O Goberno galego saca a concurso, por 3 millóns de euros, a impresión de papeletas e a organización da xornada electoral
A Xunta vén de poñer en marcha a maquinaria administrativa necesaria para as próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, que deben celebrarse como moi tarde no outono deste 2020, se o presidente Feijóo non decide adiantalas, como é a súa potestade. O Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, vén de sacar a concurso diversos contratos para a organización dos comicios que suman uns 3 millóns de euros, ao que hai que sumar o IVE, cuns prazos de execución que nada aclaran sobre a data de celebración dos mesmos, que queda en mans do presidente. A pasada semana, ao tempo que lanzaba a precampaña cun vídeo de Nadal do PP, o propio Feijóo aseguraba nunha entrevista con Europa Press divulgada na web desa axencia que “neste momento” ten a intención de esgotar o mandato.
Os prazos de execución dos concursos nada aclaran sobre a data das eleccións, que queda en mans do presidente
Os concursos públicos para a celebración das eleccións foron anunciados este 31 de decembro no Diario Oficial da Unión Europea, tras asinarse os pregos de condicións dos mesmos o pasado 12 de decembro. As licitacións consisten no deseño, impresión e distribución das papeletas e sobres electorais, así como toda a documentación necesaria para as mesas, por un importe máximo de 1,2 millóns de euros; a organización, reconto e difusión dos datos da xornada electoral, por outros 1,2 millóns; e un servizo de asesoramento, planificación e control do proceso, por outro medio millón de euros. As contías son similares as dedicadas para os mesmos fins nos comicios de 2016.
En comicios anteriores este mesmo paso administrativo que agora dá a Xunta produciuse cunha antelación moi dispar á data na que finalmente se celebraron as eleccións
Os pregos de condicións limítanse a indicar que os servizos deberán prestarse ao longo deste ano 2020, sen concretar ningunha data. As únicas que se ofrecen son a do 2 de febreiro como límite para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas e o 10 dese mesmo mes para a apertura das plicas e o inicio da valoración.
En comicios anteriores este mesmo paso administrativo que agora dá a Xunta produciuse cunha antelación moi dispar á data na que finalmente se celebraron as eleccións. Para os comicios de setembro de 2016 os concursos públicos lanzáronse apenas tres meses antes, en xuño. Para as eleccións de setembro de 2012, que Feijóo decidiu adiantar a respecto da data máxima de comezos de 2013 en que podían chegar a celebrarse, os concurso foron licitados pouco máis dun mes antes, en canto o presidente anunciou a data. Pola súa banda, para as eleccións de marzo de 2009, convocadas polo daquela presidente Touriño, o proceso de contratación lanzouse medio ano antes, en setembro de 2008.