A idade é o factor máis importante na explicación do voto en Galicia, moi por riba da renda. A poboación de máis idade vota maioritariamente á dereita e a máis nova aposta pola esquerda. Non é posible saber que vota cada persoa, aínda que os estudos dos últimos anos confirman esta hipótese (que poderá ser cotexada no traballo postelectoral do CIS cando se publique). Porén, si podemos saber que votou cada sección censual e comparalo coa idade media desas sección ou coa porcentaxe de poboación maior de 65 anos.
O PP incrementa a súa porcentaxe de voto nas zonas máis envellecidas, sobre todo no 20% máis avellentado
Se dividimos en 10 bloques as máis de dúas mil seccións existentes en Galicia (unha medida que descende ata o nivel dun conxunto de rúas nas cidades ou dunha ou varias parroquias nas zonas rurais) en función da súa idade media, atopamos que o PP incrementa a súa porcentaxe de voto nas zonas máis envellecidas, sobre todo no 20% máis avellentado. O PSdeG-PSOE mantén unha grande estabilidade en todas as áreas.
Os restantes partidos obteñen mellores datos canto máis nova é a sección, sobre todo En Común, que rolda o 15% dos votos nas zonas con menor idade media e cae ata o 5% (e a quinta posición por detrás de VOX e BNG) nas de maior idade media. BNG e VOX seguen dinámicas semellantes, sempre co Bloque por diante, ata chegar a ese 10% de seccións máis envellecidas, onde a formación de ultradereita se sitúa como a terceira forza máis votada.
O PSdeG-PSOE é o partido máis votado en todas as zonas que teñen idades medias por debaixo da media galega
O PSdeG-PSOE é o partido máis votado nos seis primeiros decís, é dicir, en todas as zonas que teñen idades medias por debaixo da media galega. No penúltimo bloque (xa con idades medias por riba de 51,5 anos) o PP supera xa claramente aos socialistas (40% a 29%). E no derradeiro decil (con idades medias superiores a 54 anos), os populares chegan ao 46%, fronte a un 30% do PSdeG e un 6,6 de VOX.
Se sumamos as porcentaxes dos bloques de esquerda (PSdeG, En Común e BNG) e dereita (PP, VOX e Ciudadanos), obtemos un debuxo semellante. A esquerda é amplamente maioritaria nas seccións censuais con idades medias inferiores a 51,5 anos, sobre todo nas zonas máis novas (54,2% a 39,9%). Porén, nos dous últimos decís gaña con claridade a dereita (50,5% a 45,3% e 55,3% a 41,3%).
Esta distribución pode verse no gráfico que indica a relación entre a porcentaxe de voto ao PP e a idade media de cada sección censual. A nube de puntos amosa que cando máis avellentado é o lugar, mellor é o dato dos populares.
O gráfico do PSdeG-PSOE non amosa relación entre o seu voto e a idade media das distintas seccións. A difereza do de En Común, que si acada os seus mellores resultados nas zonas máis novas, de forma moi clara. BNG e VOX tamén teñen mellores datos nas seccións máis novas, pero a relación non é tan acusada.