Os partidos recibirán mil euros máis por escano tras o 5A que en 2016

Vista dos escanos do Parlamento CC-BY-SA Merixo

Logo de baixar as subvencións electorais un 20% nas galegas de 2012, hai cinco anos o PP subiunas en solitario un 33% e agora actualízaas con outro 4,7%

Os partidos políticos que obteñan escano nas eleccións galegas do 5 de abril recibirán 21.737,41 euros por cada un. Así quedou establecido este xoves coa publicación no Diario Oficial de Galicia da actualización das subvencións electorais para os próximos comicios. A cantidade é 973 euros (un 4,7%) superior á establecida nas eleccións de 2016, nas que á súa vez esa subvención subira un 33%.

A lei electoral establece que os partidos reciban distintas compensacións polos gastos da campaña e gratificacións polos seus resultados, de xeito que tras os comicios recibirán por un lado os anteditos 21.737,41 euros por escano obtido e, por outro, 0,80 euros por cada voto recibido e 0,23 euros por cada envío postal de propaganda electoral en cada provincia na que obtiveran escano.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Para as galegas de 2012 o Goberno de Feijóo decidiu rebaixar un 20% o importe de cada un deses conceptos con respecto aos comicios de 2009 co argumento de que así o esixía a crise económica. Pero en 2015 o PP aprobou en solitario no Parlamento de Galicia unha lei de financiamento dos partidos políticos que volveu incrementar un 33% todos eses pagamentos e compensacións de gasto. Fíxoo en medio de varias polémicas polo financiamento ilegal da súa formación en diversos ámbitos territoriais e co argumento de que un incremento dos ingresos públicos dos partidos permitiría diminuír as doazóns privadas, competencia que sen embargo é estatal.

As cifras establecidas nesa lei de 2015 teñen que ser axustadas para cada convocatoria electoral, pero se en 2016 a Xunta decidiu aplicar como factor de actualización a inflación, desta volta optou por outro indicador, o deflactor do PIB de Galicia. Esa actualización é a que publica este xoves no DOG. O resultado final é que cada escano foi premiado en 2009 con 19.413,66 euros, en 2012 con 15.530,93 euros, en 2016 con 20.763,77 euros e agora con 21.737,41 euros. Con esas cifras, os 38 escanos que dan a maioría absoluta serían premiados con 826.000 euros.

En 2016 o PP gastou 1,91 millóns de euros, case tanto como como a suma dos 1,2 millóns do PSdeG, 481.000 de En Marea e 330.000 do BNG.

Xunto co pagamento por escano obtido, os partidos tamén reciben compensacións polos envíos de propaganda electoral nas circunscricións nas que obteñan escano. Porén, nos últimos anos son varios os partidos que veñen renunciando, nunha ou noutra circunscrición ou convocatoria, a realizar eses envíos postais.

Como comparación, na campaña de 2016 o PP gastou por todos os conceptos un total de 1,91 millóns de euros, segundo o Consello de Contas, case tanto como a suma dos 1,2 millóns do PSdeG, 481.000 de En Marea e 330.000 do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.