2019 comeza cun récord no número de denuncias por violencia de xénero en Galicia

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado de Educación Social © Compostela en Negro

Os xulgados galegos rexistraron neste comezo de ano o maior número de denuncias por violencia de xénero presentadas no primeiro trimestre dende que hai datos. Foron 1.736, un número semellante ás dos tres últimos trimestes de 2018, pero moi por riba das cifras do primeiro trimestre do pasado ano (cun dato especialmente baixo por mor da folga no sector da Xustiza), e superiores igualmente aos rexistros do mesmo período en anos anteriores.

A gráfica permite comprobar a tendencia á alza que as denuncias experimentan dende o ano 2014 e, ademais, como o primeiro trimestre é habitualmente o que rexistra as cifras máis baixas.

O 82,32 % das persoas axuizadas en Galicia por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Ademais, durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 433 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 459 de 2018, o que supón un descenso do 5,7 %. Das 433 adoptáronse 261, o 60,28 por cento.

O primeiro trimestre é habitualmente o que rexistra as cifras máis baixas en todo o ano

Paz Filgueira, durante anos a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo e na actualidade responsable do Xulgado de Familia número 12 da cidade olívica, alertaba nesta entrevista das carencias que presentaban moitos xulgados galegos, sobre todo fóra das zonas urbanas, para dar resposta á violencia machista. A realidade é que en Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas. De igual xeito, Raquel Doval, coordinadora da Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, alertaba nesta conversa de que "hai mulleres que cando van denunciar, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas"

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.