Un día despois de adiantar as eleccións confirma que volverá ser o candidato do PP por cuarta vez, cuestión que todo o partido daba por feito pero que el deixaba no aire centrando así toda a atención na súa propia figura
No mesmo hotel no que hai 20 meses Feijóo renunciou a intentar suceder a Mariano Rajoy á fronte do maltreito PP estatal, aos pés da catedral de Santiago, este martes o presidente da Xunta anunciou que aspirará a repetir no cargou outros catro anos máis, o que o igualaría a Manuel Fraga. Tanto o seu partido como a oposición xa daban por feito que así sería, pero o propio Feijóo insistiu en demorar os prazos para confirmalo, ata o punto de que o adianto electoral para o 5 de abril decidido en Euskadi ao que se sumou na tarde deste luns deixou durante varias horas ao PP galego cuns comicios convocados e sen candidato oficial, que xa teñen PSdeG e BNG. Os focos, novamente, postos nel.
Hai agora 20 meses, cando Feijóo anunciou entre bágoas e cunhas cantas televisións emitindo en directo que non aspiraría a suceder a Mariano Rajoy na loita interna que acabou facendo gañador a Pablo Casado fronte a Dolores de Cospedal e Soraya Sáenz de Santamaría, a súa decisión foi acollida con euforia polos seus en Galicia, que confían en que é o único que pode manter o poder popular na Xunta. Este martes, no mesmo hotel, pero en vez de no xardín no que comunicou que non iría a Madrid, na sala interior na que xa anunciara en 2016 que se volvía presentar ás galegas por terceira vez, ou na que en 2005 presentou a súa candidatura para suceder a Fraga á fronte do PP galego, Feijóo asegurou que como nesas ocasións anteriores “o invariable é o meu compromiso político e persoal con Galicia”. “Se o meu partido quere, eu quero ser candidato á presidencia da Xunta; si los gallegos y las gallegas quieren, yo seré el presidente de todos los gallegos y todas las gallegas sin excepción”, dixo, empregando primeiro o galego e despois o castelán.

“Se o meu partido quere, eu quero ser candidato á presidencia da Xunta; 'si los gallegos y las gallegas quieren, yo seré el presidente de todos los gallegos y todas las gallegas sin excepción'”
Recibido cun longo aplauso polos seus mentres soaba a todo volume a canción “People have the power” de Patti Smith, Feijóo fixo repaso a medidas dos seus gobernos e asegurou que “Galicia está mellor que en 2009”. Foi un discurso, baixo unha imaxe da Anunciación, no que demorou ata o final o que todos os presentes xa daban por descontado, un anuncio de que volve presentarse ás eleccións que realizou novamente emocionado, como hai 20 meses. Un discurso que rematou co "Galicia é todo" que xa empregou nas pasadas mensaxes de fin de ano tanto como presidente da Xunta como líder do PP galego coas que lanzou a precampaña que agora se acelerará.
Se Feijóo logra outra maioría absoluta o 5 de abril, sumadas ás de 2009, 2012 e 2016, igualaría as catro que obtivo Fraga en 1989, 1993, 1997 e 2001, antes de gañar novamente as de 2005 pero quedar a un escano da maioría absoluta. Foi á metade daquel último mandato do vilalbés, logo do afundimento do Prestige, cando Feijóo volveu a Galicia como conselleiro tras oito anos como alto cargo dos gobernos de Aznar. Xa non volvería marchar á política estatal, pero alentaría en varias ocasións esa posibilidade, a máis clara hai agora 20 meses.
Hai 20 meses a negativa a intentar suceder a Rajoy, no mesmo lugar que este martes, produciuse en plena crise estatal do PP tras a sentenza da Gürtel e ao tempo que volvía debaterse sobre a amizade de Feijóo con Marcial Dorado
Aquela negativa a intentar suceder a Rajoy, no mesmo lugar no que este martes se propuxo igualar a Fraga, produciuse en plena crise estatal do PP tras a sentenza condenatoria do caso Gürtel e ao tempo que nos medios de comunicación e nos debates políticos madrileños se volvía falar do custo que naquela praza podería ter a amizade de Feijóo nos anos 90 con Marcial Dorado, xa daquela coñecido contrabandista e condenado posteriormente por narcotráfico. Agora, en clave de partido, unha cuarta maioría absoluta de Feijóo volvería reforzar a súa figura de principal barón popular mentres que unha derrota acabaría afectando tamén á dirección estatal de Pablo Casado. Pola contra, a cuestión da amizade con Dorado parece amortizada despois de que, unha vez revelada aquela relación en 2013 por El País, Feijóo fose quen de obter igualmente maioría absoluta en 2016.

Nestes anos a fortaleza do PP de Baltar foi un dos principais sustentos das vitorias de Feijóo, como o fora Baltar pai de Fraga
Unha vitoria a última lograda con 41 deputados, tres máis que os 38 que garanten a maioría absoluta pero dous menos que os 43 do récord logrado por Fraga en 1993. A diferenza de hai catro anos, algúns dos daquela presuntos casos de corrupción do PP comezaron a confirmarse neste tempo, a nivel estatal coa condena da trama Gürtel en maio de 2018 e a nivel galego coa condena do caso Campeón en novembro de 2017. Pola contra, en maio de 2017 arquivábase a imputación por prevaricación e suborno que pesaba sobre o líder da Deputación e do PP ourensáns, Manuel Baltar, o que non lle impedira ser nas últimas autonómicas, con 9 dos 14 deputados que se elixen nesa provincia, un máis que catro anos antes, un dos principais sustentos da vitoria de Feijóo, como o seu pai o foi das de Fraga.
Hai poucas semanas que Baltar aínda fixo ver que o PP de Ourense vai por libre amosando o seu rexeitamento ao peche do paridoiro de Verín, unha demostración de independencia que se produce malia que hai un ano os populares ourensáns viron como o seu poder se debilitaba polo ascenso da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome coa que cogobernan a capital. Jácome chegou a ameazar mesmo coa posibilidade de presentarse ás autonómicas para intentar superar o 5% do voto provincial que dá acceso a escano, pero esta mesma semana, ás portas do adianto dos comicios, Baltar abría a porta a integrar nas súas listas a dirixentes de Democracia Ourensana. E este martes, Jácome avanzaba que pensa votar a Feijóo. A maquinaria electoral do PP xa está en marcha.