O vehículo eléctrico ábrese oco entre as promesas en materia de mobilidade dos principais partidos
As promesas non perden o tren. 146 anos despois de que circulase por primeira vez por Galicia, entre Santiago e Vilagarcía, o ferrocarril segue a ser a estrela das propostas electorais en materia de infraestruturas para Galicia. Cunhas ou outras formulacións, os programas electorais das principais formacións con opcións de obter deputados polas catro provincias galegas volven facer ao tren protagonista en materia de mobilidade, na que xa se abre oco o vehículo eléctrico. A principal diferenza entre unhas e outras parece ser, en moitos casos, a de que canto máis preto está unha formación de gobernar directamente, como o PSOE ou o PP, máis xenéricas e cautas son as súas promesas, mentres que canto menor capacidade de presión poida ter un partido no goberno doutros, máis concretas e numerosas se fan as súas promesas, pero sen indicar como se financiarían.
Todos os partidos comprometen o remate en prazo do AVE entre Galicia e a Meseta, que xa está na súa recta final, e a maioría concretan ademais o seu compromiso co ferrocarril de proximidade, pero con disparidades
Analizados os programas electorais de PSOE, PP, En Marea, En Común (e a nivel estatal Unidas Podemos, xa que os documentos son distintos) e BNG -Ciudadanos non divulgou aínda o seu programa senón só un decálogo sen referencias a esta cuestión-, todos coinciden en garantir ou esixir o remate en prazo do AVE entre Galicia e a Meseta, que xa está na súa recta final. E a maioría concretan ademais o seu compromiso co ferrocarril de proximidade, pero con disparidades. PP e PSOE apostan polos Cercanías de xeito xenérico, sen dicir nada concreto sobre Galicia, algo que si fan En Marea e En Común, mentres que Unidas Podemos promete “atender a demanda de transporte de tren de todos os municipios e máis de 20.000 habitantes en 2030”. O BNG, tras anos reclamándoo de xeito expreso, como fixo este mesmo luns nun acto na estación de Ferrol, no que lamentou que se chegue antes á Coruña en bicicleta que en tren, non di nada no seu programa a respecto do ferrocarril de proximidade senón que se remite a unha xenérica “mellora da rede ferroviaria interior no conxunto do País”.
En Marea e BNG propoñen conectar Santiago e Lugo de xeito directo por tren mentres que a primeira formación pide ademais unha liña Verín-Chaves que estaría illada do resto da rede
Nesa liña de mellora da rede ferroviaria galega, a proposta máis significativa coinciden en facela BNG e En Marea: conectar Santiago e Lugo de xeito directo por tren, o que implicaría unir cuns 30 novos quilómetros de vías as liñas Santiago-A Coruña e A Coruña-Lugo nalgún punto entre Ordes e Curtis.
Pero En Marea vai moito máis alá e chega a propor o “desenvolvemento da conexión ferroviaria da Eurocidade Chaves-Verín”, iniciativa que estaría illada do resto da rede ferroviaria tanto española como portuguesa, onde hai anos que levantaron as vías que chegaban a Chaves e que hoxe rematan en Vila Real, 70 quilómetros ao sur. A proposta desa nova liña ferroviaria só atopa no pasado recente semellanza coa lanzada por Ciudadanos nas autonómicas de 2016 de “completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte de Lemos”.
O PSOE aposta polo mantemento para garantir a seguridade das infraestruturas e o PP por "converter a España no principal Punto Internacional de Intercambio de pasaxeiros e mercadorías"
En xeral, os dous principais partidos, PP e PSOE, coinciden en citar de xeito expreso a súa aposta por impulsar o denominado corredor Atlántico de mercadorías de conexión con Europa, pero non entran no detalle das actuacións concretas que iso implicaría en Galicia, como si debullan o resto de partidos con presenza en Galicia, e remítense a un futuro Plan Nacional de Infraestruturas e Transporte Prioritarios 2020-2030. Non sen antes comprometer a execución dos 27 proxectos contemplados no plan extraordinario de investimentos que anunciara Rajoy antes de deixar o Goberno e que incluía o remate da Autovía das Rías Baixas (A-52) na súa entrada a Vigo. Pero nin PP nin PSOE (con discursos dispares a nivel estatal e galego que veñen marcando a precampaña nesa cuestión) afondan máis sobre o futuro e a xestións das autovías e autoestradas, como si fan o resto de formacións, que coinciden en reclamar de xeito expreso a transferencia da AP-9 a Galicia e a redución ou supresión das súas peaxes.
Polo que si aposta como gran promesa o PP a nivel estatal é por “converter a España no principal Punto Internacional de Intercambio e Centro de Distribución de pasaxeiros e mercadorías”, o que suporía unha mudanza xeoestratéxica de ámbito planetario agora que o peso do comercio internacional está a mudar do Atlántico ao Pacífico polo peso da China.
Pola contra, o PSOE, que propón un xenérico “pacto de Estado en materia de infraestruturas”, amósase máis cauto nese eido e incide na aposta xa iniciada na lexislatura que agora remata polo mantemento e a conservación de todo tipo de infraestruturas de mobilidade ligándoo á mellora da seguridade dos modos de transporte.
En Común Unidas Podemos e BNG citan expresamente a necesidade de investigar o accidente de Angrois
Nesa materia da seguridade no transporte, só son dous os programas que citan de xeito expreso o accidente de Angrois e as súas consecuencias. Tanto En Común Unidas Podemos como BNG reiteran a súa esixencia dunha investigación exahustiva do sinistro -a aberta no Congreso esta lexislatura pechouse antes de que emitise as súas conclusións-, cuestión que non é mencionada por En Marea malia facer dela un dos seus principais focos de traballo no Congreso na lexislatura que agora remata coa deputada Alexandra Fernández, que vén de deixar a política activa. [Tras a publicación inicial desta información, En Marea corrixiu o seu programa electoral para incluír tamén a esixencia de investigación de Angrois e atribuíu a ausencia inicial a un erro].
En Común aposta por potenciar os aeroportos como base de empresas de paquetaría pero tamén por dar axudas aos construtores de automóbiles para que se adapten ao vehículo eléctrico
En materia marítima, tanto En Marea como En Comúnreclaman a condonación das débedas das autoridades portuarias galegas, mentres que esta última lanza a proposta de que potenciar os aeroportos galegos como “base de operacións de empresas de transporte aéreo de correo e pequeno paquetaxe”.
Á marxe das infraestruturas, todos os programas dedican xa importantes espazos a apostar pola mobilidade sostible, identificándoa en xeral cos novos vehículos eléctricos pero sen establecer na maioría dos casos a relación que si pecha Unidas Podemos co ferrocarril, para o que reclama a súa electrificación completa en 2030 con fontes libres de combustibles fósiles. A nivel galego, En Común aposta polo aumento ata o 25% dos vehículos eléctricos, pero faino reclamando novas axudas estatais aos construtores de automóbiles por consideralo “sector estratéxico en Galicia”.