0 Gardados para despois

A folga na Xustiza provocou a maior caída de desafiuzamentos en Galicia dende que hai rexistros

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Os desafiuzamentos baixaron en Galicia de xeito espectacular no primeiro trimestre deste ano, cun descenso do 55,7% respecto do mesmo período do ano pasado. O número de lanzamentos practicados entre xaneiro e marzo pasou dos 684 de principios de 2017 aos 303 de 2018, unha diminución moi importante que se debe, en moi boa medida, á folga do persoal da Administración de Xustiza no país, que comezou o 7 de febreiro e finalizou hai tan só unha semana e 114 días despois

Os desafiuzamentos descenderon máis dun 55% no primeiro trimestre do ano, en boa parte pola folga do persoal de Xustiza

Así o aclara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que facilita os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e asegura que esta importante caída "débese, polo menos en parte, á folga de funcionarios que desde febreiro afectou o normal servizo da Administración de Xustiza en Galicia". Foi, de feito, a maior caída interanual desde que hai rexistros. 

A proba de que este descenso é debido fundamentalmente á folga do persoal de Xustiza é que o número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2018 mantívose estable, ao se presentar nese primeiro trimestre tan só unha demanda menos que no mesmo períodos do ano pasado: 288 fronte a 289.

Entre xaneiro e marzo houbo 89 lanzamentos por execución hipotecaria, fronte aos 205 de hai un ano

Do total dos 303 desafiuzamentos levados a cabo, producíronse 89 como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria (fronte aos 205 de 2017), o que supón un descenso interanual do 56,6%. Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos rexistráronse 204, fronte aos 453 do período anterior, xa que logo, un 55% menos. Pola súa banda, os lanzamentos que tiveron que ver con outras causas pasaron dos 26 no primeiro trimestre do ano pasado aos 10 nos tres primeiros meses de 2018.

A diferenza coas cifras que se deron no conxunto do Estado foron evidentes e grandes. Así, en España os lanzamentos practicados descenderon un 6,7%, moi lonxe da baixada do 55,7% que se produciu en Galicia, segundo se desprende do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que este xoves fixo público a Sección de Estatística do CXPX.

Con todo, e segundo os datos presentados, os concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos continúan a descender. Fronte aos 77 que se rexistraron no primeiro trimestre de 2017, pasouse a 68, o que supón unha baixada do 11,7%. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, presentáronse en Galicia nos tres primeiros meses do ano 15 casos, fronte aos 18 no mesmo período do ano pasado.

No conxunto do Estado, os lanzamentos practicados descenderon un 6,7%, moi lonxe da baixada do 55,7% en Galicia

No que ten que ver cos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos aos ERE, en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre do ano 4, fronte aos 9 do mesmo período do ano pasado. Ademais, as 1.193 demandas por despedimento presentadas nos xulgados do Social nese primeiro trimestre supoñen un descenso interanual do 12,7%, fronte ao ascenso do 1,6% rexistrado de media estatal.

O informe tamén sinala un descenso dos procedementos monitorios (de amoestacións) presentados no primeiro trimestre do ano nos xulgados de Primeira Instancia e de Primeira Instancia e Instrución. En Galicia presentáronse 5.941, fronte aos 6.973 do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 14,8%.

O TSXG insisten en que para "interpretar as conclusións destes datos hai que ter en conta a folga de funcionarios levada a cabo desde o 7 de febreiro".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.