125 comercios de Lugo convértense en "espazos seguros contra as agresións sexistas"

Os establecementos identifícanse con esta imaxe nos seus escaparates © Concello de Lugo

Aproveitando os festexos do Arde Lvcvs, que comeza este venres, Concello de Lugo e Deputación provincial puxeron en marcha este xoves a campaña de prevención e sensibilización contra as agresións sexuais "Non é Non". A campaña inclúe, ademais, a constitución dunha "rede de refuxio" para as posibles agredidas, composta por 125 establecementos comerciais que se comprometen a acoller a aquelas persoas que o demanden por sentirse vítimas dalgunha agresión e a permitir facer chamadas telefónicas a Emerxencias, Policía Local, Policía Nacional ou 016.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López presentaron a campaña lembrando que máis da metade das mulleres en España viviu violencia sexual en espazos de ocio, segundo os datos do informe Noctámbul@s 2016/2017. "Trátase de facer un chamamento ao lecer dende a liberdade e o respecto, así como previr actos e actitudes sexistas, co fin de acadar que non se produzan agresións", salientou Ana Abelleira.

A iniciativa busca "concienciar á sociedade sobre un concepto moi sinxelo: cando unha muller di que 'non', é que 'non', sempre, en calquera situación. Porque ser amable non é unha invitación a nada"

"Esta fin de semana todos os lucenses e os veciños da provincia, temos que ser un exemplo, saíndo ás rúas a desfrutar, pero sempre respectando, pois facer fronte as actitudes machistas é unha tarefa común de toda a cidadanía", subliñou Sonsoles López, que destacou que a iniciativa busca "concienciar á sociedade sobre un concepto moi sinxelo: cando unha muller di que 'non', é que 'non', sempre, en calquera situación. Porque ser amable non é unha invitación a nada".

A campaña inclúe a distribución de dípticos e vinilos informativos e chapas que manifestan o rexeitamento de todo tipo de agresións, así como os pasos que se recomendan en caso de sufrir algunha.

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.