A esquerda amplía representación na Mesa do Congreso malia a entrada de Vox cun ex-membro do PP

O Grupo Socialista e o Goberno en funcións aplauden a reelección de Batet como presidenta do Congreso © Congreso dos Deputados

Xa está en marcha a décimo cuarta lexislatura estatal cando, en condicións normais sen repeticións electorais, debera estar a piques de rematar a undécima, a iniciada tras as eleccións xerais de 2015. As Cortes Xerais xurdidas dos comicios do pasado 10 de novembro botaron a andar cos focos especialmente postos no Congreso dos Deputados, do que depende que saia ou non adiante a investidura de Pedro Sánchez a partir dunha aritmética parlamentaria que este martes tivo que poñerse en marcha para compoñer a Mesa, o órgano de goberno da Cámara Baixa.

A presidencia do Congreso volveu ser para a socialista Meritxell Batet nunha Mesa na que o PSOE logra tres postos e Unidas Podemos, outros tres dun total de nove

Segundo o previsto, a presidencia volveu ser para a socialista Meritxell Batet, que saíu elixida en segunda votación con 166 apoios en votación secreta fronte a 140 obtidos pola popular Ana Pastor. Tras a Presidencia foi o momento de votar o resto de postos da Mesa -catro vicepresidencias e outras tantas secretarías- e nese puntos, con matices, a dereita padeceu algo semellante ao que sufriu a esquerda en 2015, cando a falta de acordos permitira a PP e Ciudadanos controlar este órgano sen teren maioría parlamentaria.

Como informou eldiario.es, as negociacións cruzadas para as votacións deste oito postos prolongáronse ata o último minuto. O PSOE advertira da súa intención de ofrecer postos a PP e Ciudadanos que permitisen tender un "cordón sanitario" a Vox, se ben dende a formación agora liderada no Congreso por Inés Arrimadas aseguran que os socialistas se desmarcaron dun pacto que chegou a estar a piques de culminar porque implicaba que os socialistas perdesen a vicepresidencia primeira.

Membros de UP aplauden a elección de Gerardo Pissarello e Javier Sánchez como membros da Mesa © Congreso dos Deputados

Sexa como for, o certo é que o PSOE sae da primeira votación da lexislatura estatal con tres dos nove postos da Mesa e Unidas Podemos, con outros tantos. Son así seis dos nove postos para o bloque da esquerda, un máis que na anterior lexislatura. Isto sucede porque no último momento, socialistas e Unidas Podemos sumaron os seus votos aos doutros grupos como ERC, PNV, JxCat, EH-Bildu, CUP ou Más País e lograron a secretaría terceira para Javier Sánchez, de Unidas Podemos, posto ao que aspiraba Vox. 

Dende Galicia en Común o seu deputado Antón Gómez-Reino amosou a súa satisfacción polo resultado da operación. "Estamos orgullosas de, con traballo e coñecemento da técnica parlamentaria, quitar un posto a Vox na Mesa do Congreso. Contra a extrema dereita, menos xestos inocuos e máis feitos. Está ben falar, pero está mellor facer", afirma.

Gómez-Reino:  "Estamos orgullosas de, con traballo e coñecemento da técnica parlamentaria, quitar un posto a Vox na Mesa do Congreso. Contra a extrema dereita, menos xestos inocuos e máis feitos"

A formación de extrema dereita, non obstante, si logra debutar neste órgano parlamentario. A ausencia dunha estratexia común do PP co PSOE permitiu que este partido, só cos seus votos, puidese sentar na vicepresidencia cuarta a Ignacio Gil Lázaro, que tras acumular máis de tres décadas nas filas do PP -xa fora deputado por Alianza Popular-, marchou a Vox tras quedar sen posto no seu partido na Comunitat Valenciana. 

O partido de extrema dereita e o PP culpáronse mutuamente de que a esquerda alargase a súa maioría neste órgano. Así, na nova Mesa PSOE e UP contan con cadanseus tres representantes, o PP logra dous e Vox, un. 

Mentres, no Senado, tamén se cumpriu o guión previsto en canto á Presidencia. Pilar Llop (PSOE), ata agora xuíza especializada en violencia machista, substitúe a Manuel Cruz, que ocupou o posto tamén no nome dos socialistas na breve lexislatura pasada.

O retorno do BNG

A sesión constitutiva da XIV Lexislatura estatal no Congreso serviu tamén para culminar formalmente o retorno do BNG á Cámara Baixa, onde non sentaba dende a décima lexislatura (2011-15). Antes de prometer o cargo "por imperativo legal" e portando un exemplar do Sempre en Galiza, de Castelao, Néstor Rego optou pola abstención na votación da presidencia do Congreso e antes, na primeira rolda, escribiu na súa papeleta as palabras "sempre por Galiza".

Néstor Rego promete o cargo de deputado no Congreso portando un exemplar do Sempre en Galiza CC-BY-NC-SA BNG

Néstor Rego, que retomará os contactos co PSOE para a investidura esta semana, prometeu o cargo "por imperativo legal" e portando un exemplar do 'Sempre en Galiza'

O deputado electo, que estivo acompañado no Congreso pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, expresou no momento de prometer o cargo o compromiso de "defender Galiza, a democracia e a soberanía". A súa intención, di, é que "Galiza estea presente en todos os debates políticos desta Cámara", máis aínda porque "levamos moito tempo esperando". Neste sentido, agarda un "desbloqueo da axenda galega" partindo dunha "actitude construtiva, pero tamén moi firme".

"As infraestruturas pendentes, as necesidades económicas" ou "os dereitos sociais e nacionais", cita, serán aspectos que estean sobre a mesa nas negociacións co PSOE antes de definir o sentido do voto no previsible debate de investidura de Pedro Sánchez. Nesta liña, Rego prevé manter un novo encontro coa voceira socialista, Adriana Lastra, esta mesma semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.