A extrema dereita prende en moitos territorios do Estado e faino cada vez con máis forza. No conxunto de España, Vox acadou neste pasado 10N o 15% dos votos e superou esa porcentaxe nunha morea de comunidades, chegando ao 28% en Murcia, onde foi primeira forza, e pasando do 20% noutras como Andalucía ou Castilla-La Mancha. O partido ultra pasou, de feito, do 11% dos sufraxios en todas as comunidades agás en catro: as recoñecidas como nacionalidades históricas e Navarra.
Tan só en Catalunya (6,3%), Navarra (5,3%) e Euskadi (2,4%) a extrema dereita obtivo menor apoio que en Galicia (7,8%)
O apoio a Vox en Galicia, aínda que en ascenso como no resto de territorios, segue a ser dos máis baixos do Estado, cun 7,8% dos sufraxios. Tan só en Catalunya (6,3%), Navarra (5,3%) e Euskadi (2,4%) a formación de extrema dereita obtivo menor porcentaxe. Catro territorios comúns na presenza dunha relevante identidade propia.
A distancia é, ademais, considerable coa seguinte autonomía con menor apoio á ultradereita, La Rioja, onde Vox acadou o 11,5% e tampouco tivo representación, como en Navarra, Galicia e Euskadi, os únicos territorios de España onde non acadou escano ningún.
Pero máis aló da obtención ou non de escanos, Vox sobe en todas as autonomías e en todas as provincias do Estado agás nunha, en Bizkaia, onde caeu en porcentaxe e número de votos. No caso das galegas, suma 12.000 votos máis na Coruña respecto ao 28A e suma case tres puntos; aumenta 3.000 votos e tamén case tres puntos en Lugo; 10.000 e 2,5 puntos en Pontevedra; e 3.000 e outros 2,5 puntos en Ourense. O incremento é xeral e mantido, sendo Ribeira, Becerreá, Abadín e Carballeda de Valdeorras as localidades nas que obtén mellores rexistros, entre o 12 e o 13%, e superando o 10% noutros 16 concellos, desde Meaño ou Barbadás ata O Barco ou Xinzo de Limia.
Con todo, o auxe de Vox non é aínda comparable ao que se dá noutros territorios. A ton verde do mapa é case inapreciable en Galicia, País Vasco e Navarra e Catalunya, pero torna en moito máis escuro en Murcia, Andalucía, Madrid, importantes zonas da Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha ou en Ceuta, onde supera o 35% de voto. A extrema dereita conseguiu representación en 33 circunscricións e foi primeira forza en 284 concellos, 36 deles con máis de 10.000 habitantes.
Vox foi o máis votado en Murcia ou en 66 municipios de Madrid, onde ten o seu caladoiro de votos xunto con Andalucía, Valencia e Castilla-La Mancha
Destaca o apoio obtido en cidades como Algeciras, con máis de 200.000 habitantes, onde supera o 31% de voto, ou Roquetas de Mar, El Ejido e Torre-Pacheco, con máis do 35% de sufraxios para os ultras, que son fortes en lugares cunha elevada presenza de traballadores inmigrantes vinculados á agricultura. Vox é a formación máis votada en 66 localidades de Madrid, case todas municipios pequenos da periferia pero tamén vilas grandes como Navalcarnero ou Valdemoro.
A ultradereita fíxose tamén forte en toda a costa andaluza e especialmente en Murcia, única comunidade onde gaña as eleccións e onde é primeira forza en 16 concellos e segunda na capital, a tan só 400 votos do PP, ademais do caso citado de Cartagena, onde é o partido máis votado.
O bloque da dereita é maioritario en todas as comunidades autónomas agás en seis: Galicia, Euskadi, Navarra, Catalunya, Illes Balears e Asturias
En casos como os da Región de Murcia, a suma de Vox con PP e Ciudadanos dálle unha importante maioría á dereita, que alcanza o 62% dos sufraxios fronte ao 35,5% da esquerda, tendo en conta en todos os casos os principais partidos estatais ou locais de cada territorio.
A dereita é a vencedora na maioría das comunidades autónomas. En todas agás en seis delas, entre as que se inclúe Galicia, que nestas eleccións xerais deu a maior vantaxe histórica ao bloque progresista sobre o conservador, cun 53,6% fronte a pouco máis do 44%. A suma de PSdeG, En Común, BNG e Más País supera amplamente á de PP, Vox e Ciudadanos.
Sempre tendo en conta os partidos máis importantes, tanto a nivel estatal como local e autonómico, e como no caso da menor presenza de Vox, doutra volta Catalunya, Navarra e Euskadi lideran os territorios onde a esquerda acada máis forza.
No caso catalán, onde hai máis diferenza entre bloques, a suma de ERC, PSC, En Comú, CUP e Más País supón case o 65% dos votos fronte ao 27,4% de Junts per Catalunya, Ciudadanos, PP e Vox.
As formacións de esquerda suman case o 65% dos votos en Catalunya, fronte ao 27,4% de JxCat, Ciudadanos, PP e Vox
En Navarra, pola súa banda, o espazo da esquerda --incluíndo a PSOE, EH Bildu e Podemos-- supón case o 59% fronte a pouco máis do 35% de Navarra Suma e a ultradereita. En Euskadi, pola súa banda, as formacións progresistas acadan o 54% mentres que a dereita, metendo nese grupo o PNV, alcanzou o 44,4% neste pasado 10 de novembro.
A esquerda é tamén maioritaria, aínda que por pouco, nas Illes Balears, onde socialistas, Podemos, Més e Más País suman case o 50% fronte ao 47,3% de PP, Ciudadanos e Vox, que ten no arquipélago unha importante presenza tamén.
Asturias é a outra comunidade onde o espazo progresista é maioritario, cunha vantaxe de case seis puntos entre a suma dos partidos de esquerda (51,5%) e a da dereita (45,8%). En Cantabria, tendo en conta que a enquisa do CIS sitúa o PRC claramente no centro, o bloque conservador supera o 45% dos votos fronte ao 31,9% de Podemos e PSOE.
No resto de territorios, a dereita suma maioría, sendo especialmente ampla no devandito caso de Murcia, pero tamén nas dúas Castelas. En Castilla y León, o bloque progresista supera por pouco o 40% dos votos, mentres que en Castilla-La Mancha anda sobre o 42%. En Madrid, o bloque conservador sumou o 52,3% dos sufraxios fronte ao 45,5% de PSOE, Podemos e Más País.
No resto de autonomías, a diferenza entre a dereita e a esquerda é menor, sendo nalgúns casos moi apertada, como no da Comunitat Valenciana, cunha diferenza de punto e medio, unha distancia semellante á que se dá en Andalucía.