O Consello de Europa volve cargar contra a política lingüística da Xunta por "limitar" a docencia en galego

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

O Consello de Europa volve tirar das orellas á Xunta pola súa política lingüística. Como xa fixera nos seus informes de 2012 e de 2016,, o Comité de Expertos da institución para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias censura as actuacións do Goberno galego e unha vez máis centra as críticas no que ten que ver co ensino e na caída evidente do uso da lingua no país No seu quinto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español, os expertos instan as autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que o Executivo central ratificou coa sinatura deste tratado internacional en 2001 e a actuar "de inmediato" en tres aspectos. 

O Consello de Europa pide que "de inmediato se eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis do ensino"

Así, o Consello de Europa pide que axiña se "eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación precisos", que se "modifique a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso da lingua nos procedementos xudiciais de pedilo unha das partes" e que se "empregue o galego na Administración do Estado en Galicia". 

Ademais, e como recomendacións non tan inmediatas, o Comité de Expertos reclama o "incremento do uso do galego na prestación do servizos públicos", que se "fagan públicos os informes de avaliación dos organismos supervisores no ensino" e que se asegure a presenza do galego nos manuais e normativas referidas á seguridade.  

O Consello de Europa é, unha vez máis, moi crítico coa política lingüística da Xunta, á que advirte de que "o nivel de aplicación da Carta na Comunidade Autónoma non mellorou significativamente" desde o último seguimento. Os expertos lembran que "os últimos estudos sociolingüísticos mostran unha diminución do número de falantes" e que "a transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua de uso cotiá tamén caeu de xeito significativo". Datos, todos estes, certificados polas últimas estatísticas sobre o uso do idioma publicadas polo IGE

O informe advirte de que a aplicación da Carta de Linguas Rexionais "non mellorou significativamente" e que a presenza do galego no ensino "non é suficiente"

O organismo dille claramente ao Goberno que "a presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar", e volve advertir de que no ensino secundario "non se impartan as grandes materias científicas" nesa lingua. Ademais, lembra que a actual normativa "non permite impartir máis do 50% das materias en galego" no ensino non universitaria e que "aínda non hai posibilidade" de que o estudantado opte por ter unha educación integramente en galego "en ningún centro de preescolar, primaria ou secundaria". 

"O Decreto 79/2010 polo que se definen as materias que se impartirán en galego exclúe a posibilidade dunha educación en galego como lingua vehicular, co castelán como materia", di o informe. Xa que logo, advirte da imposibilidade legal de acceder ao sistema de inmersión lingüística que si é posible noutros territorios do Estado. 

Respecto ao ámbito lexislativo, o Consello de Europa destaca que a lexislación galega xa está dispoñible na lingua propia no portal Lex.gal pero tamén que "o uso do galego na Administración non mellorou en absoluto". "Aínda non é suficiente para atender ás necesidades da poboación galegofalante", destaca. 

O Comité de Expertos destaca o "avance nos xornais en galego en internet" malia "a problemática por mor do limitado financiamento público"

Alén diso, o informe advirte de que, ademais da CRTVG, tamén hai medios privados con emisoras locais de radio e televisión en galego e alerta de que, aínda que a situación da lingua nos xornais impresos e online "segue a ser problemática por mor do limitado financiamento público", si houbo "avance coas publicacións en internet". 

"Ademais de suplementos semanais de diarios impresos, hai varios xornais online diarios en galego", destaca o Comité de Expertos no apartado no que destaca os cambios respecto da avaliación anterior. 

Detalle do posto da Fundación Praza Pública no Culturgal 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.