En 2018 presentáronse nos xulgados galegos 6.537 denuncias por violencia de xénero. A cifra supón un incremento do 1,6% con respecto ao pasado ano e, polo tanto, marca un novo máximo histórico. Hai que ter en conta que no primeiro semestre o efecto da longa folga que se viviu no sector da Xustiza (118 días entre febreiro e maio) fixo que as denuncias descendesen notablemente (un 20% no primeiro trimestre e algo menos no segundo). Porén, na segunda metade do ano as denuncias disparáronse en Galicia (+13% no terceiro trimestre e un +19% no cuarto).
A folga na Xustiza fixo que as denuncias presentadas descendesen no primeiro semestre, pero o seu número disparouse na segunda metade do ano
Tamén se acadou un novo máximo histórico no número de ordes de protección solicitadas polas vítimas (2.021, un 5% máis) e definitivamente adoptadas (1.357, un 6% máis). E, igualmente, nas condenas totais por violencia machista, que ascenderon a 685, un 19% que no ano 2017.
A porcentaxe de sentenzas condenatorias pasou do 77,6% ao 86,7%. Sete de cada dez homes xulgados por este motivo eran de nacionalidade española e o resto estranxeiros, unha proporción semellante á que se rexistra nas denunciantes.
Houbo tamén un máximo de ordes de protección solicitadas e adoptadas e igualmente un récord nas sentenzas condenatorias
Paz Filgueira, durante anos a titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo e na actualidade responsable do Xulgado de Familia número 12 da cidade olívica, alertaba nesta entrevista das carencias que presentaban moitos xulgados galegos, sobre todo fóra das zonas urbanas, para dar resposta á violencia machista. A realidade é que en Galicia só hai dous xulgados exclusivos de violencia de xénero. O resto dos partidos xudiciais teñen un xulgado que cumpre esas funcións, pero son funcións compartidas. De igual xeito, Raquel Doval, coordinadora da Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, alertaba nesta conversa de que "hai mulleres que cando van denunciar, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas"
O efecto da folga na Xustiza
A estatística feita pública este venres 8 de marzo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia amosa tamén o fondo efecto provocado neste ámbito pola folga no sector. No gráfico pódese observar a evolución entre o número de denuncias presentadas en cada trimestre de 2017 e 2018, cun forte descenso no primeiro trimestre de 2018, algo menor no segundo. E, en cambio, como na segunda metade de ano a cifra de casos que chegaron aos tribunais foi moi superior á do mesmo período de 2017.