0 Gardados para despois

A folga na Xustiza chega á súa fin tras 114 días de conflito

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Fin definitiva á folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia. Logo de 114 días e de case catro meses de paro, os tres sindicatos que aínda permanecían no comité de folga decidiron este xoves desconvocala, aínda que deixan aberta a posibilidade de "impugnar" o acordo entre a Xunta e outras tres centrais co que o Goberno deu por "pechado" o conflito a pasada semana. 

Os tres sindicatos que aínda quedaban no comité de folga deciden desconvocar o paro logo de 114 días e case catro meses

Foi, precisamente, a publicación dese acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG) este pasado mércores o que levou a Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG a comunicar a desconvocatoria da folga por rexistro ao Executivo galego. O pacto, subscrito por SPJ-USO, UGT e CCOO e aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana, puxera virtualmente fin xa á folga que levaba días cun seguimento testemuñal e unha volta aos poucos á normalidade nun sector no que o paro provocou o adiamento duns 20.000 xuízos e de milleiros de trámites, ademais de importantes descontos nas nóminas dos traballadores, duns 400 euros mensuais de media. 

"Xa non tiña sentido mantela", din fontes deses tres sindicatos que continuaban nun comité de folga onde, desde un principio e ata hai ben pouco, se mantiñan as sete centrais representativas do sector, que mantiveron unha unidade que rachou a mediados do mes de abril (SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO). Entón, o vicepresidente da Xunta e conselleiro responsable da Xustiza, Alfonso Rueda, revelou un acordo con catro das organizacións sindicais que non se aplicou daquela e provocou a división entre os representantes dos traballadores. O pacto decidiu someterse a votación entre o persoal. 

E saltou a sorpresa. O 53% do funcionariado que participou naquela consulta dixo non ao acordo que catro dos sete sindicatos pactaran. Foi unha votación tensa, con acusacións de presións por parte dos perdedores e euforia entre os vencedores: CUT, STAJ e CIG. Pero a Xunta mantívose firme e non aceptou mudanza ningunha no texto, malia que a súa derradeira proposta fora rexeitada polo persoal. 

Ante a imposibilidade de cambiar a posición do Goberno, o desgaste dunha folga histórica e a división entre os traballadores, SPJ-USO --sindicato maioritario--, uniuse a UGT e CCOO para aceptar a proposta e asinar o acordo coa Xunta nunha mesa sectorial que o resto das centrais consideraban un foro "ilegal" para o caso ao estar vixente aínda un paro que levaba días suspendido. As tres centrais asinantes representan menos do 50% do funcionariado e asumiron unha proposta rexeitada en votación polo persoal. Pero non había marcha atrás. 

Sinatura do acordo entre a Xunta e tres sindicatos da Xustiza / © Xunta

O amplo e masivo seguimento da folga durante meses quedara xa nun apoio residual e cunha importante división entre o persoal. Os sindicatos que asinaron o preacordo cren que cumpre "co 90% dos obxectivos" marcados no inicio do conflito, mentres que fontes dos que o rexeitan cren que "un movemento histórico como o que houbo non acadou nin a metade do que merecía e pedía". De feito, CUT, STAJ e CIG xa anunciaron que os seus servizos xurídicos, conxuntamente, estudarán a posibilidade de"impugnar" o pacto do xeito "menos lesivo para os traballadores". "Non lles queremos buscar ningún problema aos funcionarios pero queremos estudar se hai maneira de melloralo", din.

CUT, STAJ e CIG meditan "impugnar" o acordo coa Xunta pero do xeito "menos lesivo para os traballadores"

Que acadou o persoal da Administración de Xustiza en Galicia? Que gañou un colectivo duns 2.700 traballadores neste conflito que comezara xa antes da folga con varios paros nos xulgados? No que ten que ver co soldo, o texto asinado supón un incremento de 140 euros máis mensuais para forenses, 135 para xestores, 127 para tramitadores e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% destas cantidades neste exercicio, o 30% en 2019, e o 20% restante en 2020. 

O aumento está lonxe dos 400 euros máis ao mes que reclamaban os traballadores nun inicio e que rebaixaron axiña a 250 euros, 190, 180 e 140 para todos os corpos, a que foi a última proposta unitaria do comité de folga. Pero tamén das propostas dunha Xunta que teimou en negar máis negociacións e incrementos mentres subía un chisco a oferta en cada xuntanza. De feito, a súa primeira oferta ía dos 27 aos 50 euros segundo o labor do persoal de Xustiza. 

O acordo supón un incremento de 140 euros máis mensuais para forenses, 135 para xestores, 127 para tramitadores e 122 para auxilios

O acordo tamén inclúe a consolidación das prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, a creación de novas prazas, melloras nos xulgados, a ampliación do permiso por maternidade e paternidade, así como dos supostos de baixas por enfermidade nos que se percibe o 100% das retribucións. Ademais, a Xunta xa aclarou que en canto se publicase o acordado, o Executivo apurararíase para que os substitutos de traballadores de rango superior cobren a mesma cantidade que estes, para que se habiliten partidas para o reforzo dos xulgados de violencia machista e para que se eliminen os descontos por baixas de incapacidade temporal.

Agora queda recuperar todo o aprazado e o ritmo na Xustiza, logo da suspensión de milleiros de trámites e xuízos. A Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) xa acordaron poñer en marcha un plan de traballo que non se prevé materializar, no entanto, ata oo mes de setembro, tras as vacacións de verán. Así o aseguraron o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, logo da reunión da Comisión Mixta que o pasado 22 de maio empezou a definir as necesidades e liñas básicas do plan de recuperación do traballo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.