesa duns contactos que cando menos polo momento non frutifican entre Unidas Podemos, Anova e as mareas
Estes cálculos, admiten fontes das negociacións, están tamén sobre a mesa duns contactos que cando menos polo momento non frutifican cara á conformación dunha alianza entre as forzas integradas en Unidas Podemos -Podemos e Esquerda Unida- baixo a marca Galicia en Común con Anova e as principais mareas municipais -Marea Atlántica e Compostela Aberta. A candidatura á Presidencia da Xunta, o recoñecemento das formacións municipalistas na alianza ou a preponderancia de Podemos son algúns dos elementos de diverxencia que, admiten as fontes consultadas, seguen existindo.
Nesta liña expresábase este sábado o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, no marco da coordinadora nacional da formación, que ten encomendada a Martiño Noriega a interlocución co resto de forzas. "Nestes momentos", di, "constatamos unha sintonía moi grande coas mareas municipais" mentres que "a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidas Podemos é que nos sumemos a Unidas Podemos, e iso non é a confluencia". "Seguiremos dialogando", asegura, sen pechar a porta a unha candidatura de Anova coas formacións municipalistas.
Podemos Galicia continúa o proceso de Primarias con Gómez-Reino aspirando á candidatura á Xunta
Mentres continúan os contactos e as negociacións, Podemos constataba este propio sábado o remate do prazo de presentación de candidaturas, con Antón Gómez-Reino, secretario xeral, como aspirante á competir pola presidencia da Xunta, posto ao que tamén concorre o militante ourensán Martín Bardelas. Para o resto de postos das listas ao Parlamento presentaron as súas candidaturas 93 persoas, entre elas actuais deputados de Común da Esquerda como Luca Chao, Marcos Cal ou Julia Torregrosa.
Villares afirma que En Marea "traballa por conseguir un acordo en clave soberanista e coas mareas municipalistas"
Mentres continúan estes contactos, pola banda de En Marea o seu voceiro, Luís Villares, aseguraba este sábado tras reunir á dirección da formación que están a "traballar en conseguir un acordo con todas as forzas en clave soberanista, pero tamén coas mareas municipalistas". En calquera caso, agregou, tras o peche do prazo para o rexistro de coalicións, o día 21, prevén iniciar un proceso de primarias. Ao seu xuízo, "os votos de formacións como En Marea serán chave para conseguir un cambio de goberno na Xunta".
Deste xeito, ningunha das partes implicadas desbota, cando menos de momento, que ademais de PSdeG e BNG o vindeiro 5A haxa, no eido da esquerda, unha candidatura de Unidas Podemos, outra de Anova e as mareas municipais e unha terceira de En Marea. O efecto Lugo e a lei de Fraga contra a "atomización" segue presente na mesa de negociación.