0 Gardados para despois

A Xunta "pecha" o conflito na Xustiza tras asinar un acordo con tres dos sete sindicatos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Xunta aplicará "xa" o acordo co que di que "pecha" o conflito na Xustiza galega, cunha folga indefinida que suma máis de cen días. O Goberno galego dao por pechado coa sinatura da súa última proposta por parte de tres dos sete sindicatos do sector (SPJ-USO, UGT e CCOO), que representan menos do 50% do funcionariado, sobre o 45,6%. 

A Xunta dá por "pechado" o conflito tras asinar o acordo con tres sindicatos, que representan menos do 50% do persoal

Os representantes destas tres centrais --Julio Bouza, do sindicato maioritario USO, Manuel González (UGT) e Tino Novoa (CCOO)-- asinaron co director xeral de Xustiza, Juan José Martín, un acordo que o Goberno prevé aprobar este xoves no Consello. A idea é que a maioría de puntos sexan aplicados "xa" e que as subas salariais sexan reflectidas nas nóminas de xuño "con retroactividade desde maio". 

O texto asinado supón un incremento de 140 euros máis mensuais para forenses, 135 para xestores, 127 para tramitadores e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% destas cantidades neste exercicio, o 30% en 2019, e o 20% restante en 2020. O acordo tamén inclúe a consolidación das prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, a creación de novas prazas, melloras nos xulgados, a ampliación do permiso por maternidade e paternidade, así como dos supostos de baixas por enfermidade nos que se percibe o 100% das retribucións. Ademais, Martín aclarou que en canto se publique o acordado, o Executivo apurarase para que os substitutos de traballadores de rango superior cobren a mesma cantidade que estes, para que se habiliten partidas para o reforzo dos xulgados de violencia machista e para que se elimien os descontos por baixas de incapacidade temporal. 

O texto que agora aplicará a Xunta fora rexeitado polo 53% do funcionariado que participou na consulta do pasado 27 de abril

O texto que se aproba fora rexeitado en votación polo 53% dos traballadores que participaron na consulta do pasado 27 de abril logo de que os tres sindicatos que agora asinan, ademais do CSIF, alcanzasen un preacordo coa Xunta. Daquela xa, AX-CUT, CIG e STAJ, as únicas centrais que se manteñen no comité de folga, apoiaran o non ao acordo e rexeitaran a proposta. 

Ante o estancamento da situación, a Xunta levou o acordo á mesa sectorial e deu un ultimato aos sindicatos para adherirse a el, baixo a ameaza de non aplicar ningunha das melloras pactadas se non había apoio. USO, UGT e CCOO, que representan menos do 50% do persoal, aceptárono, mentres que o CSIF, que avalara no seu día a oferta, abandonou o comité de folga pero opúxose ao xeito de referendar o acordo e apostou pola mediación. 

Os tres sindicatos que se manteñen no comité de folga estudan impugnar o acordo e acudirán á Valedora e á Defensora do Pobo

Os tres sindicatos que se manteñen no comité de folga anunciaron que estudan impugnar o acordo e que acudirán á Valedora e á Defensora do Pobo por considerar que a súa aprobación na mesa sectorial é "ilegal". Para a Xunta, o pacto levouse a cabo con "legalidade" e grazas ás "maiorías" da mesa sectorial. "É un acordo legal que beneficiará todos os traballadores, folguistas e non folguistas", dixo este mércores Martín. 

 

"Algúns pretendían alargar artificialmente o conflito"

Mentres desde CUT, STAJ e CIG cren que se "consuma a traizón", os sindicatos asinantes cren que o acordo é "beneficioso" para a sociedade e para os traballadores e aseguran que cumpre "co 90% dos obxectivos" que se marcaran no inicio do conflito. Malia recoñecer que non é "o mellor do mundo" si que se amosaron a favor de rematar cun conflito que, din, "algúns pretendían alargar artificialmente" e con "intereses espúreos". 

Os sindicatos asinantes cren que o acordo cumpre "co 90% dos obxectivos"

Por outra banda, a Xunta ratificou a súa intencións destacou que o acordo inclúe unha cláusula de revisión que garante que os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia manterán unha posición por riba da media dos territorios coa competencia transferida. Ademais, incorpórase a posta en marcha do plan de actuación que permitirá recuperar o traballo atrasado durante a folga. Segundo o avanzado na pasada xornada, Martín ratificou que abordará cos distintos colectivos implicados, ademais de con TSXG e Fiscalía.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.