"E nós, con estes pelos". Un coñecedor de primeira man da vida interna da esquerda rupturista galega nos últimos anos ironizaba deste xeito, cun aquel de amargura, pouco despois de que Alberto Núñez Feijóo anunciase a convocatoria das eleccións galegas para o vindeiro 5 de abril. Gran parte do espazo político que hai catro anos concorreu baixo as siglas de En Marea, na altura como partido "instrumental", negocia contra o reloxo unha complexa confluencia electoral que na súa versión máis ampla podería aglutinar os socios de Unidas Podemos, Anova e as principais mareas municipalistas. Un pacto que, non obstante, no inicio da carreira cara ás urnas é observado dende todas as partes como altamente difícil.
Podemos Galicia vén de abreviar os prazos das súas primarias para adaptalas ao axustado calendario electoral, que fixa o 21 de febreiro como límite para formalizar a posible coalición
Os prazos fixados na lei de eleccións son claros. As forzas políticas que desexen concorrer en coalición deben formalizala, como moi tarde, o 21 de febreiro. Daquela, os potenciais socios contan con pouco máis dunha semana para fiar unhas negociacións que, no seu precedente máis semellante, a incorporación de Podemos ás candidaturas de En Marea en 2016, foron pechadas coa intervención directa de Pablo Iglesias cando restaban uns poucos minutos para a expiración dos prazos.
Pero o panorama político pouco ou nada ten que ver co de hai catro anos. Podemos Galicia vén de abreviar os prazos das súas primarias -que se ía estender ata finais de marzo- este mesmo venres, día 14, remata o prazo de inscrición dunhas candidaturas que serán votadas do 21 ao 25 de febreiro, isto é, cando xa estea claro se existe ou non coalición. Fontes da formación liderada por Antón Gómez-Reino admiten conversas a varias bandas e afirman ter disposición ao pacto alén da que os une con Esquerda Unida.
Pero, advirten, desta volta teñen claro que a posición de Podemos debe ser preponderante nunha eventual alianza. O partido e a súa plataforma galega, Galicia en Común, vense especialmente rearmados politicamente tras a incorporación ao Goberno de España en coalición co PSOE e consideran que eles achegarían o principal impulso nas urnas. E por iso, subliñan as mesmas fontes, o seu criterio debe ser determinante na conformación das candidaturas e, moi especialmente, na elección da persoa que opte á Presidencia da Xunta, que prevén que comparta acto político masivo con Pablo Iglesias o vindeiro 29 de febreiro.
Con este pano de fondo, as fontes consultadas non desbotan que o propio secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, inscriba a súa candidatura ás primarias mentres continúan os contactos con Anova. Tamén con algunhas das principais mareas, como Compostela Aberta ou Marea Atlántica. Precisamente os ex-alcaldes de Santiago e da Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, foron designados por Anova e Marea Atlántica, respectivamente, como responsables da interlocución con outras forzas á procura de potenciais alianzas. Nas últimas semanas abordouse tamén a posibilidade de sondar persoas "independentes", sen militancia política activa, se ben esta posibilidade semella perder forza.
As opcións de Noriega ou Ferreiro
Os candidatos preferidos por Anova e as principais mareas atopan receos en Podemos, que esgrime a súa forza electoral
Ambos nomes -especialmente o de Noriega- soaron con forza nas últimas semanas como posibles candidatos á Xunta pola eventual coalición. No caso do ex-rexedor compostelán, a súa condición de membro de Anova fai, a priori, difícil a súa aceptación en Podemos como cabeza de cartel. A hipótese de Ferreiro, din fontes de varias bandas das negociacións, encaixaría con dificultade por mor do arrefriamento que experimentaron as relacións entre Podemos e a Marea coruñesa. Non obstante, cadansúas formacións ven os seus perfís máis atractivos par a pugna electoral e mesmo para a constitución dun eventual goberno de coalición de esquerdas, no caso de que o PP non logre a maioría absoluta e non teña socios posibles pola dereita para reter a Xunta.
Anova apela a "traballar con xenerosidade" e a Marea Atlántica cre necesaria "unha única candidatura" á procura do "obxectivo dun goberno progresista e galeguista"
Deste xeito, os candidatos preferidos por Anova e as principais mareas atopan receos en Podemos, que esgrime a súa forza electoral. Dende a organización impulsada no seu nacemento por Xosé Manuel Beiras e actualmente liderada por Antón Sánchez aseguran que prevén "traballar con xenerosidade e altura de miras", pero tamén advirten de que a súa intención é "estar presentes" nas urnas. Na Marea Atlántica, nunha visión compartida por outras organizacións municipalistas, apostan pola "cooperación" para "derrotar á dereita" nun espazo no que "o municipalismo teña un papel activo". O ideal, manteñen, é "unha única candidatura que permita o obxectivo" de lograr "un goberno progresista e galeguista".
Aos riscos da división electoral refírese con especial énfase Podemos, segundo fontes das negociacións. Unha candidatura de Galicia en Común separada doutra de Anova e membros das mareas suporía no mellor dos casos, consideran, que esta segunda candidatura apenas puidese aspirar a un ou dous escanos polas provincias atlánticas. E no peor, calculan, non pasarían o limiar do 5% para obter representación e facilitarían unha nova maioría do PP. Para exemplificar esta segunda hipótese apuntan á recente experiencia de Más País. Mentres, resaltan, a opción unitaria amplificaría as posibilidades dunha opción electoral que así e todo, admiten dende todas as partes, partiría cunhas expectativas notablemente máis baixas que a cota acadada por En Marea en 2016, segunda forza política con 14 escanos.
Villares admite estar a meditar a participación electoral de En Marea e o xeito de facelo
Neste punto, a pantasma da división senta tamén á mesa dunhas negociacións marcadas polos axustados prazos que fixa a lei de eleccións, pero tamén polas alianzas frustradas nas eleccións xerais de 2019, cando o acordo dos socios de Unidas Podemos con Anova non chegou a fraguar. Todo, nun contexto no que Luís Villares, voceiro de En Marea, admite estar a meditar tamén a participación electoral da formación e o xeito de facelo nun contexto no que o acordo con Podemos e mais Esquerda Unida é un escenario inconcibible tras as agres relacións que culminaron, a mediados de 2019, coa ruptura do grupo parlamentario xurdido das eleccións de 2016 e, ao tempo, unha alianza co BNG semella practicamente descartada.