Socialdemocracia de máis ou menos amplo espectro para unha lexislatura na que cada medida que precise o apoio do Congreso dos Deputados, a comezar polos Orzamentos, será necesariamente un traballo de ourivaría parlamentaria. Na xornada en que a Avogacía do Estado fixo pública a súa posición sobre a inmunidade de Oriol Junqueras, aspecto clave para a eventual abstención de Esquerra Republicana de Catalunya na investidura de Pedro Sánchez, o líder do PSOE e mais o de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, puxeron en escena unha aceleración do proceso para tentaren acadar o seu Goberno de coalición, poñendo letra á música do acordo que avanzaran tras as eleccións do 10 de novembro.
Horas despois de que o propio Sánchez asinase o transcendental apoio do PNV á súa investidura, politicamente moito máis relevante que o peso numérico dos 6 escanos jeltzales, ambos dirixentes xuntáronse ante as cámaras para presentaren os grandes trazos do programa do que denominan Coalición progresista. Fixérono nun acto celebrado en Madrid con acceso restrinxido para os medios de comunicación, o que suscitou protestas entre os xornalistas presentes por mor da imposibilidade de formular preguntas.
As subas no IRPF chegarían para rendas superiores a 130.000 e 300.000 euros, segundo o documento asinado por PSOE e Unidas Podemos
É un documento de cincuenta páxinas no que PSOE e Unidas Podemos puxeron o acento no eido social. Fano mediante o anuncio de medidas novas como unha suba de impostos ás rendas máis altas. Concretamente, dous puntos máis no IRPF para rendas superiores a 130.000 euros e "catro puntos para a parte que exceda os 300.000 euros". Pero tamén prometendo a derrogación de diversos recortes da etapa de Rajoy, tanto no ámbito máis material como no vinculado a dereitos e liberdades cidadás.
No caso galego, o pacto bosquexa medidas para algúns dos asuntos que veñen ocupando a axenda pública do país nos últimos meses. Así, aseguran estar en disposición de "completar" a "aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo" que reclama o persoal de factorías como a de Alcoa en San Cibrao e de aprobaren "plans de acción urxente para as comarcas afectadas polo peche de centrais de carbón como a das Pontes. Asemade, aseguran estar en condicións de prometeren a "recuperación inmediata" do Pazo de Meirás, actualmente inmerso no proceso xudicial para tentar botar del aos herdeiros de Franco.
Reversión dos recortes sociais: da reforma laboral e educativa á 'lei mordaza'
A reversión dos recortes sociais da etapa de goberno do PP está encabezada polo anuncio do que ambas formacións denominan "derrogación da reforma laboral" do ano 2012" mediante a aprobación dun novo Estatuto dos Traballadores. Entre as medidas que avanzan destaca a supresión "da posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade", recentemente avalado polo Constitucional, derrogar "as limitacións ao ámbito temporal dos convenios colectivos" ou limitar "a contratación e a subcontratación laboral".
No ámbito laboral destacan promesas como eliminar os despedimentos 'por enfermar' ou novas subas do salario mínimo
Tamén no eido laboral, o pacto refírese a novas subas do salario mínimo interprofesional "ata acadar progresivamente o 60% do salario medio en España, tal e como recomenda a Carta Social Europea", o que implicaría roldar os 1.200 euros mensuais ao final da lexislatura. Non obstante, a "base para a proposta do Goberno", din, será "a mesa do diálogo social" con patronal e sindicatos. Na liña do proposto por ambos partidos en campaña, aseguran, pretenden "seguir impulsando a equiparación dos permisos de paternidade e maternidade iguais e intransferibles" ata 16 semanas en 2021 e "incentivar a titularidade compartida das explotacións agrarias" entre homes e mulleres.
A fin da 'lei Wert' implicará o veto ás subvencións para os colexios que segregan nenos e nenas e que "a materia de relixión sexa voluntaria", sen nota "computable a efectos académicos"
No ámbito educativo, o documento asinado contempla abertamente a "derrogación da LOMCE", a lei educativa coñecida como Lei Wert, e substituíla por "unha lei básica de educación". Entre as novidades, o pacto resalta o veto "á segregación educativa por razón de sexo nos centros sostidos con fondos públicos", o que no caso galego impediría á Xunta renovar os concertos con cinco centros segregacionistas, blindados ata 2023 segundo a orde máis recente. Ademais, afirman, "a materia de relixión será de carácter voluntario para os estudantes, sen que haxa unha materia alternativa nin a nota sexa computable a efectos académicos".
