O 60% das vítimas da violencia machista denunciada en Galicia teñen entre 25 e 44 anos

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar por primeira vez un estudo sobre "violencia doméstica e de xénero". Faino en virtude dun acordo co Ministerio de Xustiza para poder explotar estatisticamente o Rexistro Central para a protección das vítimas da violencia doméstica e de xénero que permite, por exemplo, coñecer unha radiografía das mulleres vítimas das agresións machistas que denunciaron os seus agresores. No ano 2011, exercicio ao que correspondente este primeiro estudo, seis de cada dez das vítimas de violencia machista denunciada en Galicia tiñan entre 25 e 44 anos.

A franxa de idade máis abondosa (25-44) nesta estatística era na que se atopaban 831 mulleres das 1.368 mulleres que denunciaron os maltratadores no ano analizado. O seguinte treito de idade con maior incidencia foi o das mulleres de entre 45 e 64 anos, con 296 vítimas, seguido polo treito de entre 18 e 24 (186 casos), as maiores de 65 (39 casos). Neste rexistro tamén figuran 16 casos denunciados nos que as mulleres vítimas de violencia machista tiñan entre 14 e 18 anos.

Unha ollada a esta estatística tamén permite confrontar a realidade dos casos denunciados con certos tópicos como, por exemplo, o da nacionalidade de vítimas e agresores. Así, das 1.368 vítimas rexistradas, 1.026 tiñan nacionalidade española e 67 procedían do resto da Unión Europea. As demais mulleres que denunciaron unha agresión cometida pola súa parella ou ex parella tiñan nacionalidade dalgún país americano (222), africano (30) ou asiático (3). A nacionalidade española tamén é a predominante entre os agresores denunciados, foron 1.099 dos 1.370. A estatística complétase con 89 denunciados dalgún país membro da UE, 12 do resto de Europa, 109 de América, 58 de África e 3 de Asia.

A nacionalidade predominante entre as vítimas e os agresores é a española

Os procedementos xudiciais iniciados a causa da violencia machista derivaron en 1.599 infraccións penais das que 1.521 foron consideradas delitos en 2011. Dos delitos, a maioría (813) foron lesións, seguidas por "torturas" e agresións contra a "integridade moral" (267) e as ameazas (261). En menor medida houbo condenas por coaccións (46), agresións sexuais (10), inxurias (4), entrada na morada allea (3) e un homicidio. Tamén foron abondosos os incumprimentos de condena (102). Ademais dos delitos houbo 78 faltas, todas elas consideradas "faltas contra as persoas".

En termos comparados a respecto do resto do Estado, Galicia foi en 2011 a oitava autonomía con máis vítimas de violencia machista en números absolutos, nun rexistro que encabezan Andalucía (7.780), a Comunitat Valenciana (4.438) e Madrid (4.095). Non obstante, se o rexistro observado é a taxa de vítimas por cada 100.000 mulleres (de 14 ou máis anos) Galicia descende ao penúltimo lugar, cunha taxa de 105,3 que só é superior á de Euskadi, que queda no 67,4. Neste indicador a autonomía que sae peor parada é tamén Andalucía (214,3). Séguena Murcia (211,1) e a Comunitatr Valenciana (199,3).

 

Fonte: INE © INE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.