Convenio de Istambul e Pacto de Estado: lonxe aínda da súa aplicación na loita contra a violencia machista

Imaxe dunha das manifestacións que tiveron lugar o pasado 8 de marzo en Galicia CC-BY-NC Galiza Contrainfo

No ano 2014 España ratificou o Convenio de Istambul, un acordo europeo que busca afianzar en todo o continente a prevención e a loita contra a violencia que sofren as mulleres por ser mulleres. Porén, cinco anos despois moitas das súas medidas seguen sen ser aplicadas, como lembran as organizacións feministas. Xa o pasado ano un 'informe sombra' que analizaba o cumprimento do convenio nos distintos países alertaba de que  "España suspende en moitas das cuestións máis cruciais" e dende entón moitas destas eivas seguen sen resolverse.

Cinco anos despois moitas das súas medidas seguen sen ser aplicadas, como lembran as organizacións feministas

Algúns dos elementos sobre os que máis se fixo fincapé nos últimos anos teñen que ver coa necesaria ampliación do concepto de violencia machista a todos os tipos de violencia que sofren as mulleres (e non só a exercida por parellas ou ex parellas), a protección das vítimas de violencia sexual (de xeito que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito) ou as medidas de protección xudicial para as vítimas de violencia de xénero. 

Tamén o fomento da educación para a igualdade, a dotación de recursos e formación no sistema sanitario para asegurar a axeitada detección precoz da violencia de xénero, as garantías de que os maltratadores non serán recompensados co dereito á visita de fillos e fillas (como sucedeu no caso de Juana Rivas), ou o esforzo orzamentario dedicado á loita contra a violencia machista e ao apoio ás vítimas.

Amnistía Internacional denuncia que "a loita contra a violencia sexual non é aínda unha prioridade nas comunidades autónomas"

A aplicación do convenio vai moi lenta nalgúns aspectos, e nin sequera a sinatura en 2017 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero garantiu a transformación en leis e en políticas das súas boas intencións. De igual xeito, o pasado venres Amnistía Internacional denunciaba que "a loita contra a violencia sexual non é aínda unha prioridade nas comunidades autónomas" e demandaba a aplicación dunha serie de medidas, contidas na súa maioría no Convenio de Istambul.

Amnistía Internacional reclamaba a creación de centros de crises que atendan "de maneira permanente" ás mulleres e mellorar a formación con enfoque de xénero aos profesionais cos que se atopan as mulleres que sufriron unha agresión sexual impulsar. Ademais, pedía "reformar o Código Penal, centrándose no consentimento libre e expreso dado pola muller, tal e como establecen os estándares internacionais" e impulsar a aprobación dunha Lei Integral contra a Violencia Sexual.

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado de Educación Social © Compostela en Negro

Todas as vítimas da violencia machista

Un dos aspectos que máis se ten reivindicado é a consideración de vítimas da violencia machista. O problema radica en que a Lei integral contra a violencia de xénero do ano 2004 ten como obxecto unicamente a violencia exercida contra as mulleres por parte dos seus "cónxuxes" actuais ou pasados ou de quen "estivesen ligados a elas por relacións similares de afectividade, mesmo sen convivencia". Pero tal e como recomenda o Convenio de Istambul, ratificado por España, o concepto debe ampliarse a outros tipos de violencia que sofren as mulleres, polo feito de seren mulleres, como si recolle a lei galega do ano 2007.

O Convenio de Istambul recomenda que o concepto de violencia machista debe ampliarse a todos os tipos de violencia que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres, como si recolle a lei galega do ano 2007

No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do 2017, as forzas políticas e os diferentes gobernos comprometéronse a aplicar para eliminar diversas disfuncións na loita contra as agresións machistas. Entre elas, a estatística. De feito, o propio Convenio de Istambul recolle no seu artigo 11 o compromiso de "recoller os datos estatísticos detallados pertinentes sobre os asuntos relativos a todas as formas de violencia incluídas no ámbito de aplicación do presente Convenio". E o mesmo se recolle no Pacto de Estado. Porén, a demora na translación ás leis do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero provoca que, polo momento, as vítimas que non fosen parellas ou ex-parellas dos agresores non aparezan reflectidas como tales nas estatísticas oficiais.

Así sucedeu recentemente con dúas das tres mulleres asasinadas en Valga (a nai e a irmá da muller asasinada polo seu ex), que non aparecen oficialmente como vítimas de violencia machista. E sucedía tamén en casos como o de Diana Quer, que non é considerado oficialmente un "feminicidio" ou un "asasinato misóxino", a pesar de ser un asasinato en función do xénero e cun móbil sexual. Iso si, os casos de violencia machista acontecidos fóra da parella si son reflectidos dende o ano 2016 nas análises do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. "Con iso preténdese visibilizar estoutras formas de violencia sobre a muller e a consecuente concienciación social sobre iso", confirma Ángeles Carmona, presidenta do órgano.

Eivas na resposta xudicial e en prevención

Algunhas das maiores críticas chegan no eido xudicial, comezando pola ausencia de xulgados específicos de violencia de xénero

Algunhas das maiores críticas chegan no eido xudicial, comezando pola ausencia de xulgados específicos de violencia de xénero (en Galicia só existen dous, na Coruña e Vigo). Como sinalaba nesta entrevista Paz Filgueira, "nas grandes cidades hai carencias, pero no resto de Galicia o trato ás vítimas é moito peor". Eivas en persoal e tamén na súa formación específica, eivas mesmo arquitectónicas nos edificios dos xulgados (deberían estar deseñados para ter salas separadas para agresores e agredidas, algo que moitas veces non sucede), que se unen a un sistema xudicial que sofre situacións de grandes demoras.

Ademais, as axudas económicas son moi limitadas e en moitos casos non serven para romper coa dependencia económica que algunhas vítimas teñen cos seus agresores. Ademais, non son automáticas, pois poden tardar varios meses. Os agresores, así mesmo, moitas veces non pagan as pensións alimenticias dos menores, e o proceso para obrigalos a facelo tamén pode tardar bastante. "Hai mulleres que cando van denunciar, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas" denunciaba a este respecto Raquel Doval (Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos) nesta entrevista.

Outra das claves nas que se reclama facer máis énfase é a prevención, sobre todo na educación nos centros de ensino. No Convenio de Istambul os países asinantes comprométense a incluír nos programas de estudos oficiais en todos os niveis "temas como a igualdade entre mulleres e homes, os papeis non estereotipados dos xéneros, o respecto mutuo, a solución non violenta de conflitos nas relacións interpersoais ou a violencia contra a muller por razóns de xénero". A LOGSE foi pioneira nestas cuestións en 1990, e tamén a LOE do ano 2006 establecía a materia de Educación para a cidadanía. Porén, denúnciase que a LOMCE significou un retroceso na educación en igualdade.

Sesión do Parlamento galego do pasado mércores © Parlamento de Galicia

Acordo do Parlamento galego

Esta mesma semana o Parlamento galego aprobou por unanimidade de todos os grupos (PP, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto) unha moción do BNG que insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para revisar algunha das materias pendentes na loita contra a violencia sexual.

O Parlamento galego pediu por unanimidade que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito

Por exemplo, demándase "a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais así como a consideración destes delitos como delitos de carácter público" e impulsar a aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito.

Reclámase que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados especializados de violencia machista

A moción pide tamén modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fixo a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007, tres anos máis tarde que a estatal. A norma entende por violencia de xénero "calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada". Así mesmo, reclámase que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados especializados de violencia machista.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.