Alfonso Alonso dimite como presidente do PP vasco tras ser substituído por Carlos Iturgaiz como candidato ás eleccións vascas, que se celebran o mesmo día que as galegas, por decisión da dirección central do partido. Este luns, Feijóo dixo non ter "información" sobre "o contido e alcance do que ocorreu", expresou "admiración política e persoal" por Alonso e "afectos, simpatía e admiración" por Iturgaiz, a quen define como "vello amigo". Na imaxe, Feijóo con cargos do PP vasco en 2016.
Fálase
Morre un operario ao caerlle enriba unha árbore no monte no que traballaba en Sabadelle (Chantada). Outro traballador tamén resultou ferido e tivo que ser evacuado, segundo informa o 112.
5A | O PP anuncia a publicación dun novo número do seu "xornal" para "informar e entreter" nas "semanas que quedan" ata as eleccións. Esta publicación, que os populares xa lanzaran antes de anteriores procesos electorais, será distribuída en formato impreso polo partido nas súas sedes e actos. Inclúe unha entrevista con Feijóo e diversas parodias sobre os partidos da esquerda. Nesta ligazón, a publicación en formato dixital.
Audasa é condenada a devolver as peaxes que cobrou durante as obra de Rande en 81 momentos concretos nos que estas afectaron ao tráfico. Ampliamos a información neste espazo de Praza.gal
5A | A Xunta culmina a adxudicación pola vía de urxencia do dispositivo das eleccións do 5 de abril. O contrato de organización da xornada electoral e transmisión de datos é para Indra por 867.769 euros máis IVE, a planificación do proceso electoral e tarefas como o sitio web das eleccións é adxudicado a Contactnova por 313.897,11 euros -máis IVE- e a impresión das papeletas e demais material gráfico, a Agencia Gráfica Gallega por 671.892 euros -máis IVE-.
Pablo Casado comunica ao presidente do PP vasco, Alfonso Alonso, que xa non será o candidato a lehendakari da coalición pactada por Génova con Ciudadanos. Alonso, molesto polas cesións á formación laranxa e ao que Feijóo ofreceu o venres “todo o apoio que me solicite”, vén de anuncialo na súa conta de Twitter. O seu substituto será o aznarista Carlos Iturgáiz.
Un incendio orixinado en Portugal afectou a media hectárea do Parque Natural do Xurés. No que vai de ano, en pleno inverno, xa se produciron dous incendios de máis de 20 hectáreas (no Incio e Ortigueira), que cos que afectan a espazos protexidos ou poñen en risco poboacións son os únicos dos que informa a Xunta.
A RAG recompila oito discursos de ingreso de académicos que xiraron arredor de Rosalía, desde Carvalho Calero ata Luz Pozo Garza. Eses textos e outras alocucións dedicadas a Rosalía están dispoñibles na web da academia.
Falece Xulio Amigo, director comercial de Editorial Galaxia e ex-presidente de Culturgal.
Comeza o derrubamento do viaduto da Ronda de Nelle, o scalextric da Coruña. A obra foi impulsada no anterior mandato por Marea Atlántica e asumida polo actual goberno local socialista.