A finais de 2019 a Xunta puxo en marcha o proceso para contratar o dispositivo das eleccións galegas de 2020, dende a impresión de papeletas á organización de toda a maquinaria da propia xornada electoral. A Vicepresidencia activou tres contratacións que sumaban uns 3 millóns de euros, un proceso administrativo que, calculaba, remataría con adxudicación en torno ao 23 de marzo. Pero o adianto electoral dos comicios ao 5 de abril vén de alterar todos os plans. Tanto que o Goberno galego vén de activar a "situación de emerxencia" contemplada na lei de contratos porque, argumenta, respectar os prazos ordinarios pon "en grave perigo" a propia celebración das eleccións.
O informe que xustifica a contratación por vía urxente indica que os prazos ordinarios dos contratos, iniciados a finais de decembro, fan "inviable" celebrar as eleccións do 5A "con todas as garantías"
Ao contrario que o Goberno central ou outras autonomías como a vasca, que conta cunha área de Procesos Electorais dentro do seu departamento de Seguridade, a Xunta "non dispón dun organismo permanente encargado de asuntos electorais", argumenta a Vicepresidencia na documentación coa que xustifica o freo á contratación ordinaria e a activación da vía urxente, datada no día 11 de febreiro, no que foron convocados formalmente os comicios tras o adianto decidido por Alberto Núñez Feijóo. Daquela, contratar empresas externas para todo o dispositivo resulta imprescindible e "os prazos previstos na lexislación de contratos (...) para finalizar os procedementos xa iniciados fan inviable" celebrar as eleccións "con todas as garantías".
Estes contratos inclúen servizos para o propio 5A, como a transmisión de datos de participación e escrutinio, pero tamén planificar un complexo dispositivo no que os prazos comezan a correr dende a propia convocatoria. Tamén, por exemplo, activar un sitio web con toda a información das eleccións e un teléfono de consultas para o electorado, así como imprimir e distribuír as papeletas das que disporán os partidos e as persoas que voten por correo.
As adxudicacións seguindo o prazo ordinario non chegarían antes do 23 de marzo, tres días despois do inicio da campaña
Nada disto está dispoñible agora mesmo alén dun espazo coa documentación básica na web da Xunta. E, segundo o "cronograma previsto", as adxudicacións chegarían o devandito 23 de marzo -tres días despois do inicio da campaña electoral- e a sinatura definitiva non chegaría ata o 22 de abril.
En ausencia de eventuais recursos contra a adxudicación, calcula o informe asinado pola subdirectora xeral de xestión económico-administrativa, Adelaida Couto, a formalización dos contratos non se produciría ata o mes de maio, isto é, máis dun mes despois das eleccións e co novo Parlamento xa constituído. No caso de aplicar os prazos reducidos da vía ordinaria, acrecenta, os contratos concreataríanse apenas un par de días antes do inicio da campaña.
Neste contexto, a Xunta cre procedente activar a "situación de emerxencia" contemplada na lei de contratos, xa que existe "unha situación de grave perigo", neste caso para a celebración das eleccións. Trátase, agrega o informe dun imprevisto "non imputable ao órgano de contratación", a propia Xunta -formalmente, a competencia da convocatoria electoral é do presidente e este contrato depende da Vicepresidencia-.
Para a organización da xornada electoral e transmisión de datos, a Xunta ten sobre a mesa as ofertas de tres empresas; para a impresión de papeletas e outro material gráfico optan outras tres
As consecuencias desta declaración de emerxencia é que, "de inmediato", o departamento autonómico avaliará as ofertas presentadas para cada un dos tres contratos e seleccionará a "economicamente máis vantaxosa" para "proceder á inmediata execución". As compañías seleccionadas terán tres días para presentar a documentación correspondente e, se todo está correcto, "o mesmo día" da entrega, adxudicarase.
Segundo consta na documentación dos expedientes, para a impresión de papeletas e demais material gráfico dos comicios, a Xunta recibiu tres ofertas de Agencia Gráfica Gallega, Formsystem Documentos Inteligentes e unha unión temporal de empresas composta por Gráficas Anduria e Tórculo Comunicación. Para a planificación do proceso electoral e servizos como a web das eleccións, optan ao contrato Indra, Deloitte Consulting e Contactnova. No contrato de organización da xornada electoral, transmisión de datos e outras tarefas vinculadas, presentáronse a propia Indra e tamén unha unión temporal das empresas Vector e Odec.