Como xa sucedera no inicio das carreiras electorais de 2012 e 2016, os servizos de comunicación do PP galego víronse obrigados a saír ao paso das primeiras noticias en medios de fóra de Galicia, comentarios en internet e chanzas de líder doutras formacións políticas a respecto do difícil que resulta atopar as siglas do partido nas súas primeiras imaxes da precampaña dos comicios galegos do 5A. Non foxen das siglas, aseguran mentres o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, di non ser candidato "dun partido".
Como xa sucedera no inicio de anteriores carreiras electorais, o PP viuse obrigado a asegurar que non está a ocultar as súas siglas; alén disto, a aposta é identificar o candidato Feijóo con "Galicia" e co seu goberno, por riba dos partidos
"No escondemos nuestras siglas, al contrario. Las defendemos", reiteraron as contas oficiais do PP este martes para retrucar ás novas que identificaron cun cartel electoral -malia non selo- o fotograma final do seu primeiro vídeo de precampaña. Nel, como no acto de proclamación da candidatura de Feijóo e en practicamente todos os materiais do partido dende a estrea da súa nova imaxe corporativa en setembro de 2019, o logotipo do PP fica reducido á mínima expresión, a modo de pequeno superíndice sobre a palabra Galicia, escrita cunha tipografía semellante á da marca-país que a Xunta utiliza dende 2011.
Porque, alén da cuestión das aparición ou non das siglas no cartel electoral no momento en que o PP o presente -en 2012 acabaron figurando nun lugar secundario baixo o lema Vota Feijóo e en 2016, nun minúsculo espazo nunha esquina mentres o protagonismo era para o lema Feijóo. En Galicia si-, as mensaxes do líder dos populares dende a convocatoria electoral van encamiñadas a tentar facer ver que non é candidato "dun partido".
Catro anos despois de reiterar que en realidade, é "militante de Galicia", Feijóo aposta agora por presentarse como sinónimo do Goberno galego. Máis que o PP, vén dicir, quen se somete ás urnas é a Xunta. E enfronte, diversos partidos políticos. O "multipartito", en verbas dos populares, fronte a un candidato sinónimo de "Goberno" e de "Galicia".
Sobre un escenario practicamente idéntico ao utilizado polo BNG na campaña de 2009, Feijóo dixo ser "libre" de partidos nun primeiro mitin de precampaña sen Casado nin ningún outro membro da dirección estatal do PP
Estas son as ideas forza que o actual presidente e aspirante á reelección expuxo na proclamación da súa candidatura, un mitin en Vigo no que o escenario representaba unha enorme bandeira galega cun deseño practicamente idéntico ao utilizado polo BNG na campaña de 2009, tras a que Feijóo conseguiu acceder á Presidencia da Xunta por primeira vez. El é un candidato "libre", non é "refén de ningún partido", proclamou dende o atril co lema Galicia é moito, o mesmo que utilizou o pasado decembro no vídeo co actor Luís Zahera difundido polo PP. Nese atril podíase distinguir tamén o Galicia corporativo do PP, o que lembra ao da Xunta, e o logotipo partidario resultaba imperceptible nun acto ao que non acudiu nin Pablo Casado nin ningún outro membro da dirección estatal da formación conservadora.
Vinte e catro horas despois, na Feira do Cocido de Lalín, o candidato afondou na idea. O que quería dicir, explicou a preguntas da prensa, é que non é "un candidato dun partido" e moito menos "dun conxunto de partidos" porque é "un candidato de goberno". Resulta "lóxico", cre, que tras tres mandatos se presente como candidato "para gobernar" e non "dun partido", reiteraba este martes nunha entrevista en Telecinco.
Caballero: "Aínda que queira agochar as siglas, Feijóo leva o PP gravado na fronte; o voto ao PP é a Casado, Álvarez de Toledo e Aznar"
Pouco despois, o líder e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, agarrábase ás palabras do popular. "Aínda que queira agochar as súas siglas, Feijóo leva o PP gravado na fronte" e por iso, cre o socialista, o electorado terá en conta o 5A que "o voto ao PP é o voto a Pablo Casado, a Cayetana Álvarez de Toledo, a Aznar, ao PP que dirixe unha estratexia de confrontación retrógrada e reaccionaria en alianza coa ultradereita de Vox"
Postos para Ciudadanos nas listas, pero sen coalición
A tese de non ser candidato "dun partido" nin responder ante partido ningún sérvelle tamén a Feijóo para desbotar a coalición con Ciudadanos que a formación reclama dende hai semanas para Galicia, Euskadi e Catalunya e que este mesmo martes Inés Arrimadas defendeu sen éxito ante Pablo Casado en Madrid. "Non" á coalición e "non" á proposta lanzada este mesmo martes pola voceira de C's en Galicia, Beatriz Pino: listas únicas cos dous logotipos e baixo o liderado de Feijóo.
Ciudadanos dá por feito que o PP galego si está a ocultar as súas siglas e di "confiar" en que sexa para "apostar por unha coalición" con eles
Dende Ciudadanos, precisamente, apelaban á cuestión da aparición ou non das siglas nas imaxes preelectorais do PP galego para reclamar unha coalición en Galicia. "Feijóo renuncia a las siglas del PP en su cartel electoral", sinalaba o vicepresidente madrileño, Ignacio Aguado, en referencia ao devandito fotograma do vídeo do PPdeG. "Confío en que sea para apostar por una coalición que permita hacer frente al nacionalismo en Galicia. Todavía estamos a tiempo. Para que ningún voto constitucionalista se desperdicie", afirmou nas redes sociais.
Así e todo, calquera posibilidade de confluencia entre organizacións quedou tamén desbotada nunha xuntanza entre o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e o ex-secretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas que, como adiantaron a axencia Europa Press e a Cadena SER, se celebrou a pasada fin de semana na localidade zamorana de Benavente. A posición dos populares segue a ser a mesma: só están dispostos integrar algúns membros de C's nas súas listas como "independentes". Nada máis. Non darán o seu visto e prace a unha coalición de partidos que o PPdeG non experimenta dende 1989, as primeiras eleccións de Fraga cando se coligou cos Centristas de Ourense de Baltar. Porque agora disque Feijóo non é candidato "dun partido".