Endesa solicita o peche da central térmica das Pontes

Central térmica de Endesa nas Pontes CC-BY José Antonio Cartelle

Endesa solicita o peche da central térmica das Pontes. A compañía, que no pasado mes de setembro anunciara xa a aceleración do final da queima de carbón, puxera como data límite de funcionamento o ano 2022. Finalmente, a empresa decidiu iniciar xa o proceso para botar o feche ás instalacións, aínda que non descarta dar marcha atrás se as probas con combustibles alternativos "garantisen a viabilidade", algo que polo momento non contempla a compañía. 

A enerxética fixo este venres a solicitude formal para o peche tanto da instalación das Pontes como da de Carboneras, en Almería. Igual que fixera en setembro e posteriormente en diversos informes, Endesa deixou claras as razóns dese final: o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono no mercado europeo. 

Endesa solicita o peche da central aínda que di que podería dar marcha atrás se as probas con novos combustibles "garantisen a viabilidade da planta"

Unhas circunstancias, aclara agora, que explican a falta de competitividade da planta pola "profunda modificación" das condicións de mercado e ante a "clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro". Segundo a empresa, a solicitude agora presentada é plenamente coherente co obxectivo de acadar  un sistema enerxético totalmente descarbonizado en 2050, "compromiso compartido e apoiado pola compañía e por todos os países que asinaron os acordos do Cumio de París COP21". 

Mobilización polo emprego nas auxiliares da central térmica das Pontes CC-BY-NC-SA CIG

Malia que Endesa levou a cabo probas con combustibles alternativos para manter en funcionamento as plantas e que Xunta e Concello conseguiron que as reavaliase no obxectivo de gañar tempo na procura de alternativas, mantén que polo momento non lle son viables nin desde un punto de vista técnico, nin tampouco desde o económico e medioambiental. 

Endesa propón substituír os 1.468 MW da central térmica por outros 1.505 en enerxías renovables en Galicia e anuncia un investimento de 1.600 millóns

Con todo, a compañía "resérvase o dereito de desistimento desta petición [de peche], no seu conxunto ou parcialmente, no suposto de que, como consecuencia das probas adicionais de combustición con distintas mesturas de combustible que se realizaron nos vindeiros meses, puidesen variar os resultados e garantir a viabilidade das plantas", aclara nun comunicado. 

A cada vez maior concienciación sobre a emerxencia climática e os efectos nela de centrais como a das Pontes, a empresa máis contaminante do Estado e unha das máis nocivas de Europa, e as directrices nese sentido da UE adiantaron un final que chega, no entanto, sen plans previos para a "transición xusta" nin as alternativas afianzadas que reclaman veciñanza e traballadores

Máis de 700 familias dependen dunha instalación clave na economía do norte galego, especialmente Ferrolterra, Eume e o Ortegal, comarcas moi afectadas polo despoboamento e a crise industrial. A parálise da térmica xa afectou de pleno o colectivo de transportistas, mobilizados desde hai ben meses. 

Endesa propón agora substituír os 1.468 megavatios de potencia da central térmica de carbón das Pontes por outros 1.505 en enerxías renovables en Galicia e anuncia un investimento de case 1.600 millóns e a xeración de "máis de 1.250 empregos de media anual durante os 6 anos da fase de construción e 125 para a de operación e mantemento durante os seguintes 25". Segundo di a empresa, desta capacidade xa está confirmada a conexión de 165 MW cun investimento estimado de 173 millons e a creación de 825 empregos directos na construción. 

Vista aérea das Pontes, co lago artificial xunto á central térmica Dominio Público Praza Pública

A compañía di apostar tamén por un proxecto de actuacións, o Plan Futur-e, co que pretende reducir o impacto económico e laboral do peche, promovendo alternativas na comarca e, segundo di, abrindo a posibilidade a proxectos viables e á colaboración das administracións públicas. 

Segundo adianta, Endesa manterá os postos de traballo dos empregados directos da central, uns 175, abrindo procesos de recolocación e de formación, ademais de contar con este persoal para o desmantelamento das instalacións e para o mantemento dos novos parques renovables previstos. 

Tamén di Endesa que, respecto dos traballadores das auxiliares, priorizará a contratación de persoal da contorna para os labores de desmantelamento e o desenvolvemento das instalacións renovables que ten previsto construír. A compañía engade que fomentará a compra de materiais a provedores locais que impulsen o desenvolvemente industrial verde da zona. 

O desmantelamento da central das Pontes durará uns 4 anos e xerará 130 empregos directos, chegando mesmo a 200, segundo Endesa, que prevé buscar alternativas empresarias nas instalacións mediante un concurso internacional de ideas para "proxectos de investimento e creación de emprego sustentables". Serán, segundo di, iniciativas de reconversión que serán avaliados por un comité independente con participación de axentes autonómicos e locais. 

Segundo aclara a compañía, antes de presentar a solicitude de peche informou da decisión aos representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ás autoridades autonómicas e ás dos municipios das plantas afectadas. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.