Dúas das tres mulleres asasinadas este luns en Valga a mans de José Luis Abet non constarán nas estatísticas oficiais das vítimas mortais da violencia de xénero. Si o fará a ex-parella do agresor, Sandra, pero non a súa nai e a súa irmá, María Elena e Alba. Como contabamos hai dous días, España aínda non trasladou á súa lexislación as recomendacións do Convenio de Istambul e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que recomenda que as estatísticas oficiais reflictan "todas as formas de violencia contra as mulleres", con independencia de que o agresor fose parella da vítima no momento da agresión ou no pasado.
Dende o 2010, 38 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas. Porén, outra vintena de feminicidios non foron incorporados a esta estatística
Dende o ano 2010 un total de 38 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas. No que levamos de ano producíronse en Galicia tres feminicidios íntimos, que si figuran na estatística oficias de asasinato machista: María José Aboy Guimarey (43 anos, Valga), María Carmen Vázquez (47 anos, Vilalba) e Alba Boquete Jamard (39 anos, Valga). Porén, outra vintena de feminicidios non foron incorporados a esta estatística. Un dos máis lembrados é o de Diana Quer, secuestrada e asasinada na Pobra do Caramiñal polo feito de ser muller, pero hai moitos máis, con circunstancias diversas.
Entre 2010 e 2019 houbo en Galicia un total de 10 'feminicidios familiares' e 3 'feminicidios infantís', aos que hai que sumar 2 casos de 'feminicidios non íntimo' (o de Diana Quer e o da ferrolá Marta Sequeiro) e outros 6 feminicidios sobre os que falta información para adxudicarlles unha categoría definida, explica o observatorio de Feminicidio.net, que elabora un arquivo sobre cada caso. Ademais, rexistráronse nestes anos outros 5 asasinatos de mulleres que non poden ser considerados feminicidios, tres por roubo, un por violencia comunitaria ou económica e un por violencia xuvenil.
Entre 2010 e 2019 houbo en Galicia un total de 10 'feminicidios familiares' e 3 'feminicidios infantís', aos que hai que sumar 2 casos de 'feminicidios non íntimo'
Nesta listaxe de feminicidios que non aparecen na estatística oficial de violencia de xénero figura por exemplo o caso de Marta Sequeiro Valencia, unha camareira de 43 anos asasinada en Ferrol en 2016. Ou o de Tatiana Vázquez Abuín, unha moza de 24 anos asasinada en Lugo despois de recibir 54 puñaladas. Aparece tamén o caso de Rosa Rego (57 anos, Porto do Son), que morreu tras precipitarse por unha fiestra, atopándose posteriormente o cadáver do seu marido, que se suicidara. Porén, non puido probarse o asasinato a cargo do home.
Hai, ademais, un gran número de asasinatos realizados por familiares varóns que non eran parella da falecida. Foi o caso, por exemplo de Celia Portas González, de 92 anos e residente en Lalín, supostamente asasinada en 2010 polo seu fillo. Semellante foi a morte de Delia Arbor Rodriguez (85 anos, Maside), asasinada tamén polo seu fillo. En ambas as dúas ocasións o asasino suicidouse inmediatamente despois de cometer os feitos. No 2012 Dolores Rodríguez Míguez (77 anos, Ourense) foi asasinada polo seu neto.
Noutros casos, a asasinada foi a filla, como Sonia Mouriño Reboredo de 21 anos e a quen seus pais quitaron a vida no ano 2010. Houbo, ademais, tres menores de idade: Asunta Basterra, de 12 anos, asasinada en 2013 en Compostela; e Amaia e Candela Oubel, de 4 e 9 anos, asasinadas en 2015 en Moraña.
Hai, así mesmo, varias mortes que aínda fican por aclarar, coma o de María Paz Angelita Loureiro López (71 anos, Lalín), un caso arquivado xudicialmente pero que segue aberto.