No que atinxe a "dereitos e liberdades civís", PSOE e Unidas Podemos din proporse a aprobación "dunha nova lei de seguridade cidadá" que substitúa á coñecida como lei mordaza, en vigor dende 2015. Trátase, afirman, de "garantir o dereito á liberdade de expresión e reunión pacífica" na "maior brevidade". "En particular", avanzan, prevén unha nova "regulamentación do dereito de reunión" e a "derrogación do artigo 315.3 do Código Penal" que establece o delito de coaccións na folga e que a Fiscalía invocou nos últimos anos para solicitar anos de cárcere para traballadores e sindicalistas.
Igualdade, eutanasia e vivenda
Sen saír do apartado social, pero con conexións tamén económicas e sanitarias, o pacto asinado por Sánchez e Iglesias tamén inclúe a prometida lei de eutanasia e a "lei de dereitos e garantías da dignidade da persoa ante o proceso do final da súa vida". Do mesmo xeito, alén das referencias aos permisos de maternidade e paternidade, no apartado das "políticas feministas" PSOE e Unidas Podemos prevén "desenvolver todas as medidas pendentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero", a comezar por "incorporar ao noso ordenamento o disposto no Convenio de Istambul", o cal contempla, por exemplo, computar como vítimas das agresións de xénero ás mulleres que as sofren fóra do ámbito da parella.
PSOE e Unidas Podemos prevén "desenvolver todas as medidas do pacto de Estado contra a violencia de xénero"
No eido da vivenda, ambos partidos din prever "medidas normativas necesarias para poñer teito ás subidas de prezos do alugueiro en determinadas zonas de mercado tensionado" tomando como base un "sistema de referencia de prezos do alugueiro" que semella, así e todo, encamiñado fundamentalmente a grandes cidades com Madrid e Barcelona. Si podería ter máis impacto en Galicia a medida referida ao alugueiro turístico, ámbito para o que prometen "impulsar reformas normativas que permitan que as comunidades de propietarios poidan prohibir o exercicio da actividade do alugueiro turístico ou fixar determinadas condicións" para admitilo.
Repercusións galegas: As Pontes, San Cibrao, Meirás (e voto emigrante)
No caso de que o Goberno de coalición bote a andar e as súas medidas comecen a despregarse, cabería agardar que algunhas das primeiras repercusións do pacto en Galicia pasen polas Pontes, San Cibrao e Meirás. Así, no marco das medidas para frear o cambio climático, PSOE e Unidas Podemos prevén os devanditos "plans de acción urxente" para contornas afectadas por peches como o da térmica de carbón das Pontes. Entre as medidas, aseguran, estarán "o desenvolvemento e investimento en innovación e tecnoloxías verdes" e proxectos de "formación" que "aseguren novas oportunidade de emprego nas comarcas afectadas.
O acordo de coalición promete "completar a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo" que reclama o persoal de Alcoa en San Cibrao
Sen saír do eido industrial, a Coalición progresista di estar disposta a "completar a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo" polo que agarda o persoal de Alcoa na Mariña, entre outras industrias. O obxectivo, afirman, será "potenciar a competitividade e a eficiencia das empresas con altos custos enerxéticos", que gozarán de "compensacións e exencións" a cambio de que "melloren a súa eficiencia enerxética e manteñan e xeren emprego".
"Auditaremos os bens espoliados polo franquismo (...), como a recuperación inmediata do Pazo de Meirás"
No apartado de memoria histórica contido no programa figura unha referencia explícita ao Pazo de Meirás, para o que comprometen "recuperación inmediata". Alén desta propiedade en concreto, din, "auditaremos os bens espoliados polo franquismo para devolvelos aos seus lexítimos titulares" e "declararemos nulas as condenas e sancións de tribunais, xurados e outros órganos" da ditadura "por motivos políticos, ideolóxicos, de creanza ou de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.
Tamén tería especial repercusión en Galicia a aplicación literal dunha das promesas do pacto para a reforma do sistema electoral. "Eliminaremos o voto rogado", di o documento, o que de ser cumprido sen un novo sistema de control adicional implicaría, no caso galego, o regreso á entrada no xogo electoral de importantes continxentes do coñecido como voto emigrante sen apenas control de identidade. Esta promesa, unida á do "recoñecemento da nacionalidade española ás persoas descendentes de proxenitores españois nados no estranxeiro en calquera momento" elevaría o censo de 'residentes ausentes' nas circunscricións galegas por riba do medio millón de persoas.