O 27 de agosto de 2012 Alberto Núñez Feijóo anunciaba, ao bordo do límite legal para facelo, que decidira convocar eleccións para o 21 de outubro, cadrando coas vascas. O presidente precipitaba os propicios cunha oposición en construción, pero obrigaba tamén a que o seu propio goberno acelerase os prazos para poñer en marcha a organización dos propios comicios. Así, a Consellería de Presidencia iniciou daquela a tramitación dos contratos do dispositivo electoral a medidados de setembro, menos dun mes antes do comezo da campaña. Desta volta semella que o Executivo prefire evitar as présas e, co mes de outubro como horizonte máis probable para a cita coas urnas, vén de iniciar a contratación do dispositivo electoral para poder organizalo coa "antelación suficiente".
A Vicepresidencia do Goberno galego tramita dende este venres tres procedementos negociados sen publicidade -modalidade pola cal a Administración convida unha serie de empresas a optaren á contratación- para contratar a organización das eleccións, a difusión dos datos e mais a impresión da documentación electoral por un importe global de case tres millóns de euros. As empresas que reciban o convite da Xunta terán ata o día 27 deste mesmo mes para presentaren as súas ofertas.
En 2012 a contratación tivo que realizarse en apenas un mes
O contrato de maior importe é o de deseño e impresión de papeletas, sobres e documentación electoral, que inclúe tamén o "voto accesible para persoas invidentes" e a distribución de todo este material. Por 1,2 millóns de euros a empresa adxudicataria ten que ter prevista a subministración de tres millóns de medio de sobres e de tantas papeletas como persoas inscritas haxa no censo electoral, multiplicadas á súa vez polo número de candidaturas de cada circunscrición. Tamén se lle encomendará organizar o reparto das caixas de material para as mesas electorais e os documentos necesarios para a xestión do voto postal.
O dispositivo custa algo menos de 3 millóns de euros
Un orzamento practicamente idéntico é o do segundo contrato, o de "organización, supervisión e control" da xornada electoral. Este traballo inclúe a "formación do persoal encargado da transmisión dos datos de participación", a recollida e procesamento desa información e, ademais a adecuación física do espazo que a Xunta empregará como centro de datos na noite electoral. Así, a empresa adxudicataria deberá deseñar e decorar a sala na que o Goberno informará da participación e dos resultados, habilitar espazos para a prensa e tamén ter revisto "un servizo de cátering" para "xornalistas acreditados, invitados e autoridades presentes na xornada". Igualmente, será da súa responsabilidade a "edición, por escrito e en soporte informático", do resultado do escrutinio.
Este dispositivo complétase cun terceiro contrato, que contempla "xestión e control de incidencias" e os dous principais servizos de información institucional sobre as eleccións: a web electoral e o "teléfono do elector", cun orzamento de en torno a medio millón de euros. A empresa terá que presentarlle á Xunta un "prototipo" da web en papel o xeito en que ofrecerá o servizo de información telefónica, unha liña de balde en funcionamento durante uns dous meses, de 9 da mañá a oito da tarde que atenderá por defecto en galego, pero que se "adaptará ao idioma do cidadán cando este empregue o castelán". Como adoito, durante a propia xornada electoral haberá catro vagas fundamentais de datos: a comunicación da apertura das mesas, avances de participación ás 12 da mañá e ás 5 da tarde e, contra as 20:00, a comunicación do inicio do reconto de sufraxios.
Os fondos destinados a este dispositivo son practicamente idénticos aos de 2012. Daquela a adxudicataria da impresión e distribución de papeletas e documentos fora Agencia Gráfica Gallega -concorreran 8 empresas-, a xestión, coordinación e web foran executadas por Contactnova e a supervisión e control do conxunto do proceso electoral fora para Indra.