O PP pon en dúbida o AVE galego na primeira campaña sen promesas de datas por estar case rematado

O secretario xeral do PP, García Egea, nun mitin con Feijóo este domingo Dominio Público @TeoGarciaEgea

O 'numero 2' dos populares, García Egea, condiciónao a “que se negocie na Moncloa con Pablo Casado” tras garantir o Goberno de Rajoy que a obra non dependía dos orzamentos do Estado

A excepción duns 17 quilómetros da súa entrada á cidade de Ourense, a liña de AVE entre Galicia e a Meseta está case rematada. Aínda non hai data concreta para a súa entrada en funcionamento, previsiblemente o próximo ano, porque antes hai que facer as probas, pero as obras están tan avanzadas que, rematadas as principais construcións de túneles e viadutos, Adif xa está a instalar as vías. Esa situación tan avanzada fai que por primeira vez en moitas campañas electorais os partidos non inclúan unha data de finalización do AVE entre as súas principais promesas electorais. Porén, o 'número 2' de Pablo Casado, Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, vén de poñer en dúbida a infraestrutura condicionándoa a “que se negocie na Moncloa con Pablo Casado”.

De paso por Galicia este domingo para varios actos de campaña, tanto neles como nunha entrevista con La Voz de Galicia García Egea quixo ligar o AVE galego xa case rematado coas supostas concesións de Pedro Sánchez ao independentismo catalán ou vasco. “Se gaña Pedro Sánchez, o AVE a Galicia vai estar en mans de Otegi e Junqueras”, dixo en Twitter, mentres que na entrevista co xornal engadiu que “a Galicia non lle convén que o AVE se negocie no cárcere con Junqueras, convenlle que se negocie na Moncloa con Pablo Casado”.

Hai un ano, gobernando aínda Rajoy, Adif emitiu unha inusual nota coa que desmontou a estratexia da Xunta e o PP de culpar ao resto de partidos de poñer en risco o AVE galego

O popular recuperaba así o argumento de que Sánchez ten que apoiarse en Bildu ou ERC para aprobar as súas medidas ou os seus orzamentos, entre elas a finalización do AVE galego, despois de que o Goberno de Mariano Rajoy chegase hai un ano a garantir que a obra non depende dos orzamentos do Estado senón que Adif ten autonomía para poder rematala á marxe do xogo de maiorías do Congreso.

En xaneiro de 2018 a Xunta criticou que a oposición no Congreso non apoiase os orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy dicindo que iso ameazaba a execución do AVE galego. De xeito inusual, o Adif emitiu unha nota de prensa rectificando á Xunta e asegurando que a súa independencia financeira permitíalle rematar a obra sen depender de que o Congreso aprobase ou non os orzamentos do Estado. Un ano máis tarde, e coa obra moito máis avanzada, o PP volve poñer en dúbida que o remate do AVE galego non sexa xa só unha cuestión técnica á marxe das decisións político-orzamentarias e condiciónao a “que se negocie na Moncloa con Pablo Casado”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.