O presidente apela á “unidade que predicaron Blanco Amor ou a Xeración Nós” e o “bilingüismo cordial” do primeiro nun vídeo institucional gravado no instituto de Ourense no que estudou
Dez días despois do vídeo de Nadal do PPdeG co que a formación lanzou a precampaña das eleccións galegas de 2020, a tradicional mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta deixa claro que a prioridade discursiva de Feijóo nos meses que quedan ata os comicios, tamén desde o cargo institucional e non só desde o partidario, será a confrontación co Goberno central. Arredor dese eixo xirou a derradeira mensaxe de Fin de Ano da lexislatura, gravada o pasado venres, antes de que este luns PSOE e Unidas Podemos presentasen o seu programa de goberno e se desbloqueasen as negociacións con ERC.
O lugar elixido desta volta para gravar a mensaxe institucional foi o instituto Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que o propio Feijóo estudou de mozo e que supón que esa cidade repita como escenario destes vídeos, tras o de 2016. Fíxoo co argumento de que as escolas e institutos son “a mellor garantía de que o noso éxito colectivo vai proseguir no futuro”, con referencias aos bos resultados do alumnado galego no informe PISA pero non á petición do Consello de Europa de que a Xunta deixe de limitar a educación en galego. E tras esa introdución educativa, o presidente empregou o groso seu discurso oficial para cargar contra o Executivo de Pedro Sánchez, que presentou como responsable de medidas negativas para Galicia fronte á “unidade” e “estabilidade” que fai ver que representa o PPdeG.
“A inestabilidade conduce á parálise política e, por iso, ao atraso interminable de decisións urxentes”, di Feijóo, que engade que “a política cautiva de posicións extremas altera a harmónica convivencia das persoas”
“A inestabilidade conduce á parálise política e, por iso, ao atraso interminable de decisións urxentes”, di Feijóo, que engade na súa intervención que “a política cautiva de posicións extremas altera a harmónica convivencia das persoas”. E a continuación enumera unha lista de agravios como o atraso na transferencia das partidas económicas que o Goberno central argumenta que non pode entregar ás comunidades mentres estea en funcións, a “indefinición da data de finalización das obras do AVE” malia estar xa na súa recta final ou a política industrial. “Galicia asiste con estupor a unha errática política que parece destinada a condenar a unha parte do noso sector industrial”, di Feijóo, que vincula esas cuestións con que os socialistas primen os “acordos con forzas e líderes xulgados e condenados, que teñen o propósito confesado e ratificado de socavar primeiro a España das Autonomías para fragmentala mediante procesos de ruptura. “Galicia non permanece nin permanecerá calada cando a necesaria estabilidade da nosa nación común se entrega como moeda de cambio”, sentenza.
Feijóo parafraseou desde a mensaxe institucional da Xunta o vídeo de Nadal do PPdeG con Luís Zahera: “En Galicia non somos moitos, pero Galicia é moito”
Fronte a esa inestabilidade, Feijóo presenta Galicia como un pobo unido, anhelo que di que xa estaba presente no ideario da Xeración Nós, cuxo centenario se celebra en 2020, e no propio Blanco Amor que dá nome ao instituto no que se gravou o vídeo, de cuxo pasamento veñen de cumprirse 40 anos. Do escritor ourensán, represaliado durante o franquismo pola súa homosexualidade e pensamento esquerdista, Feijóo salientou, identificándoo coa Galicia actual, o seu “bilingüismo cordial”, “un pensamento integrador” e un traballo “sen rancores nin revanchismos, sen excluír a ningún galego de ben disposto a traballar na obra común”.
Feijóo rematou o seu discurso lembrando diversas medidas adoptadas polos seus gobernos e, desde a mensaxe institucional como presidente, mesmo se permitiu facer unha referencia ao vídeo de Nadal do PPdeG: “En Galicia non somos moitos, pero Galicia é moito”, dixo, parafraseando o que no outro vídeo di o actor Luís Zahera, e rematando con esa mesma sentenza: “Galicia é moito. Galicia é todo”.