0 Gardados para despois

Rueda culpa tres sindicatos da ruptura do preacordo na folga da xustiza e o persoal acúsao de mentir

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, atribuíu este xoves a suposta ruptura dun preacordo entre catro sindicatos dos traballadores da Xustiza (CCOO, UGT, CSIF SPJ-USO) e o Goberno galego para poñer fin á folga ás costas dos outros sindicatos a “presións” destes últimos sobre os primeiros. “Presións” ás que se referiu en varias ocasións, que non personificou e cuxas motivacións di que poden ser “adiviñables” pero non entendibles. Refírese a CIG, Alternativas na Xustiza-CUT e STAJ. 

Rueda acusa da suposta ruptura do preacordo con catro sindicatos ás "presións" dos outros tres

Rueda foi este xoves o encargado de comparecen ante os medios de comunicación da rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego. Alí o vicepresidente volveu amosar, como xa fixo este mércores, a súa “perplexidade, mesmo indignación” ante esa ruptura do preacordo por razóns que dixo que terán que ser explicadas “por quen o rompeu”. "Cando os sete sindicatos quedaron sós, mudou a postura de catro", advertiu. E lamentou os prexuízos que esta nova ruptura das negociacións supón para toda a cidadanía e tamén para “os traballadores que non están a participar na folga e aos que non se pediu a súa opinión malia estar afectados por calquera acordo que se poida acadar”.

Desde o comité de folga, diversas fontes insisten en negar que existese acordo asinado ningún e, mesmo desde as centrais que estiveron presentes nesa xuntanza con Rueda, advirten de que o alí falado virou nun borrador que tería que ser aceptado por todos os sindicatos e logo ratificado nas asembleas polo conxunto do funcionariado mobilizado. 

O comité de folga nega a existencia de preacordo asinado ningún e acusa a Rueda de "mentir" e intentar "dividir"

Tal e como fixo tras a ruptura das negociacións do mércores, o comité de folga acusa o vicepresidente da Xunta de "mentir" e querer "dividir" e rétao a que "amose" calquera documento asinado. Ademais, insisten en pedir a dimisión do número dous da Xunta, que asumiu que, malia non participar nas conversas formais e acordadas cos sindicatos, si foi o impulsor desa xuntanza con tan só catro das sete centrais presentes no colectivo negociador dos traballadores. 

A Rueda preguntóuselle que deben facer os sindicatos agora para que a Xunta volva sentar a negociar con eles, ao que respondeu remitíndose a ese preacordo e dicindo que “catro deles” son coñecedores das cláusulas que alí se contiñan, “o que a Xunta puxo sobre a mesa”. O vicepresidente do Goberno galego incidiu nesa estratexia de tentar dividir os sindicatos cando se lle preguntou se se arrepinte de negociar só con catro deles e non cos sete convocantes da folga, ao que respondeu que esa pregunta debería ser respondida por eses catro, que “consideraron dabondo o diálogo entre a Xunta e eles catro”, dos que salientou que “representaban o 60%”, sen formular “en ningún momento” que participasen nese preacordo o resto de sindicatos.

A última oferta trasladada pola Xunta traduciuse en 135 euros mensuais máis para os xestores, 127 para tramitadores e 122 para os auxilios xudiciais, ademais de 140 máis para os forenses, un incremento que se aplicaría en tres anualidades. A diferenza co solicitado polo comité de folga é de 12 euros mensuais máis para cada traballador, 140 para todos os corpos. Pouco máis de dez euros de diferenza que manteñen unha folga que vai camiño de cumprir once semanas e 20.000 xuízos suspendidos. 

O funcionariado, ao tempo, segue a celebrar asembleas na que os sindicatos dan conta das negociacións e manteñen a súa axenda mobilizadoras. Neste mesmo xoves, varias ducias de traballadores mobilizáronse na Coruña nun acto na residencia Padre Rubinos ao que acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e máis a raíña Sofía, entre outras autoridades.

Ademais, desde a oposición seguen a chegar críticas a Rueda. A secretaria de Xustiza do PSdeG, Paloma Castro, censurou a "absoluta incompetencia" do vicepresidente da Xunta na xestión co conflito e comparou o preacordo anunciado co "máster pantasma" de Cristina Cifuentes. "Se é mentira, debe ser cesado inmediatamente”, engadiu. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.