A renda é habitualmente un bo indicador da orientación do voto. As zonas máis ricas adoitan votar máis a partidos de dereitas e as máis pobres a forzas de esquerdas. O que di a teoría aplícase, con matices, en moitos territorios do Estado español, como recolle esta reportaxe de eldiario.es. Pero non en todos e, dende logo, non en Galicia, onde a renda media dunha zona está moi determinada por factores como o envellecemento, de xeito que os espazos máis envellecidos e rurais son tamén os máis pobres e os máis ricos correspóndense sempre con barrios urbanos ou de localidades das súas áreas metropolitanos.
Nesas zonas máis pobres (pero tamén máis envellecidas e rurais) os populares roldan o 43% dos votos
Por exemplo, no 10% das seccións máis pobres a idade media é de 48,4 anos, cunha porcentaxe de pensionistas que supera o 34%, oito puntos máis que nas seccións máis ricas.
É por iso que en Galicia o Partido Popular (cuxo voto está moi relacionado coa idade) acada mellores resultados nas seccións censuais con rendas máis baixas, como tamén recolle estoutra reportaxe de eldiario.es. Nesas zonas máis pobres (pero tamén máis envellecidas e rurais) os populares roldan o 43% dos votos, fronte ao 30% do PSdeG-PSOE e cifras por debaixo do 10% nos restantes partidos (En Común 8%, VOX 7%, BNG 6%, Ciudadanos 3%).
O voto socialista mantense moi estable en todas as zonas, dende as seccións máis pobres e envellecidas ás máis ricas e novas, mentres que En Común e Ciudadanos acadan mellores resultados canto máis rica e nova (e urbana, case sempre) é unha sección. O voto a BNG e VOX tamén crece lixeiramente nos espazos de máis renda, pero en menor medida. Porén, todo cambia de novo ao chegar aos barrios máis ricos, ás seccións con maior renda media.
Nas 25 seccións con máis renda o PP acada unha media do 43,4% dos votos, duplicando os datos do PSdeG (21,5%)
Se analizamos as seccións con maior renda media por persoa (barrios urbanos ou parroquias de localidades situadas nas súas áreas metropolitanas) atopamos un resultado electoral moi diferente ao rexistrado no conxunto de Galicia. Así, nas 25 seccións con máis renda o PP acada unha media do 43,4% dos votos (31,94% no conxunto do país), duplicando os datos do PSdeG (21,5%, lonxe do 31,28% acadado en toda Galicia).
Ademais, na Galicia máis rica VOX é a terceira forza, con case o 10% dos apoios, dous puntos máis que o seu resultado global. E Ciudadanos, cun 6,3%, tamén mellora en dous puntos a súa media.
Na Galicia máis rica VOX é a terceira forza, con case o 10% dos apoios
A pesar de que En Común acada os seus mellores datos nas zonas urbanas e conurbanas, non o fai nos barrios máis ricos, onde fica no 8,5% (obtivo un 12,66% no conxunto de Galicia). E tamen o BNG, co 5,6%, ten nestas zonas un apoio inferior á súa media no conxunto do país (8,13%).
As tendencias mantéñense ao analizar as 50 e as 100 sección con maior renda, pero as dinámicas observadas nos barrios máis ricos van atenuándose, achegando os resultados ás medias globais. Mesmo así, nas 50 seccións máis ricas o PP segue por riba do 40% e VOX mantense como terceira forza.
No barrio máis rico de Galicia o PP obtivo o 53% dos votos, por diante de PSdeG (14,7%), VOX (10,5%), En Común (6,8%), Ciudadanos (5%) e BNG (4,2%)
Por poñer un exemplo concreto, na sección censual con máis renda media en toda Galicia, situada no Ensanche da Coruña (na contorna da Praza de Galicia) o PP obtivo o 53% dos votos, por diante de PSdeG (14,7%), VOX (10,5%), En Común (6,8%), Ciudadanos (5%) e BNG (4,2%).
Nas seguinte, situada en Oleiros, o PP tamén foi a forza máis votada, cun 42%, duplicando o PSdeG (20,5%) e con VOX como terceira forza (12,6%). E iso, a pesar de que no conxunto do Concello impuxéronse os socialistas con En Común como terceira forza.
Mesmo no barrio máis rico de Vigo (a quinta sección con máis renda de Galicia), tamén situado no centro da cidade, o PP impúxose con claridade ao PSdeG (42,4% a 15,6%), con VOX como terceira forza por diante de En Común. E todo a pesar de que no conxunto da urbe os socialistas gañaron aos populares por 14 puntos (36,6% a 22,4%), con VOX en cuarta posición con apenas un terzo dos votos de Podemos.